Pastor Candeira Álvarez, nado en Ponteareas o 2 de decembro de 1886, foi un industrial e político galego.

Traxectoria Foi nomeado concelleiro de Ponteareas en xaneiro de 1924. Na Segunda República foi presidente de Izquierda Republicana de Ponteareas. Foi nomeado xestor da Deputación de Pontevedra o 26 de marzo de 1936.Acta de sesión extraordinaria 26-3-1936. Foi nomeado vicepresidente do Consello provincial de Izquierda Republicana de Pontevedra en xuño de 1936. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 pasou á zona leal e presidiu o Comité de Izquierda Republicana da provincia de Pontevedra constituído en Barcelona en 1938. Abríuselle expediente polo Tribunal de Responsabilidades Políticas. Ao remate da guerra pasou a Francia e foi xefe da sección de Emigración do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), substituíndo a Alejandro Viana Esperón. O 12 de xuño de 1940 Pastor abandonou París con Alejandro Viana e Isabel Napal Mur rumbo a Bordeos. O 17 de xullo a Gestapo xunto con falanxistas tentou secuestrar a Alejandro Viana que logrou fuxir con Pastor e varios republicanos máis; tras cinco días agochados nos arredores de Bordeos, atravesaron Francia até La Louvesc, preto da fronteira con Suíza. Embarcou en Marsella no barco Alsina o 15 de xaneiro de 1941 con Alejandro Viana, Isabel Napal e outros 200 republicanos e centos de exiliados de diferentes países europeos, especialmente xudeus. Exiliouse en México, arribando ao porto de Veracruz o 19 de novembro de 1941.

Vida persoal Casou con María Domínguez Benavides en xaneiro de 1925.El Tea, 14-1-1925, p. 3.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Candeira Álvarez, Pastor (1886-?) Ficha no Repertorio biobibliográfico do exilio galego

Categoría:Concelleiros de Ponteareas Categoría:Concelleiros de Galicia durante a Restauración Categoría:Deputados provinciais de Pontevedra Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos de México Categoría:Nados en Ponteareas Categoría:Nados en 1886