The Tribe é unha serie de televisión británico-neozelandesa. Está ambientada nun futuro onde os adultos morreron por mor dun virus mortal, deixando sós ós nenos do mundo que deben valerse por si mesmos. A serie céntrase nunha cidade sen nome que está habitada por tribos de nenos e adolescentes. Foi rodada principalmente na cidade de Wellington e nos seus arredores.

A serie foi creada por Raymond Thompson e Harry Duffin (a partir dunha idea orixinal de Raymond Thompson) e foi desenvolvida e producida por Cloud 9 Screen Entertainment Group en colaboración coa canle británica Channel 5. Foi emitida en máis de 40 canles de televisión de todo o mundo.

Estreouse no Channel 5 o 24 de abril de 1999 e axiña conseguiu gran cantidade de seguidores entre os adolescentes. Producíronse cinco tempadas e 260 episodios dende 1999 a 2003. A sexta tempada estaba prevista para ser estreada no 2003, pero Nick Wilson, de Channel 5, e Raymond Thompson argüíron que "malia que a serie aínda segue a ir ben, o elenco está a facerse demasiado maior e a serie estaba a alongar demais a proposta central." Como resultado, a serie foi cancelada. Channel 5 emitiu os dous derradeiros episodios o 6 de setembro de 2003.

Unha secuela de The Tribe, The New Tomorrow, foi producida por Cloud 9 e Channel 5 e foi estreada no 2005. Está dirixida a unha audiencia máis nova, de 8 a 12 anos, e conta a historia dos descendentes da serie orixinal cun novo elenco.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web da serie

The Tribe en Open Directory Project

Categoría:Series de televisión en lingua inglesa Categoría:Series de televisión iniciadas en 1999 Categoría:Series de televisión finalizadas en 2003 Categoría:Series de televisión do Reino Unido Categoría:Series de televisión de Nova Zelandia