San Mamede de Seavia é unha parroquia que se localiza no leste do concello coruñés de Coristanco na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2018 tiña 808 habitantes (409 mulleres e 399 homes) distribuídos en 17 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.069 habitantes. Toponimia Seavia: parece ser de orixe celta a partir dun antigo "Senavia" que puido ser nun principio "Senabriga" ("a fortaleza vella"); de ser certa esta suposición a palabra Seavia viría a ser "o río(avia) vello(seno)". Arixón sería o nome dun posesor latifundista da Idade Media e semella o resto dun antigo xenitivo en -oni. Amboade agocha un xenitivo involati que, a partir do lexema latino "(villa) Involati", daría o actual topónimo. Algo similar sucede con Segufe procedente dunha granxa ou explotación agrícola de Segulfus "(villa) Segulfiti". O mesmo pode dicirse de Buxán que viría doutro profesor "Busianus". Cerqueirás, Freixeiro, Nogueira e As Salgueiras farían referencia á presenza de carballos cerqueiros,freixos, nogueiras e salgueiros, respectivamente. A Rabadeira parece querer indicar unha ribeira ou encosta dun río ou regato. Mira pode vir da raíz prerromana "mir" co significado de auga, río. O Rodeiro viría sendo un cume redondeado e chan. Patrimonio A igrexa de San Mamede de Seavia conserva restos medievais, como os canzorros románicos do beiril dos muros laterais e un dos antigos rosetóns. Da época megalítica no Inventario de un patrimonio figuran tres mámoas; unha delas no Monte Campelo e as outras dúas na Chousa de Oca, na Rabadeira. Completarían este Inventario a capela de santa Ana, a capela de san Roque, as torres de Nogueira, a casa reitoral, o pazo de Arixón no Rodeiro e a fonte de san Mamede. A maiores, os bens incluídos no PXOM serían: a capela do Rosario(nas Salgueiras), dous cruceiros (Seavia e a Rabadeira), a escola de Seavia, catro hórreos (Nogueira, Marquiño, O Rodeiro e Nogueira) e dúas casas con cubertos e hórreo en Amboade.

No lugar de Nogueira érguese a Torre de Nogueira de planta rectangular, resto dun antigo pazo, con escudos de Moscoso e Bermúdez e entre os lugares de Arixón e O Rodeiro está o Pazo dos Rodríguez-Arixón.

Lugares e parroquias Lugares de Seavia

Parroquias de Coristanco

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Lugares de Coristanco

Ligazóns externas Seavia na web do concello de Coristanco

Categoría:Parroquias de Coristanco Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Mamede