O castro de Altamira (tamén chamado habitualmente castro de Taboexa) é un asentamento castrexo situado xunto ó lugar de Altamira, parroquia de Taboexa, no concello das Neves.

Características O castro non ten un tamaño excesivamente grande e está moi alterado por canteiras e destrucións recentes relacionadas co uso forestal. Porén, os restos mobles aparecidos no mesmo teñen unha especial relevancia. As primeiras intervencións arqueolóxicas realízanse nos anos 20 do século pasado, aparecendo xa unha gran cantidade de elementos metálicos. Posteriormente téñense realizado diversas intervencións científicas de escaso calado, ó mesmo tempo que aparecían achados casuais e se producían espolios intencionados. A intervención arqueolóxica máis importante e mellor documentada é a realizada en 1976 por Alfredo García Alén e P. Acuña Fernández. Dende entón teñen aparecido outros restos, moitos deles en superficie.

Pese a tratarse dun sitio arqueolóxico excepcional na provincia de Pontevedra, continúa sen unha xestión cultural adecuada, exposto á erosión, masa forestal incontrolada, incendios, espolios etc. Non obstante, entra dentro dos plans da Deputación de Pontevedra para unha actuación de conservación e posta en valor en varios castros da provincia."La recuperación de los castros de la provincia, pendiente del aval de Fomento" La Voz de Galicia (en castelán)

Achados O máis importante entre os achados mobles do castro é a colección de obxectos metálicos en bronce depositados e expostos nas vitrinas do Museo de Pontevedra: unha figuriña de Mercurio, varias figuras togadas, un pé, unha lucerna, un fragmento de sítula... A cantidade e calidade dos restos fan pensar ós investigadores na existencia dun taller de fundición de bastante importancia.

Ademais, o castro presenta nos afloramentos rochosos da súa croa varios gravados rupestres. Este conxunto foi declarado monumento histórico-artístico no ano 1974 (e, consecuentemente, hoxe é considerado legalmente Ben de Interese Cultural). O conxunto recibe o nome xenérico de "Gravado Rupestre Citania de Altamira"Documento no que se detallan os BIC de Galiza , do 1 de outubro de 2012: referencia na páxina 20..

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Rodríguez García, P. 1999. "Bronces figurados de Taboexa", Gallaecia, 18: pp. 287–300 (descarga do artigo en formato pdf en Dialnet). Outros artigos Castro Cultura castrexa Castros da provincia de Pontevedra Petróglifo

Ligazóns externas Ligazón a un blog persoal con información sobre o sitio arqueolóxico.

Altamira