Para o trevo de flor cor vermella máis intensa ("Trifolium incarnatum"), véxase o artigo "trevo encarnado".
miniatura miniatura O trevo rubio ou trevo violetaNome vulgar galego en Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991; e Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004 (Trifolium pratense L. ) é unha planta leguminosa nativa de Europa, oeste de Asia e noroeste de África.
O seu cultivo parece datar contra os séculos XVII e XVIII.
Descrición Trátase dunha herbácea perenne de 10-60 cm de altura (pode acadar até os 110 cm) e vilosidade variábel. Talos erectos ou ascendentes. O seu sistema radicular consta dunha raíz pivotante, que resulta pequena en comparación coas numerosas raíces adventicias, que forman unha coroa que parte do colo.
Presenta follas trifoliadas con folíolos ovalados, brandos, de grandes dimensións (1-3 cm de longo e 8-15 mm de largo), con dúas estípulas basais estreitadas en aresta, un pecíolo de 1-4 cm de lonxitude e de cor verde cun característico pálido crecente na metade máis externa da folliña. Dispóñense alternamente.
As flores, de 12-15 mm de lonxitude, posúen corolas formadas por 5 pétalos soldados de cor rosa violáceo e con menor frecuencia brancas ou purpúreas, sendo membranosas na frutificación. O cáliz está formado por 5 sépalos soldados formando un tubo case zigomorfo de aparencia campanulada, é piloso, con 10 nervios, dentes lineares e unha calosidade na gorxa. As flores preséntanse agrupadas en inflorescencias de 2-3 cm de diámetro con forma de cabezas globosas, sésiles e cubertas na súa base polas estípulas das follas superiores.
O froito é un legume sentado, incluído no cáliz, indehiscente, de forma ovoide e contén unha soa semente. Estas son de forma acorazonada, moi pequenas e de tonalidades que varían do amarelo ao violeta.
Respecto da posición das xemas de recambio durante a estación desfavorábel, estas atópanse no chan ou inmediatamente debaixo, é dicir, o seu biotipo é hemicriptófito.
A planta foi nomeada Trifolium pratense por Carl von Linné en 1753. Pratense en latín para "atopado nos prados".
A especie está moi vinculada ó abellón común, xa que polo deseño das flores, só os abellóns e outros insectos teñen a forza que cómpre para abrilas. Ademais o néctar atópase nunha corola profunda que só os abellóns coa súa longa lingua poden alcanzar.
Requirimentos ambientais
Temperatura
Medra ben en temperaturas medias, tolerando mellor as baixas (encontrándose até os 1 800 m no piso montano e subalpino) que as altas temperaturas, detendo o seu crecemento a partir de 30-35 °C, polo que se adapta ben a climas fríos e/ou temperados, dando peores rendementos nos climas cálidos.
A temperatura inflúe de xeito definitivo no desenvolvemento do cultivo, sendo a vida deste de até 7 anos en climas fríos e de menos de tres anos en climas cálidos.
Tamén aguanta a sombra non moi intensa en ribeiras arboradas.
Necesidades de auga É bastante esixente en humidade, necesitando 700 mm anuais como mínimo (en Galicia son cifras que se superan en todo o territorio). Non atura as enchentes prolongadas nin a seca, sendo as necesidades hídricas o punto máis delicado do seu cultivo, sobre todo nos meses de maio e xuño.
Solo
Vexeta en todo tipo de solos, aínda que prefire os profundos (como xa se dixo, non soporta os asolagamentos) e con bo nivel de bases. Soporta solos lixeiramente acedos (pH 6-7,5). Un bo nivel de arxila mellora o cultivo (franco a franco-arxilosos). É pouco produtivo en solos areentos ou liviáns. En comparación coa alforfa, pode ir en solos máis acedos e máis húmidos. As leiras nas que se sementa non deben ter soportado trevo rubio varios anos antes, dous ou tres coma mínimo.
Responde axiña ás achegas de fósforo e potasio.
Distribución e zonas de cultivo
É orixinaria do sueste de Europa, oeste de Asia e nordés de África. O cultivo coma forraxeira iniciouse no norte de Europa e actualmente tense estendido por todo o planeta, con grande espallamemto en toda a Europa continental, sur de Australia, Nova Zelandia, nordés asiático, Estados Unidos e máis o cono sur americano. Naturalizouse en moitas áreas temperadas, incluídas as Américas e Australasia, por escape do cultivo.
Na Península Ibérica medra bravo ao longo de todo o territorio, incluído Galiza, en leiras desleixadas, beirís dos camiños, beiras dos ríos etc. É, ademais, a leguminosa de sega máis utilizada nas áreas de clima temperado, sendo as zonas de maior cultivo os regadíos da Meseta Norte (León), a parte alta de Aragón, e en menor medida a cornixa cantábrica, como planta integrante das mesturas de pradeira. No sur cultívase menos, mais con notábeis rendementos baixo rega.
Produción Non existen datos oficiais de produción individualizados para o cultivo do trevo rubio en España nin en Galiza.
A seguir amósase unha táboa coa produtividade de distintas variedades:
+ Produtividade Variedade kg MS /ha/ano cv. Turoa +25 000 cv. Hamua +20 000 Galiza 10-15 000 Centro e sur 15-20 000
En condicións óptimas de fertilización e humidade pódense acadar rendementos máximos de entre 20-26 tm de MS/ha/ano.
Variedades
A clasificación máis habitual adóitase facer atendendo á precocidade de floración, aínda que tamén se clasifican en función do seu porte (alto, máis apto para sega, e baixo, máis axeitado ao pastoreo) e grao de ploidía (2n e 4n).
Floración temperá: Inclúe as variedades precoces e moi precoces, que florecen en abril ou maio. Adáptase mellor a pradeiras de vida curta e require solos de alta fertilidade Ex.: Kedland, Midland ou Essex. Floración intermedia: Floración a finais de maio. Aproximadamente dúas semanas despois que as do tipo anterior e son máis serodias na súa produción primaveral. Xeralmente son máis persistentes que as de floración temperá. Producen bo rendemento de feo, pero o seu gromo non é moi satisfactorio. Ex.:Rotra, Barfiola, Tetri. Floración serodia: Inclúe as variedades serodias a extraserodias. Floración de finais de maio a xuño. Dúas ou tres semanas máis tarde que as de floración intermedia e un mes despois que as primeiras. O seu crecemento primaveral é máis serodio, sendo de maior persistencia, polo que se usan en praderías de vida mediana a longa. Presentan bos gromos despois da corta para conservar. Ex.: Gollum, Viola, Marcom
Na actualidade, os principais obxectivos de selección son a mellora da persistencia, en particular introducindo resistencia ao fungo Sclerotinia, así como, a través das variedades tetraploides, conseguir maior perennidade e mellor produción.
Sementeira e cultivo Implántase con facilidade e a súa vida produtiva é de 2-3 anos. Doses de sementeira en cultivo puro: 20 kg/ha, en mestura: <10 kg/ha, adoitando estar mesturado cun cereal de inverno.
Por mor do seu raizame medianamente profundo é menos resistente á seca ca o Lotus e a alforfa, respondendo en forma notábel á rega. Chega a medrar con temperaturas moderadas de verán sempre que dispoña de cantidades suficientes de humidade. Medra ben a temperaturas entre 7 °C e 35 °C, aínda que as temperaturas altas semellan ter un efecto máis depresivo sobre o establecemento, crecemento e persistencia que as temperaturas baixas (Kendall, 1958).
Cómpre sementar cedo no outono, dado que as súas plántulas son sensíbeis ao frío. En sementeiras oportunas, compiten fortemente con outros pastos e leguminosas, particularmente baixo condicións favorábeis de humidade e temperatura e producen altos volumes de forraxe no seu primeiro ano. Esta característica compensa a súa vida curta e xustifica a súa inclusión en mesturas para pradeiras permanentes, as cales normalmente non son moi produtivas no primeiro ano e principios do segundo. Téñense feito estudos sobre o beneficio no establecemento do trevo rubio mediante a sementeira de Pisum sativum, producíndose un aumento da produción que flutuou entre un 85% a un 208%.
Debido ao seu xeito de crecemento, semellante ao da alforfa, a súa utilización debe respectar os períodos de descanso precisos para permitir que tras da defoliación xurdan da coroa os novos gomos e se acumulen na raíz as reservas necesarias.
Adóitase sementar cedo no outono. Se é un bo outono adóitase aproveitar nese mesmo outono e continúase na primavera a seguir. No caso de que se semente na primavera o aproveitamento debe diferirse até o outono seguinte.
Así mesmo, é recomendado especialmente como mellorador de solos. Desenvólvese moi ben en sementeiras asociadas por posuír un alto grao de tolerancia á sombra, podéndose sementar até 8 quilogramos por hectárea.
A escolla do trevo rubio a utilizar depende do destino que se dará ao pasteiro, con referencia ás necesidades de forraxe en inverno ou verán ou da posibilidade de utilizar ou non outras leguminosas.
Aproveitamento segundo a variedade:
Variedade Nº de cortas Temperá 3-4 Cortes/Pastoreo Intermedia 2 Cortes Serodia 1 Corte
Enfermidades
Un dos principais problemas desta especie é a súa escasa resistencia a enfermidades, o que desemboca en baixa persistencia nalgunhas zonas. Sofre ataques principalmente de dous fungos, Sclerotinia e Rhizoctonia, que atacan a coroa da raíz e a base do talo, ocasionando marelecemento e despois a morte da planta.
Tamén sofre ataques foliares por oídio, ferruxe, Stemphylium e Pseudopeciza.
Lista de doenzas, en inglés
Aproveitamentos forraxeiros
É unha especie que proporciona pasto abondoso e de moi boa calidade, mesmo no verán, se recibe suficientes achegas hídricas; tanto é así, que en Francia se di que contribuíu máis que a pataca ao desenvolvemento da economía agraria do país. Porén non é persistente no pasteiro, ou pola súa curta vida (tres-catro anos máximo) ou porque non resiste a competencia con outras especies.
Despois dunha defoliación, os gromos empezan desde a coroa das plantas ou desde os entrenós basais dos talos desenvolvidos. Porén, dado que se trata dunha especie de ciclo invernal, as plantas pasan o outono e o inverno en forma de roseta, producíndose o alongamento dos talos unha vez chegada a primavera. Isto significa que durante un período longo do seu ciclo, todos os puntos de crecemento están situados preto do nivel do chan.
As flutuacións no volume de substancias de reserva das raíces do trevo rubio seguen unha evolución moi semellante ás da alforfa, aínda que baixo usos similares o trevo rubio sempre posúe niveis bastante menores. Neste último sentido ocupa unha posición intermedia entre a alforfa e o lotus (Smith, 1962). Ademais, observouse que os devanditos niveis descenden de xeito apreciábel tanto durante o inverno como durante o verán, o que pode afectar notabelmente á produtividade e a persistencia desta especie nesas épocas do ano. Este comportamento do trevo rubio esixe que os seus cultivos sexan feitos de xeito que se permita ás plantas recuperaren as súas reservas despois de cada período de pastoreo.
O trevo rubio adáptase así a un uso racional tipo pastoreo rotativo. Nos devanditos períodos críticos, o trevo rubio deberá permanecer con áreas foliares axeitadas, co que se equilibrarán os gastos en metabolitos e no verán favorecerase ademais unha mellor utilización da auga. Neste último sentido é fundamental entrar no período estival con sistemas radiculares estendidos.
Aínda que ten un menor contido proteico que a alforfa, presenta unha elevada proporción de glícidos e unha maior dixestibilidade. Se se pace só pode producir meteorismo, por iso se recomenda asocialo a unha gramínea; vai ben cultivado en asociación con raigrás italiano. Ademais, dado o alto contido en isoflavonas, algunhas variedades teñen unha considerábel actividade estroxénica.
A mestura con trevo branco é moi usada, porque como é máis rápido na súa instauración, o primeiro ano ten bo aproveitamento, e despois é desprazado polo branco.