Eladio Rodríguez González, nado en San Miguel de Outeiro (Vilamartín de Valdeorras) en 1912 e finado en Madrid o 21 de xaneiro de 1942, foi un político e militar galego.
Traxectoria Fillo de labregos, era o segundo de seis irmáns. Orfo de moi novo, abandonou a escola para traballar no campo. Durante a República afiliouse ao PCE con Santiago Álvarez, e intentou crear células do partido en Valdeorras. Na folga xeral revolucionaria de 1934 logrou atrasar as tropas militares que ían cara Asturias. Tivo que ocultarse en Quiroga, pero ante a persecución das autoridades refuxiouse en Chaves, onde estivo quince meses, ata o triunfo da Fronte Popular. Regresou a Valdeorras trala amnistía concedida polo goberno participando en varios actos do partido, e na campaña do Estatuto de Autonomía.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 pasou a Asturias. Ingresou no Batallón Galicia e chegou a tenente-xefe do Corpo de Sanidade. Coa derrota de Asturias pasou a Barcelona onde se incorporou á XI División, e despois ao V Corpo do Exército onde chegou a tenente de información do Estado Maior. O 11 de febreiro de 1939 cruzou a fronteira francesa, logrou eludir os campos de concentración e instalouse en París. En marzo de 1939 solicitou asilo en México.Solicitudes de refugiados españoles en Francia que desean emigrar a Mexico Coa segunda guerra mundial o Comité Central do PCE ordenoulle a marcha a Cuba, vía Santo Domingo, con Santiago Álvarez; desembarcou na Habana o 29 de novembro de 1939. Saíu ilegalmente da illa o 8 de marzo de 1940 para traballar clandestinamente en España, arribando a Coruña o 26 de marzo. Trasladouse a Vigo para contactar con Francisco Barreiro Barciela que debía prepararlle a viaxe a Lisboa. Atravesou a raia polas Frieiras coa orde de acabar coa organización liderada por Julián Teixeira Vento. Actuou entre Galicia e Portugal. En Lisboa formou parte da dirección do PCE no exilio.
Trala caída de Eleuterio Lobo Martín foi detida a maior parte da dirección do PCE en Portugal e extraditados os seus membros pola policía salazarista; Eladio foi arrestado en Vigo o 26 de outubro de 1941 con Francisco Barreiro e Jacinto Nogueira. Compareceu nun consello de guerra en Madrid e foi condenado a morte. Logo duns meses na prisión de Porlier, foi fusilado o 21 de xaneiro de 1942 no Cemiterio do Este con Francisco Barreiro, Isidoro Diéguez Dueñas, Jesús Larrañaga Churruca, Manuel Asarta Imaz e Jaime Girabau Estévez.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Ficha no Repertorio biobibliográfico do exilio galego Ficha en Memoria Pública Ficha en Memoria Democrática
Categoría:Asasinados polo bando nacional Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Nados en Vilamartín de Valdeorras Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1942 Categoría:Fusilados Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes