Galván en Saor é unha novela en lingua galega escrita por Darío Xohán Cabana e publicada en 1989, ano en que gañou o Premio Xerais. A novela foi traducida ao castelán por Vicente Araguas, sendo publicada por Huerga y Fierro en 1996. Foi reeditada máis dunha ducia de veces e incluída, co número 73, na Biblioteca Galega 120.
Xerais publicou en 2023 unha nova edición, 184 páxs. ISBN 978-84-1110-441-8
Trama Galván é un viaxeiro que chega a unha pousada, onde lle dan acollida. Esta pousada está ambientada nun mundo real e contemporáneo, mais desde ela vai a un mundo fantástico, no que a súa motocicleta se converte en cabalo, e onde existen elementos medievais como castelos e batallas, e elementos mitolóxicos como unha vila asolagada baixo unha lagoa e ananos. Alí coñece a Silvania, unha princesa coa que vive unha intensa historia de amor e unha aventura contra sete cabaleiros.
A trama entronca coa Materia de Bretaña. Galván é o sobriño do rei Artur, e chega a Saor logo de que ao seu tío lle dese por buscar o santo Graal. En Saor coincide co mago Merlín.
Narración A novela está narrada en terceira persoa cun narrador omnisciente. Son frecuentes as descricións dos personaxes e os espazos, e inclúense varias escenas eróticas entre Galván e Silvania.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Ficha na web de Edicións Xerais.
Categoría:Obras literarias de 1989 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras gañadoras do Premio Xerais Categoría:Materia de Bretaña na literatura galega Categoría:Obras literarias de Darío Xohán Cabana