Cómpre non confundir esta Xunta coa Xunta Suprema de Goberno
miniatura|Carlos IV. miniatura|Coas abdicacións de Baiona, Napoleón fíxose co trono de Carlos IV e de Fernando VII. Porén, a idea de que os Bonaparte querían transformar España nun estado máis parecido ao francés levaron a un rei con apenas experiencia a converterse en «O Desexado» por parte do pobo español.
A Xunta Suprema Central foi un órgano de goberno formado o 25 de setembro de 1808 que acumulou os poderes executivo e lexislativo españois durante a ocupación napoleónica de España.
Nela había representantes das Xuntas que se formaran nas provincias españolas como, entre outras, a que se formou na provincia de Sevilla o 27 de maio de 1808, que se chamou nun comezo Xunta Suprema de España e Indias, ou na da Coruña que o 5 de xuño do mesmo deu lugar á Xunta Suprema do Reino de Galicia. Ambas as dúas tiveron un papel moi importante na resistencia militar do sur e o noroeste de España, respectivamente, así como na comunicación con Inglaterra e coas colonias americanas.
A Xunta Suprema Central pasaría a chamarse en 1810 Consello de Rexencia de España e Indias.
Invasión napoleónica da Península Ibérica O Tratado de Fontainebleau
miniatura|Repartición de Portugal segundo o tratado de Fontainebleau.
En 1806, tras fracasar no seu intento de invasión de Gran Bretaña, Napoleón decreta o Bloqueo Continental, que prohibía o comercio de produtos británicos no continente europeo. Portugal, tradicional aliado de Inglaterra, négase a acatalo, polo que Napoleón decide a súa invasión. Para iso necesita transportar alí as súas tropas terrestres.
O 27 de outubro de 1807, na cidade francesa de Fontainebleau, o ministro plenipotenciario de España, o conselleiro de Estado e Guerra Eugenio Izquierdo, en nome e representación de Manuel Godoy, valido do rei de España Carlos IV, asina con Gérard Duroc, representante de Napoleón, o tratado de Fontainebleau, no que se acorda a invasión militar conxunta franco-española de Portugal para repartir este país entre Francia, España e o propio Godoy. Para iso, permitíase o paso por territorio español de 25.000 homes de infantaría e 3.000 de cabalaría do exército imperial francés.
Conforme ao tratado, unha vez invadido Portugal, este sería dividido en tres zonas: O noroeste (basicamente a antiga provincia de Entre-Douro-e-Minho, coas cidades de Porto e Braga) sería entregado, co nome de Reino da Lusitania Setentrional, ao antigo rei de Etruria, Lois II Carlos Lois de Borbón-Parma, sobriño de Fernando VII, en compensación polos seus territorios italianos (a Toscana) entregados a Napoleón. A zona centro e nordeste (a Beira, Trás-os-Montes e Estremadura) reservaríase para un posíbel cambio por Xibraltar e a illa Trinidad, en poder da Gran Bretaña. A zona sur (unha parte da Estremadura, o Alentejo e o Algarve) pasaría a Manuel Godoy e á súa familia como Principado dos Algarves.
En canto ás colonias, a súa división entre Francia e España adiábase para un acordo posterior.
A invasión de Portugal Un corpo expedicionario francés, ao mando do xeneral Junot —que era tamén o comandante supremo do exército franco-español invasor— cruzaba, o 18 de outubro, o río Bidasoa, atravesaba España (non sen algún incidente), cruzaba a fronteira portuguesa por Alcántara o 20 de novembro e entraba en Lisboa, sen oposición ningunha por parte dos portugueses, o 30 de novembro.
Pola súa parte, o continxente español dividiuse en dúas partes: o exército do norte e o exército do sur. O do norte estaba formado polo exército de Galicia (uns 10.000 soldados) ao mando do seu Capitán Xeneral, Francisco de Taranco y Llano, ao servizo de Junot.Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1815-1893). A Coruña: Ediciones Gamma, p. 63.O capitán xeneral Taranco y Llano faleceu no Porto en marzo de 1808. Pasaron o Miño e entraron en Portugal pola vila de Valença, ocupando en poucos días o norte do país e establecendo a súa base na cidade do Porto. O exército do sur entrou por Badaxoz e, de contado, chegou a Setúbal. Deste xeito quedaban fóra do territorio español as tropas máis operativas do seu exército.
O 19 de novembro, é dicir o día anterior á chegada de Junot a Lisboa, a familia real portuguesa, encabezada polo Príncipe Rexente, futuro Xoán VI, e outras quince mil persoas, saíran cara ao Brasil, onde quedaría fixada a Corte até 1821.
O 1 de febreiro, contravindo o pactado en Fontainebleau, Junot depuxo formalmente á dinastía de Braganza e ao Consello de Rexencia designado polo príncipe rexente, e proclamou o goberno de Napoleón sobre a totalidade do territorio.
O inicio da ocupación francesa de España A presenza de tropas francesas en España, a pesar do establecido no tratado, seguiu aumentando, e o pobo comezou a observalas como algo ameazante, xa que en lugar de continuar transitando cara a Portugal foron ocupando, sen ningún apoio do tratado, diversas localidades e prazas fortes.
Así, o 22 de decembro entrou outro exército francés, liderado por Dupont, con 22.000 efectivos de infantaría e 3.500 de cabalaría, sen contar coa anuencia da Corte española (de Godoy) e, o 9 de xaneiro de 1808, un terceiro exército, ao mando de Moncey, con 25.000 efectivos de infantaría e 2.700 de cabalaría, cruzou a fronteira. A mediados de febreiro os franceses presentáronse en Pamplona e, ante a reticencia de cederlles a cidadela, tomárona por sorpresa o 16 de febreiro.
Por outro lado, entrou un exército dirixido por Duhesme, con 11.000 homes de infantaría e 1.700 de cabalaría, en dirección a Valencia, e baixo ameaza, e temendo as autoridades a inimizade francesa, entraron o día 13 en Barcelona e o 28 de febreiro na súa cidadela.
Coa autorización de Godoy, esta vez, o 5 de marzo entregouse San Sebastián, mentres que o 18 de marzo se rendeu a cidadela de Figueres. Ademais, en marzo, formouse un novo exército, de 19.000 homes, ás ordes de Bessières.
Por outra parte, o xeneral Joachim Murat, cuñado de Napoleón, entrou en España en marzo de 1808 co rango de lugartenente xeral do Emperador e comandante do exército de 50.000 homes que formaban l'Armée d'Espagne. Murat debía ocupar Madrid (onde actuou como gobernador da capital) e esperar as ordes de Napoleón. Pese a todo iso, víase ao emperador francés, polo menos nas esferas oficiais, como protector de España.
Crise da monarquía española O motín de Aranjuez
miniatura|Manuel Godoy, Príncipe de la Paz. miniatura|Lois II de Etruria, Carlos Lois de Borbón-Parma.
Godoy, temeroso da presenza en España de 100.000 soldados franceses amigos, sen autorización, e sen saber cal era o seu verdadeiro obxectivo, decidiu trasladar á Familia Real a América, a exemplo do que fixera a portuguesa. A viaxe iniciouse o 13 de marzo encamiñándose cara a Aranjuez.
Os rumores de que proseguiría a viaxe dos reis o 17 ou o 18 de marzo, e as intrigas do Príncipe de Asturias Fernando e dun grupo de nobres que o apoiaban, desexosos de ver a Godoy fóra do goberno, puxo os ánimos alerta e, ante a confusión e alarma entre os empregados do palacio provocada pola saída de Pepita Tudó, unha turba de funcionarios procedeu ao saqueo da casa de Godoy. Novos tumultos producidos polo apresamento do valido levaron a Carlos IV a abdicar no seu fillo Fernando o 19 de marzo,Gazeta de Madrid, 25 de marzo de 1808 pp. 297 e 298. para así salvar a vida do seu favorito.
Tendo Murat noticias do acaecido en Aranjuez, acelerou a súa marcha e entrou en Madrid o 23 de marzo. Ao día seguinte fíxoo o novo rei Fernando VII, que recibiu a Murat como un aliado.
O emperador de Francia xa advertira que en España existía un claro baleiro de poder político, pois tanto Carlos como Fernando acudían a el para pedir apoio para ás súas respectivas pretensións, ao que hai que engadir a vantaxe militar que lle outorgaba a ocupación de numerosas prazas españolas polas tropas imperiais e a presenza das mellores tropas españolas en Portugal. Cando Napoleón recibiu as novas o 26 de marzo, dispúxose a facer o cambio de monarca en España. Ao día seguinte propúxolle ao seu irmán Lois a coroa, e o 2 de abril saíu de París en dirección a Baiona, aínda que Murat estendeu o rumor de que iría a Madrid.
En España, os reis pais permaneceron en Aranjuez e, vendo como cambiara o seu status, foron aconsellados e inducidos polos franceses para que protestaran, asegurando que a abdicación fora forzada,Gazeta de Madrid de 13 de maio de 1808 pp. 453, 454 e 455. decisión que o propio Murat apoiou, xa que deste xeito fomentaba a desunión da familia real e deslexitimaba ao novo rei.
As abdicacións de Baiona
miniatura|200px|O infante Antonio Pascual de Borbón, tío de Fernando VII, a quen este deixou de presidente da Xunta Suprema de España durante a súa ausencia en Baiona. (Museo do Prado). miniatura|O infante Carlos María Isidro de Borbón. miniatura|María Luísa de Parma, por Goya en 1789. miniatura|María Luísa de Borbón, raíña de Etruria. miniatura|Francisco de Paula de Borbón y Borbón-Parma, por Vicente López. miniatura|Manuel Godoy, retratado en 1792 por Francisco Bayeu.
A instancias de Murat, os reis pais trasladáronse ao Escorial o 9 de abril, aproximándoos así ao camiño de Francia. O trato que Murat reservaba ao novo rei Fernando VII era de total indiferenza, negándose a recoñecelo. O novo monarca, necesitado de apoios e recoñecemento internacional, proseguiu a política de estreitar lazos de amizade e alianza con Francia. Así, o 5 de abril mandou ao seu irmán Carlos ao encontro do emperador. Entre tanto, chegou a Madrid o xeneral Savary coa encarga de levar ao rei a un encontro con Napoleón quen, supostamente, ía de camiño a Madrid, para encontrarse con el en Burgos.
O 10 de abril, o rei, desexoso de contar co beneplácito de Napoleón, partiu de Madrid coa súa comitiva e dispuxo que, na súa ausencia, rexera o goberno unha Xunta Suprema de Goberno presidida polo seu tío o infante Antonio.Chastenet, Jacques (1953): Godoy Master Of Spain 1792 1808. London: The Batchworth Press. Á súa chegada a Burgos, o 12 de abril, non tivo noticias de Napoleón, e o xeneral Savary convenceuno de que proseguira viaxe a Vitoria, onde chegou o día 13.
Napoleón entrara en Baiona o 15 e, tendo noticias disto o infante Carlos, que estaba en Tolosa, tamén foi para aló. O xeneral Savary aseguroulle a Fernando que se ía a Baiona ao encontro con Napoleón, este non tería inconveniente en recoñecelo como rei de España e, engadindo isto ao apoio que encontrou no seu conselleiro Escóiquiz, Fernando partiu de Vitoria o 19 precedido pola cabalaría francesa, xa que un inmenso xentío enchía as rúas para impedir aquela viaxe. Finalmente, chegou a Baiona o 20, onde ninguén saíu a recibilo.
Mentres tanto Murat, despois de que saíra Fernando VII de Madrid, apertou á Xunta de Goberno para liberar a Godoy, levalo a Francia e influír así no ánimo dos reis pais. A excarceración tivo lugar o 20 de abril, debido ao temor da Xunta á reacción de Murat, e tamén ao convencemento de que con iso beneficiaría a causa do rei Fernando ante Napoleón. Godoy foi entregado aos franceses e chegou a Baiona o 26 de abril.
Murat, o día 16, comunicou á Xunta que o emperador Napoleón non recoñecía a outro rei que a Carlos IV, e que ía publicar unha proclama de Carlos IV na que indicaba que a súa abdicación fora forzosa. Porén, a Xunta respondeu que non se daría por enterada até que o propio Carlos llo comunicara, e pediu o secreto para dita resolución. En seguida, Murat púxose de acordo con Carlos IV quen desde o Escorial escribiu a Napoleón poñéndose nas súas mans, e ao seu irmán Antonio, presidente da Xunta, coa retractación da súa abdicación e a confirmación dos membros da Xunta Suprema tal e como a constituíra o seu fillo o rei Fernando VII.
Retractación da abdicación de Carlos IV