A tricoleucemia, tamén coñecida coma leucemia de células pilosas ou reticuloendoteliose leucémica, é unha neoplasia hematolóxica de estirpe linfoide B. Clasifícase coma un subtipo de leucemia linfática crónica.

Historia Foi descrita por vez primeira a comezos do século XX, cando se denominou orixinalmente coma "leucemia histiocítica", "reticulose maligna" ou "reticulose linfoide". En 1958 renomeouse coma "tricoleucemia" polo aspecto "peludo" das células B malignas que aparecen nesta patoloxía. Signos e síntomas Pancitopenia Esplenomegalia (que pode ser masiva) Escasas adenopatías (<5%) (o que a diferenza doutras doenzas linfáticas), malia descubrirse nas técnicas de imaxe (TAC) adenopatías abdominais con frecuencia. Alteracións inmunolóxicas: vasculites (polo xeral panarterite nodosa) e infeccións (adoito pneumonías por Legionella) Diagnóstico O diagnóstico da tricoleucemia realízase en base á sospeita por mor dos síntomas e signos, que posteriormente son confirmados con probas específicas. Na extensión de sangue periférica observaranse "células pilosas". O estudo da medula ósea cómpre dunha biopsia, xa que normalmente o aspirado medular é seco. O estudo inmunohistoquímico porá de manifesto a positividade para as tinturas para a fosfatase ácida resistente ao tartarato e o marcador CD25. Ocasionalmente tamén expresan CD19, CD20, CD22, CD11c, CD103 e FMC7.

Tratamento Son tratados soamente os doentes nos que os síntomas son evidentes e acusados. Nos individuos asintomáticos adóitase manter unha conduta expectante, con controis periódicos a miúdo.

A base do tratamento é a quimioterapia. O fármaco de primeira elección é a cladribina (un análogo das purinas), que consegue remisión nun 95% dos casos. A pentostatina tamén pode ser útil no tratamento desta doenza.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Leucemia Ligazóns externas National Cancer Institute

Categoría:Hematoloxía Categoría:Cancro