O voo 17 de Malaysia Airlines (MH17/MAS17) foi un voo internacional regular de pasaxeiros entre Ámsterdam e Kuala Lumpur que foi derrubado o 17 de xullo de 2014 mentres sobrevoaba o leste de Ucraína. O avión caeu preto de Hrabove no oblast de Donetsk, Ucraína, a unha 40 quilómetros da fronteira con Rusia. Os 283 pasaxeiros e 15 tripulantes a bordo do Boeing 777-200ER morreron. O accidente ocorreu na zona do conflito da insurxencia Donbass que se estaba a producir nese momento. Esta ruta foi probablemente elixida para aforrar combustible. Foi o segundo avión perdido por Malaysia Airlines en 2014 despois da desaparición do voo 370 o 8 de marzo.

A responsabilidade da investigación foi delegada á Dutch Safety Board (DSB) e ao equipo de investigación conxunto liderado polos neerlandeses (JIT), que concluíu que o avión fora derrubado por un mísil Buk terra-aire lanzado dende territorio controlado por separatistas pro-rusos en Ucraína. Segundo o JIT, o Buk usado procedía orixinalmente da 53ª brigada de foguetes antiaéreos da Federación Rusa, fora transportado dende Rusia o día do accidente, foi disparado dende un campo nunha zona controlada polos rebeldes e o lanzador regresou a Rusia despois de que fose usado para derrubar o MH17. Baseándose nas conclusións do JIT, os gobernos dos Países Baixos e Australia responsabilizan a Rusia polo despregue do mísil e están tomando medidas para responsabilizala formalmente.

Os achados da DSB e o JIT confirmaron afirmacións anteriores das fontes de intelixencia estadounidenses e alemás sbre o tipo de mísil e a zona de lanzamento. No ano 2014 a intelixencia dos Estados Unidos dixera que Rusia subministrara o mísil Buk ao insurxentes pro-rusos, e que estes probablemente derrubaron o MH17 por erro, pensando que era un avión militar. O primeiro ministro ucraíno Arseniy Yatsenyuk culpou a soldos profesionais que segundo el procedían de Rusia, afirmando que "non eran militantes borrachos con pasaportes ucraínos, foi feito por profesionais rusos e coordinados dende Rusia", engadindo que "todo o mundo aprendeu sobre as mentiras e a propaganda rusa". En maio de 2018 o goberno ruso rexeitou as afirmación de que Rusia ten responsabilidades no accidente e negou calquera implicación. O ministro de defensa ruso dixo que nunca se despregaron sistemas de mísiles antiaéreos en Ucraína. O goberno ruso mantén a responsabilidade ucraína xa que o accidente produciuse no seu espazo aéreo.

O avión O voo 17 estaba operado por un Boeing 777-2H6ER, co número de serie 28411 e rexistro 9M-MRD. Foi o 84º Boeing 777 fabricado e realizou o seu primeiro voo o 17 de xullo de 1997, exactamente 17 anos antes do incidente, sendo entregado a Malaysia Airlines o 29 de xullo dese mesmo ano. Estaba equipado con dous motores Rolls-Royce Trent 892 e tiña unha configuración para levar 282 pasaxeiros (35 en clase business e 248 en económica). O aparello levaba realizadas máis de 43.000 horas de voo, incluídos 6.950 ciclos, antes do accidente.

Notas

Malaysia Airlines Categoría:Terrorismo Categoría:Historia de Ucraína Categoría:2014 Malaysia Airlines Malaysia Airlines 0017