miniatura|250px|Mono Paco, na súa gaiola en Redondela.

O Mono Paco, nado en África e finado en Vigo o 19 de decembro de 1991, foi un simio pertencente á especie Chlorocebus sabaeus que se fixo famoso polo seu comportamento sexual na localidade de Redondela e posteriormente en Vigozoo.

Historia No ano 1986, após dunha estadía en África embarcado, un mariñeiro redondelán tornou a Galicia cunha parella de simios (Paco e Coco). Ditos simios foron cedidos ao concello de Redondela e colocados nunha gaiola a carón do parque da Alameda, como xeito de contribuír ao reclamo turístico da vila.

A comezos do ano 1991 Coco, unha das dúas monas, faleceu, deixando a Paco só na gaiola. Desde aquel momento, comezou a adquirir comportamentos masturbatorios e onanistas de xeito compulsivo, feito que xerou gran polémica e foi recollido por diversos medios de comunicación da época.

Por mor da excesiva actividade sexual de Paco, o alcalde de Redondela, Xaime Rei, contactou co concelleiro de Vigo e responsábel do zoo da cidade (Vigozoo), Antonio Nieto Figueroa, para que se lle puidese atopar unha parella sexual a Paco. Así, acordouse o seu traslado a Vigozoo cunha parella chamada Vigo.

O 26 de marzo de 1991, Paco foi finalmente trasladado a Vigozoo para convivir coa súa compañeira. No verán dese mesmo ano, a súa parella Vigo apareceu morta na súa gaiola. O 19 de decembro de 1991, Paco tamén foi atopado morto. A causa da morte foi unha perforación do estómago, probabelmente porque alguén o alimentara con comida que contiña un imperdíbel, atopado no estómago do mono.

A historia do mono Paco foi moi polémica, e moitos grupos ecoloxistas e feministas protestaron por mor do encerro que sufriron os animais nos seus recintos, e polo feito de que as monas do zoo de Vigo fosen tratadas coma prostitutas.

Documental A historia do mono Paco foi levada ao cinema nun documental titulado O mono Paco. Foi estreado no ano 2010 no Festival de Cans, na parroquia homónima do concello do Porriño, e foi un dos documentais finalistas aos premios Mestre Mateo.

No documental repásase a vida do animal en Galicia, e o seu argumento serve para retratar diversos aspectos da sociedade viguesa, como por exemplo a movida viguesa e a moralidade da época. Diversos persoeiros formaron parte do documental, como o ex xogador do Celta de Vigo, Míchel Salgado, Antón Reixa, Julián Hernández, Manuel Soto, Iván Ferreiro, Silvia Superstar ou Manuel Manquiña, entre outros.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas "O mono Paco", en Noticias Cuatro.

Paco Categoría:Animais finados en 1991 Categoría:Redondela