San Pantaión das Viñas é unha parroquia do concello de Paderne, na comarca de Betanzos (provincia da Coruña). Segundo o INE, en 2025 tiña 618 habitantes (278 homes e 340 mulleres), distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación a 2011, cando tiña 656 habitantes.

Está situada ao norte do concello, e linda coas parroquias de Souto e Vilouzás.

Toponimia A primeira parte do topónimo fai referencia a Pantaión de Nicomedia, santo e mártir do cristianismo. O nome oficial da parroquia foi San Pantaleón das Viñas até o día 10 de abril de 2026, momento no que o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificalo ao actual. Porén, devandito cambio contou coa oposición do alcalde e da veciñanza.

Patrimonio miniatura|dereita|325px|Pazo de Montecelo O pazo de Montecelo está situado fronte á igrexa parroquial, xunto á vía inglesa do camiño de Santiago. O edificio actual data do século XVII ou XVIII, aparecendo xa nun inventario familiar feito en 1771.

A casa de San Pantaión das Viñas ten a súa orixe a mediados do século XV, mercede á concesión dun foro do abade do mosteiro de San Martiño Pinario ao couto de San Pantaión coa súa xurisdición civil e criminal á familia Díaz de Andrade. Os primeiros señores de San Pantaión das Viñas foron o capitán Rodrigo Díaz de Andrade, que participou na reconquista de Granada, e a súa muller, Constanza de Castro, enterrada no convento de San Francisco de Viveiro, ao seren tamén señores do couto de Silán (actual concello de Muras). A mediados do século XVII o pazo comezou a ser coñecido como pazo ou casa da Misericordia, ao casar un dos herdeiros coa titular do pazo da Misericordia de Viveiro. A sucesión no foro e no morgado pasou á familia López de Andrade e posteriormente á Fajardo de Andrade. A comezos do século XVIII Gertrudis Fajardo de Andrade casou co seu curmán Juan Antonio Bermúdez de Castro y Fajardo de Andrade.

O período de maior esplendor é baixo o señorío de José María Bermúdez de Castro y Pardo, nado en Viveiro en 1799. Reformou e modernizou a explotación das súas propiedades, aumentando a produción dos muíños de Ponte Lambre, introduciu o cultivo de especies novas, e reformou e cercou o pazo. En 1816 casou con María del Carmen Mosquera Ribera, coa que ten un fillo, Francisco, que crearía o gran xardín do pazo. Trala morte deste e da súa muller Aurelia, o pazo pasa ao seu fillo Ricardo, que morre sen descendencia. O pazo pasa a mans dunha sobriña da muller de Ricardo, a Amparo Quiroga Navia. Esta muller casou con Jorge Quiroga García del Hoyo, herdando o pazo a súa filla Amparo Quiroga Quiroga, que casou con Gonzalo de Vargas Fernández de Córdoba.

Amparo Quiroga vendeu o pazo á entidade Lambre S.A., que o rehabilitou coa axuda da Fundación Montecelo, constituída para ese fin. As instalacións están alugadas á Asociación Cultural Montecelo, vencellada ao Opus Dei.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de San Pantaión das Viñas

Parroquias de Paderne

Notas

Véxase tamén Bibliografía , A.: "O pazo de Montecelo", na revista Feira de Paderne, xullo de 2001.

Outros artigos Lugares de Paderne

Categoría:Parroquias de Paderne Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Pantaión