Liocarcinus zariquieyi é un crustáceo decápodo braquiúro da subfamilia dos portunoideos e familia dos portúnidos propio do mar Mediterráneo, e de dubidosa presenza en augas galegas.González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985), pp. 86-87. É un cangrexo moi semellante a Liocarcinus pusillus, e durante moito tempo estas dúas especies foron confundidas.

Taxonomía A especie coñecida hoxe como Liocarcinus zariquieyi foi recoñecida por primeira vez por Bruno Parisi en 1915, ao darse de conta de que a especie coñecida entón como Portunus pusillus comprendía dous taxons diferentes.

A especie foi recoñecida durante a revisión de dúas especies descritas orixinalmente no xénero Portunus por Parisi, Portunus pusillus e Portunus parvulus. Parisi erroneamente afirmou, porén, que das súas dúas especies P. parvulus era a nova. Pero, de feito, a súa P. pusillus" foi a nova especie. Isto foi recoñecido polo carcinólogo holandés Lipke Holthuis en 1958, pero era consciente de que Gordon estaba preparando unha revisión e continuou usando os nomes de Parisi.

En 1968, Gordon publicou un artigo na revista Crustaceana, separando a Macropipus zariquieyi da especie que por entón se convertera en Macropipus pusillus (agora Liocarcinus pusillus) e elixiu como holotipo un espécime de Sorrento, recollido a unha profundidade de 60 m.

O nome específico zariquieyi conmemora a Ricardo Zariquiey Álvarez, que recoñecera as dúas especies en augas españolas e proporcionou material a Gordon que permitiu a esta describir a nova especie.

Sinónimos A especie recoñécese hoxe, segundo o World Register of Marine Species, polo sinónimo:Liocarcinus zariquieyi Gordon, 1968 no WoRMS.

Polybius zariquieyi Gordon, 1968

Pero tamén por:

Macropipus zariquieyi Gordon, 1968

que foi o nome que lle asignou Isabella Gordon.

Características O cacho deste cangrexo, lixeiramente máis largo que longo e notoriamente convexo, presenta a superficie dorsal lisa, con pequenas quillas ou liñas transversais na rexión posterior. A fronte moi proxectada cara a diante, con tres lóbulos, o central lixeiramente máis longo que os laterais, e estes notoriamente máis obtusos. A marxe anterolateral ten cinco dentes, sendo o quinto o máis pequeno, obtuso e non tan fortemente curvado como os anteriores. A casca, segundo Froglia e Manning, ten unha anchura comprendida etre os 7,4 e os 12,7 mm nos machos, e de até os 13,4 mm nas femias.

Os quelípodos son semellanes; a superficie dorsal do carpo ás veces presenta unha quilla en forma de "V" invertido, o proceso cartpal é bastante agudo e a marxe externa do carpo só arredondada. O propodio presenta dúas quillas lonxitudinais na cara dorsal, sendo a cara extyerna lisa. Os pereiópodos do segundo ao quinto par (patas marchadoras) son moderadamente robustos; o dáctilo do quinto par é caso oval, adaptado á natación.

O abdome do macho ten os segmentos terceiro a quinto fusioandos; na femia son libres.

Diferénciase das outras especies do "grupo pusillus" (Liocacinus maculatus e Liocarcinus pusillus) por ter unha casca máis suave. Ademais, os dentes da súa marxe anterolateral son arredonados na punta, e o cuarto é máis grande que o quinto; e o carpo (segmento 4) é máis curto que o propodio (segmento 6) no terceiro e cuarto pereiópodos en L. zariquieyi que en L. pusillus ou L. maculatus.

Distribución e hábitat Liocarcinus zariquieyi encóntrase no mar Mediterráneo e as illas Canarias. Un único espécime, nas coleccións de Alfred Merle Norman, suxire a súa presenza na costa leste de Gran Bretaña.

Vive na zona subitoral, entre os 5 e os 10 m de profundidade,Zariquiey Álvarez, R. (1968): Crustáceos decápodos ibéricos. Barcelona: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Patronato Juan de la Cierva. Serie: Investigación pesquera, 32. especialmente sobre substratos de area grosa e grava.

En Galicia

Os datos de distribución desta especie son confusos, e non se ten citado expresamente a súa presenza en augas galegas. Aínda que Ricardo Zariquiey Álvarez a cita para o Atlántico oriental, desde Plymouth a Canarias, e para o Mediterráneo, parece ser que a cita para Plymouth presenta certas dúbidas.Ingle, R. W. (1980): Brirish carabs. London: British Museum (Natural History). Oxford Universiry Press, p. 222. Por isto é pouco probábel a súa presenza en Galicia. Notas

Véxase tamén Bibliografía González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9. McLaughlin, P. A.; Lemaitre, R. & Sorhannus, U. (2007): "Hermit crab phylogeny: a reappraisal and its “fall-out”". Journal of Crustacean Biology, 27 (1): 97-115. Resumo Türkay, M. (2001): "Decapoda" en: Costello, M. J. et al. eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-292. ISBN 2-85653-538-0.

Categoría:Braquiúros