Slavomir Miklovš, nado o 16 de maio de 1934 en Đurđevo (hoxe Serbia) e finado o 21 de xullo de 2011 en Novi Sad, foi un eclesiástico da Igrexa católica bizantina en Croacia, Serbia e Montenegro, bispo de Križevci entre 1983 e 2009.

Traxectoria Slavomir Miklovš naceu en Đurđevo o 16 de maio de 1934, o oitavo fillo dunha familia de orixe rutena formada por Simeon e Verona (de apelido de solteira Gnip). Estudou a secundaria en Rijeka e Pazin, e posteriormente Teoloxía na Universidade de Zagreb. O 7 de xullo de 1964 foi ordenado sacerdote da eparquía de Križevci en Đurđevo. Logo de ser ordenado, traballou como capelán de Ruski Krstur entre 1964 e 1968 e párroco entre 1968 e 1969 en Vukovar.

O 22 de xaneiro de 1983 foi nomeado bispo de Križevci. Recibiu a consagración episcopal o 25 de marzo de 1983 de mans do arcebispo Miroslav Marusyn, secretario da Congregación para as Igrexas Orientais, e tivo como co-consagrantes a Joakim Segedi e a Joakim Herbut.

O 25 de maio de 2009 o papa Bieito XVI aceptou a renuncia por idade de Miklovš. Xa retirado, o 14 de xuño consagrou bispo a Cyril Vasiľ na basílica de Santa María a Maior de Roma.

Finou o 21 de xullo de 2011 en Novi Sad.

Premios e distincións O 21 de agosto de 2007 o presidente ucraíno Viktor Yushchenko condecorou a Miklovš coa Orde ao Mérito, terceira clase, por «contribuír de xeito significativo ao fornecemento da autoridade de Ucraína no mundo, a divulgación dos logros históricos e contemporáneos, e con motivo do décimo sexto aniversario da independencia de Ucraína».

Notas

Categoría:Nados en 1934 Categoría:Nados no distrito de Bačka do Sur Categoría:Bispos católicos de Croacia Categoría:Bispos católicos de Serbia Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina en Croacia, Serbia e Montenegro Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Finados en 2011 Categoría:Alumnos da Universidade de Zagreb Categoría:Orde ao Mérito (Ucraína)