Os Quebec Nordiques, ou Nordiques de Québec, foron un equipo profesional de hóckey sobre xeo canadense con base na cidade de Quebec, na provincia homónima. Os Nordiques xogaron na World Hockey Association (WHA) entre 1972 e 1979, e na National Hockey League (NHL) entre 1979 e 1995. A franquía foi trasladada a Denver (Colorado, Estados Unidos) e mudou o seu nome polo de Colorado Avalanche na tempada 1995-96.

Nas súas 23 tempadas de historia, o maior logro dos Nordiques chegou na tempada 1976-77, cando o equipo quebequés alzou o Avco World Trophy como campión da WHA. Das 16 tempadas que o equipo competiu na NHL, en nove delas disputou os play-offs, chegando dúas veces ás finais de conferencia, nas que caeu fronte aos New York Islanders na tempada 1981-82 e os Philadelphia Flyers na tempada 1984-85.

Durante os anos que xogaron na NHL os Nordiques mantiveron unha intensa rivalidade co outro representante de Quebec na liga, os Montreal Canadiens. Ambos equipos enfrontáronse un total de 113 veces cun rexistro favorable para os de Montreal. Nos play-offs enfrontáronse cinco tempadas, gañando os Nordiques en dúas delas. O punto culminante da rivalidade chegou o 20 de abril de 1984 durante os play-offs, cando unha liorta entre os xogadores de ambos equipos acabou con 12 expulsados e 200 minutos de penalización na que se coñeceu como "Batalla de Venres Santo.

Os Nordiques teñen a distinción de ser o único equipo con sede na cidade de Quebec que competiu nas grandes ligas profesionais americanas na era moderna, e un dos dous que o fixo en toda a historia, sendo o outro os Quebec Bulldogs, que xogou na NHL na tempada 1919–20.

Historia

A compra da concesión miniatura|Estatua de Jean Lesage presidente do consello de administración dos Quebec Nordiques en xuño de 1972. Os inicios dos Nordiques remóntanse a 1971, cando se creou unha nova liga de hóckey sobre xeo, a World Hockey Association ou WHA (en galego Asociación Mundial de Hóckey), para competir coa National Hockey League.Hornby, « Les grands moments du Hockey », p. 78 Esta nova asociación chamou a atención dun grupo de accionistas dos Quebec Remparts da Ligue de hockey junior majeur du Québec formado por Marcel Bédard, Léo-Paul Beausoleil, Jean-Marc Bruneau, John Dacres, Marius Fortier e Jean-Claude Mathieu, que ao non concordar en certos aspectos cos outros accionistas dos Remparts decidiron vender as súas accións por 60.000 dólares e reinvestilos na compra dunha franquía da WHA.

O custo establecido para unha concesión na nova competición era de 25.000 dólares, mais os investidores de Quebec presentáronos demasiado tarde e a WHA rexeitou a súa candidatura. En febreiro de 1972, Gary Davidson propuxo aos quebequeses a readquisición da franquía dos San Francisco Sharks por 250.000 dólares, este último parecía ter dificultades para comezar. Finalmente acordaron a suma de 215.000 dólares, dos cales 50.000 deberían ser pagados en efectivo, nacendo así a franquía de Quebec.Fortier, « Les Nordiques et le circuit maudit », p. 51Fortier, « Les Nordiques et le circuit maudit », p. 56

Todo o mundo pensaba que o club se puxera en marcha, mais moitos escépticos suxeriron que o orzamento que o grupo previra para as operacións de hóckey non era realista e que o club finalmente non vería a luz. Para contrarrestar este escepticismo, conseguiron unha reunión con George «Punch» Imlach, na súa época de director xeral dos Buffalo Sabres da NHL xunto con Joe Crozier. A reunión celebrouse en Toronto en abril de 1972 e os participantes na mesma compararon o orzamento proxectado co dos Sabres. Isto demostrou que os presupostos eran sensiblemente os mesmos, e Imlach alentounos a embarcarse na aventura con ese orzamento.Fortier, « Les Nordiques et le circuit maudit », p. 73

Con todo, poucos investidores manifestaron interese polo equipo. Ademais tiñan que atopar unha suma de 100.000 dólares para pagar á WHA para garantir a entrada en competición do equipo na tempada inaugural, e de non conseguilos perdería o anticipo de 50.000 dólares que pagara para mercar a franquía e sería excluído da competición por comezar uns meses máis tarde. Ao non ter os cartos solicitados, John Dacres e Marius Fortier partiron cara Chicago onde debía ter lugar unha reunión coa dirección da WHA. Alí Martin Lazarus ofreceu axuda á franquía a condición do seu traslado a Montreal. Tendo fracasado en atopar a suma antes do ultimato, os dous homes aínda ían a tempo para a reunión e para a súa sorpresa, Bill Hunter propietario da franquía de Edmonton avalou e depositou os cartos do club de Quebec.

Un tempo despois, coa axuda de Jean Lesage, os Nordiques foron capaces de atopar en Charles Marquis a un investidor que garantira o debut do equipo nunha pista de xeo.Fortier, « Les Nordiques et le circuit maudit », p. 79 Marius Fortier converteuse pola súa parte no director xerente da franquía, e Lesage foi nomeado presidente do consello de administración.

Na World Hockey Association miniatura|dereita|Maurice Richard, primeiro adestrador da franquía. Despois dos problemas para poñer en marcha a franquía, os Nordiques entraron en competición na tempada inaugural da WHA. O 27 de xullo de 1972 a franquía contrataba ao ex xogador dos Montreal Canadiens na NHL Maurice Richard, quen se convertería así no primeiro adestrador do equipo, sumándose a outro ex dos Habs, o defensa Jean-Claude Tremblay. Meses despois chegaría a estrea en competición do equipo quebequés, o día 11 de outubro, cunha derrota por 3-2 ante os Cleveland Crusaders. A raíz desta primeira derrota, Richard declarou a Fortier que non continuaría e que non soportaba a presión que xeraba o posto de adestrador dun equipo.Larochelle, « Les Nordiques - Dix ans de suspence », páxs 184 e 185 Finalmente accedeu a permanecer no posto para o primeiro partido na casa fronte aos Alberta Oilers cunha vitoria por 6 goles a 0. Con todo, Richard non aproveitou o partido e a dirección de Quebec anunciou de xeito oficial que Richard se retiraba unha semana por motivos de saúde; Filion tomou entón o posto de adestrador. Ao finalizar a liga regular, o equipo non foi quen de clasificarse para os play-offs, o que motivou a destitución de Filion e a chegada ao banco de Jacques Plante. Este mesmo resultado repetiuse na tempada seguinte a pesar da chegada ao equipo de xogadores como Serge Bernier, Réjean Houle e Dale Hoganson, e da mellora do equipo, que pasou dun rexistro de 33 vitorias 40 derrotas e 5 empates, a 38 vitorias, 36 derrotas e 4 empates. Plante foi fortemente criticado polos seareiros de Quebec e decidiu el mesmo deixar a franquía o 1 de maio para regresar ao xogo na tempada seguinte á fronte dos Edmonton Oilers.

Na tempada 1974-75, o antigo capitán do equipo Jean-Guy Gendron converteuse no sucesor no banco de Plante o mesmo ano que John Dacres se convertía no segundo presidente dos Nordiques. Ademais o equipo reforzouse coa chegada de Real Cloutier e Marc Tardif. Esa mesma tempada a WHA reestruturouse coa creación da Canadian Division, onde se encadraron os Nordiques, que loitaron toda a tempada cos Toronto Toros por finalizar na primeira posición. Entre o 1 e o 19 de xaneiro, o equipo conseguiu nove vitorias consecutivas, colocándose na primeira posición da clasificación da súa división. En marzo, o equipo finalizou a liga regular con 92 puntos, o segundo rexistro máis alto da liga por detrás dos Houston Aeros, conseguindo deste xeito a súa primeira clasificación para os play-offs. Os Nordiques enfrontáronse na primeira rolda aos Phoenix Roadrunners, tendo que chegar ao quinto partido da serie para derrotar ao equipo de Arizona. Na segunda rolda, os Nordiques enfrontáronse aos Minnesota Fighting Saints, necesitando desta vez o equipo de Gendron de seis partidos para pasar á seguinte rolda. Na final, os de Quebec enfrontáronse aos campións da liga regular ese ano e do Avco World Trophy na tempada 1973-74, os Houston Aeros, que derrotaron aos Nordiques en catro partidos cun total de 20 goles para o equipo de Houston fronte a sete dos Nordiques.

Os bos rexistros dos Nordiques repetíronse na tempada 1975-76, na que finalizaron segundos da súa división con 50 vitorias, 27 derrotas e 4 empates para un total de 104 puntos, clasificándose por segunda vez na súa historia para os play-offs. Porén, o equipo quebequés non foi quen de superar na primeira rolda aos Calgary Cowboys, terceiros da Canadian Division con 86 puntos, perdendo en cinco partidos (4-1), nunha serie na que Tardif case non puido xogar a causa dun choque co xogador dos Cowboys Rick Jodzio. As cousas cambiaron de novo na tempada 1976-77 coa chegada de Marc Boileau ao banco procedente dos Pittsburgh Penguins da NHL. Logo dun bo inicio e unha posterior baixada de rendemento, conseguiron recuperar o bo xogo ao final da liga regular, na que finalizaron na primeira posición na división leste cun rexistro de 47 vitorias, 31 derrotas e 3 empates, sumando un total de 97 puntos e Cloutier o premio ao máximo goleador con 66 goles. Os Nordiques metíanse un ano máis nos play-offs e debían superar na primeira rolda ao último clasificado da súa división, os New England Whalers, aos que derrotaron en cinco partidos (4-1). Para chegar á final da liga os Nordiques debían superar ao Indianapolis Racers, o que fixeron do mesmo xeito que a anterior eliminatoria: tres partidos consecutivos gañados, unha vitoria dos de Indianapolis, e unha vitoria dos de Quebec. Os Nordiques chegaban así á súa segunda final do Avco World Trophy, onde tiñan que enfrontarse aos Winnipeg Jets, terceiros da liga regular e que viñan de derrotar aos Aeros na final da división Oeste e vixentes campións do Avco World Trophy. Logo de perder o primeiro partido, os Nordiques gañaron o segundo e perderon o terceiro, tras gañar o cuarto e o quinto os de Quebec púñanse en vantaxe na eliminatoria, mais os Jets empataron a serie a tres partidos, polo que todo se decidiría no sétimo e definitivo encontro. O derradeiro partido da serie xogouse o 26 de abril no Colisée de Québec, e a pesar do empate sen goles ao final do primeiro período, o marcador final decantouse do lado local por 8 goles a 2. Deste xeito, os Nordiques conquistaban o seu primeiro Avco World Trophy e único, mentres que Serge Bernier conseguiu 14 goles e 22 asistencias para alzarse co título de MVP dos play-offs da WHA

As dúas últimas tempadas dos Nordiques na WHA foron discretas, a pesar de terse clasificado para os play-offs en ambas. Na tempada 1977-78, tras quedar cuartos dunha liga xa sen divisións, superaron a primeira rolda fronte aos Houston Aeros (4-2), mais caeron na segunda fronte aos New England Whalers, mentres que na última tempada da WHA antes da súa fusión coa NHL non foron capaces de superar na primeira rolda aos Winnipeg Jets, que acabarían converténdose nos últimos campións da WHA. Esa tempada retirouse Jean-Claude Tremblay, e ese mesmo verán o equipo retirou o seu número nunha gran cerimonia na que o pendurou do teito do Colisée de Québec.

Durante a última tempada da WHA, ante a debilidade da liga o propietario dos Nordiques Marcel Aubut comezou negociar coa NHL para que admitira á franquía de Quebec e absorbera ao resto dos equipos da WHA como parte dunha fusión, mais a NHL rexeitou a fusión total e só admitiu aos catro mellores equipos da WHA: New England Whalers, Winnipeg Jets, Edmonton Oilers e Quebec Nordiques, a pesar da oposición inicial dos Montreal Canadiens, que eran reticentes á presenza doutra franquía no que era o seu territorio.

Na National Hockey League miniatura|300px|Jacques Demers adestrador dos Nordiques na primeira tempada da franquía na NHL.