Julián Besteiro Fernández, nado en Madrid o 21 de setembro de 1870 e finado en Carmona (provincia de Sevilla) o 27 de setembro de 1940, foi un catedrático e político español, presidente das Cortes durante a Segunda República, así como do Partido Socialista Obrero Español e da Unión Xeral de Traballadores.
Alumno da Institución Libre de Enseñanza, estudou Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid e iniciouse na política no partido da Unión Republicana, pasando máis tarde a formar parte do Partido Republicano Radical. En 1912, ano no que tamén obtivo a súa cátedra na Universidade Central, ingresou no PSOE. Tivo un papel protagonista na folga xeral de 1917, polo que foi encarcerado en Cartaxena. Foi elixido deputado en 1918 e liberado de prisión, comezando entón a súa actividade parlamentaria.
Sucesor de Pablo Iglesias como líder do PSOE e da UGT trala morte deste último, apoiou unha postura colaboracionista coa ditadura de Miguel Primo de Rivera. Trala proclamación da Segunda República, en 1931 converteuse no presidente das Cortes Constituíntes e en 1934 opúxose á deriva revolucionaria do seu partido durante a folga de outubro.
Tralo comezo da guerra civil opúxose á influencia comunista no goberno republicano e participou no golpe de estado contra o goberno de Juan Negrín levado a cabo polo coronel Segismundo Casado, formando parte do Consello de Defensa de Madrid en calidade de ministro de Exteriores. Foi o único membro deste consello que permaneceu en Madrid cando as forzas do bando sublevado entraron na cidade durante a ofensiva final da guerra o 28 de marzo de 1939. Sometido a un consello de guerra e acusado de promover un socialismo moderado, foi condenado a trinta anos de prisión. Faleceu en 1940 vítima dunha infección no cárcere de Carmona, nunhas condicións de presidio deficientes.
Traxectoria Primeiros anos e formación Nado en Madrid o 21 de setembro de 1870, era fillo dun comerciante de ultramarinos de orixe galega. Ingresou en 1879 na Institución Libre de Enseñanza, creada tres anos antes por Francisco Giner de los Ríos, ó que Besteiro profesou unha grande admiración, adicándolle numerosos eloxios na prensa en anos posteriores. Entre 1887 e 1890 realizou estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, tendo como docentes entre outros a Nicolás Salmerón —quen fora presidente da Primeira República Española— e Luis Simarro.
No curso 1895-1896 trasladouse ata París para ampliar os seus estudos na Sorbona. Á súa volta a España en 1897 gañou por oposición a cátedra de profesor de instituto en Ourense, trasladándose posteriormente a un instituto de Toledo onde exerceu a docencia desde 1899 ata 1908, ano no que obtivo licenza para estudar no estranxeiro, malia que o seu cesamento administrativo non se produciu ata o ano 1912.
Comezos na política miniatura|esquerda|150px|Fotografía de Besteiro publicada en outubro de 1912 en Vida Socialista. A primeira formación política na que militou foi a Unión Republicana, fundada en 1903 por Nicolás Salmerón e Alejandro Lerroux. En novembro dese ano foi elixido concelleiro en Toledo. Tras producirse en 1908 unha crise no seo da Unión Republicana, Lerroux fundou o Partido Republicano Radical no que Besteiro ingresou ese mesmo ano.
En 1909 viaxou a Alemaña e visitou as universidades de Berlín, Múnic e Leipzig, onde tomou contacto coas teses marxistas. De volta en España e antes do seu ingreso no PSOE no ano 1912, ingresou brevemente na Prisión Modelo en 1911 por mor dunha conferencia na Casa del Pueblo de Madrid, na que se manifestou en contra da guerra en África. Durante esta estancia en prisión confraternizou con Andrés Saborit e Daniel Anguiano. En 1912 obtivo a cátedra de Lóxica da Universidade Central.
En 1913 casou coa profesora de Ciencias Físicas Dolores Cebrián Fernández de Villegas, que impartía clases na Escola Normal de Mestres de Toledo. Ese mesmo ano converteuse en conselleiro do concello de Madrid polo distrito de Chamberí. Posteriormente foi elixido concelleiro de novo nos anos 1917 e 1931. Antes de chegar á vicepresidencia da Unión Xeral de Traballadores ocupou os cargos de vogal e vicesecretario do sindicato.
O 8 de xuño de 1916 liderou o comité da UGT que visitou o Conde de Romanones, presidente do Consello de Ministros, para transmitirlle as demandas da clase obreira. A negativa por parte do executivo á hora de satisfacer estas demandas, entre as que se incluía o fin da guerra de Marrocos, foi o preludio da folga de decembro dese ano. Foi tamén un dos asinantes, xunto a Largo Caballero e Vicente Barrio, do acordo de colaboración coa CNT, representada por Salvador Seguí e Ángel Pestaña, en Zaragoza o 17 de xullo de 1916, que facilitou a folga xeral do 18 de decembro.
O 9 de agosto de 1917 a UGT convocou unha folga xeral revolucionaria que non obtivo os resultados agardados, e Besteiro foi xulgado por un tribunal militar e sentenciado a cadea perpetua o 4 de outubro xunto a Anguiano, Largo Caballero e Saborit. Foron trasladados ó cárcere de Cartaxena, mais non permaneceron alí moito tempo xa que nas eleccións de febreiro de 1918 foron elixidos deputados, e liberados tras unha campaña no seu favor.
A actividade parlamentaria de Besteiro entre 1918 e 1923 comezou cunha explicación e xustificación da folga de 1917. Tamén lle prestou interese a temas como a sanidade e a educación, lamentándose nesta última cuestión do analfabetismo e o desfase entre a fin da educación primaria e a idade mínima para traballar. En febreiro de 1919 asistiu á Conferencia de Berna en representación do PSOE. Durante os últimos anos de vida de Pablo Iglesias, debilitado por unha enfermidade, Besteiro foi o líder de facto do PSOE desde a vicepresidencia do partido. No congreso do PSOE de 1920 Besteiro mantivo, ó igual que Largo Caballero, unha posición ambivalente e contemporizadora fronte ós discursos terceiristas que buscaban a adhesión incondicional ó Comintern.
Ditadura de Primo de Rivera dereita|miniatura|Besteiro, Daniel Anguiano, Andrés Saborit e Francisco Largo Caballero no cárcere de Cartaxena, por Campúa (1918). Trala instauración da ditadura de Primo de Rivera Besteiro adoptou, como gran parte do sindicato e do partido, unha postura de colaboración co novo réxime, sendo frecuentes as súas declaracións favorables á nova situación institucional. Argumentaba que a posta en funcionamento dun sistema democrático era responsabilidade da burguesía e que se trataba de algo no que non lle correspondía involucrarse de forma activa á clase traballadora. Consecuentemente, e ata que a burguesía cumprise a súa misión histórica, a Unión Xeral de Traballadores debía aproveitar as oportunidades ofrecidas polo réxime para mellorar a posición da clase traballadora organizada ó redor do sindicato socialista. Esta postura de colaboración tivo a oposición dentro do PSOE de Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos, que propoñían un modelo de estado de sistema bicameral.
En 1925 Besteiro sucedeu Pablo Iglesias á fronte do PSOE. Nos últimos tempos da ditadura a posición de Besteiro tivo un cariz segundo Preston "en certo modo pasivo". Nunha reunión da UGT en agosto de 1929, a ruptura da á obreira de Largo Caballero coa vía colaboracionista co réxime e a distensión de Besteiro, que mantivo a súa postura de 1924, provocou unha liña de fractura no partido, que volveu a reproducirse co rexeitamento de Besteiro á colaboración socialista coas forzas republicanas no chamado Pacto de San Sebastián. En 1930 bloqueou a celebración da folga xeral prevista para o 15 de decembro dese ano. Co triunfo das teses contrarias ás súas, na reunión do 22 de febreiro de 1931 dimitiu dos seus cargos tanto no PSOE coma na UGT, secundado por varios socialistas achegados como Saborit, Trifón Gómez e Lucio Martínez.
Porén, Besteiro formou parte en representación do PSOE da candidatura por Madrid da Conjunción Republicano-Socialista para as eleccións municipais fixadas para o 12 de abril de 1931. O triunfo desta coalición fronte ós monárquicos foi considerable e Besteiro foi un dos trinta concelleiros desta conxunción que resultaron elixidos, no seu caso polo distrito de La Latina.
Segunda República Española miniatura|130px|esquerda|Besteiro, En 1931, trala instauración da Segunda República Española, Besteiro, que se presentou como candidato nas eleccións constituíntes foi elixido case por unanimidade presidente das Cortes republicanas constituídas o 14 de xullo, cargo que ocupou ata o 9 de outubro de 1933. Porén, chegou a afirmar que os socialistas non debían colaborar coas forzas republicanas á hora de conformar gobernos burgueses para, nas súas palabras, "conservar a nosa (a do partido) independencia e a nosa autonomía". Experimentou non obstante neste período unha "republicanización", cunhas formulacións previas ás eleccións constituíntes de 1931 que, segundo Emilio Lamo de Espinosa, podía subscribilos "calquera republicano burgués".
En 1933 replicoulle a Amaro del Rosal que "facer un movemento para poñer en funcionamento o Socialismo mediante a ditadura do proletariado" considerábao "un absurdo imposible nas circunstancias actuais, e o anuncio destes propósitos, que non se realizarán e se se intentan realizar resultarán nun fracaso enorme, non servirá máis que para estimular a reacción".
Besteiro, que experimentou durante este período unha deriva cara a posicións máis conservadoras, viuse obrigado a dimitir en xaneiro de 1934 da presidencia da UGT que recuperara no congreso da mesma en outubro de 1932, e mantívose á marxe da faceta revolucionaria do PSOE que deu lugar á Revolución de outubro, á que se opuxo. Chegou a afirmar que o perigo fascista estaba mellor representando por Largo Caballero e os seus seguidores que pola CEDA, e advertiu que "España non era Rusia" e que a insurrección requiriría aínda máis violencia e desembocaría probablemente nun fracaso. O 28 de abril de 1935 ingresou como membro da Academia de Ciencias Morales y Políticas cun discurso titulado Marxismo y Antimarxismo, interpretado coma un episodio máis do conflito coa liña "caballerista" do partido.
miniatura|Besteiro no centro xunto a Édouard Herriot durante unha visita deste último a España en 1932. Para as eleccións de febreiro de 1936 o PSOE integrouse na Fronte Popular. O partido achegaba sete candidatos á candidatura frontepopulista pola cidade de Madrid. Como en anteriores procesos electorais da etapa republicana, a Agrupación Socialista Madrileña elixiu ós seus candidatos mediante antevotacións. Nestas quedou rexistrado un predominio da facción revolucionaria caballerista, que superou amplamente á candidatura encabezada por Besteiro. Largo Caballero obtivo o 92 % dos votos. Besteiro foi elixido candidato nunha segunda volta. O seu cada vez menor apoio nas filas socialistas contrastou cos resultados obtidos nas eleccións nas que foi elixido deputado, sendo o segundo candidato máis votado tras Manuel Azaña e o primeiro socialista con 224 540 votos.
Guerra Civil
Tralo comezo da guerra civil volveu ó concello de Madrid como presidente do denominado Comité de Reforma, Reconstrución e Saneamento. Besteiro, que se opuxo frontalmente ó conflito, caracterizouse durante o mesmo polo seu anticomunismo e pola súa aposta por unha paz negociada. Desde moi cedo deu por perdida a guerra, mais rexeitou repetidamente abandonar a capital malia as presións dos seus achegados. A comezos de 1937 rexeitou trasladarse ata Buenos Aires como embaixador malia atoparse enfermo. Durante anos controlara unha tuberculose latente, mais o traballo, a mala alimentación e o frío empeoraron a súa saúde.