Maigret na escola é unha novela policial en lingua francesa do autor belga Georges Simenon, publicada por vez primeira por Presses de la Cité en marzo de 1954 co título orixinal Maigret à l'école. Forma parte da saga do comisario Maigret. Foi traducida ao galego por Xosé Manuel Martínez Oca, e publicada por Vía Láctea Editorial en 1992.
A obra foi escrita en Shadow Rock Farm (Lakeville, Connecticut) entre o 1 e o 8 de decembro de 1953, e apareceu publicada en 6 entregas no semanario Télé-Moustique entre o 14 de febreiro e o 21 de marzo de 1954. Nesta novela as investigacións de Maigret desenvólvense nun clima aldeán, hostil ao estranxeiro, e iso faille lembrar épocas da súa infancia. Amais de para resolver o caso, o comisario decide ir a Charente Marítimo para evadirse da gran cidade por uns días e para comer ostras e beber viño branco.
Trama
Joseph Gastin é un profesor dunha aldea do depertamento de Charente Marítimo que chega a París para pedirlle axuda ao comisario Maigret. Está acusado inxustamente de matar Léonie Birard, a proscrita da aldea. Maigret decide marchar uns días da cidade e acompáñao ata La Rochelle. Ao chegar, como era previsible, Gastin é arrestado, e Maigret vai a Saint-André-sur-Mer para investigar.
Léonie Birard foi asasinada cunha bala de carabina mentres estaba observando pola ventá da súa casa, preto da escola, nun momento en que o mestre saíu do centro escolar para cubrir uns documentos na casa do concello. A anciá era odiada por toda a veciñanza da aldea, aos que insultaba e maldicía. Pola súa banda, o mestre chegara desde Courbevoie, onde a súa muller tivera unha aventura por todos coñecida, e o matrimonio non era benvido na aldea.
A sospeita de que o mestre é o asasino pasa pola testemuña dun dos seus alumnos, Marcel Sellier, un rapaz serio, mais a súa declaración entra en contradición coa do fillo do profesor, que tamén vai á escola, e créase controversia. A través de interrogatorios Maigret descobre que Marcel mentiu para cubrir o seu amigo Joseph Rateau, que permanece prostrado na súa habitación por mor dun atropelo. O comisario averigua que o atropelo se debera a que Joseph lle estaba a facer unha falcatruada a Léonie Birard, mais o pai de Joseph apañouse para cobrar cartos do seguro do vehículo. Birard coñece a verdade, e desde a súa casa faille carantoñas ao rapaz. O pai de Joseph, alcólico, unha mañá dispara a carabina do fillo cara a casa de Birard para asustala, pero accidentalmente acaba por matala.
Narración A trama está contada en terceira persoa por un narrador omnisciente. A acción desenvólvese inicialmente en París e principalmente en Saint-André-sur-Mer, ao noroeste de La Rochelle, moi preto do océano Atlántico. O tempo narrativo dura tres días, e desenvólvese en primavera. O tempo histórico é contemporáneo da escrita, a mediados do século XX.
Personaxes Léonie Birard, a vítima. Carteira xubilada de 66 anos, solteira. Joseph Gastin, profesor e secretario do concello. Marcellin Rateau, o carniceiro. Daniélou, o tenente da xendarmería. Marcel Sellier, Jean-Paul Gastin e Joseph Rateau, tres rapaces de doce anos.
Adaptacións Amais de ser traducida ao galego, a obra foi verquida a diversas linguas como o alemán (Maigret und die schrecklichen Kinder), italiano (Maigret a scuola), inglés (Maigret Goes to School) ou portugués (Maigret na escola). Foi levada á pantalla en catro ocasións:
The Liars (1961), telefilme inglés de Rudolph Cartier, con Rupert Davies como Maigret. Maigret à l'école (1971), telefilme francés de Claude Barma, con Jean Richard. Maigret Goes To School (1992), telefilme inglés de James Cellan Jones, con Michael Gambon. Maigret à l'école (2002), telefilme francés de Yves de Chalonge, con Bruno Cremer e Jean-Claude Dreyfus.
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en Tout Simenon .
Categoría:Obras literarias de 1954 Categoría:Novelas en francés Categoría:Novelas ambientadas en Francia Categoría:Obras traducidas do francés ao galego