Antonio Añoveros Ataún, nado en Pamplona o 13 de xuño de 1909 e finado o 24 de outubro de 1987, foi un eclesiástico católico latino navarro, bispo de Bilbao entre 1971 e 1978.

Traxectoria Naceu en Pamplona o 13 de xuño de 1909, terceiro fillo de Julio e Claudia. Estudou no colexio dos maristas da súa cidade natal, posteriormente Dereito civil na Universidade de Zaragoza, e finalmente entrou no seminario de Pamplona. Foi ordenado sacerdote o 25 de xullo de 1933. Comezou a exercer o seu ministerio na parroquia de San Nicolao, e posteriormente foi párroco en Tafalla. Durante a guerra civil española foi capelán militar.

En 1952 trasladouse a Málaga, onde foi nomeado reitor do seminario e vigairo xeral. O 25 de agosto de 1952 foi nomeado bispo auxiliar de Málaga e bispo titular de Tabuda. Recibiu a ordenación episcopal de mans do bispo de Málaga Ángel Herrera Oria o 12 de outubro.

O 27 de outubro de 1954 foi nomeado bispo coadxutor de Cádiz e Ceuta, e o 2 de abril de 1964 sucedeu a Tomás Gutiérrez Díez á fronte de dita diocese. Como bispo de Cádiz publicou en 1967 unha pastoral sobre os problemas do campo andaluz, que tivo moito impacto; tamén foi quen aprobou a Irmandade Sacramental da Misericordia de San Fernando.

O 3 de decembro de 1971 foi nomeado bispo de Bilbao. No seu exercicio como bispo, o 24 de febreiro de 1974 proclamou a homilía El cristianismo, mensaje de salvación para los pueblos, que foi lida na maioría das igrexas da diocese, e que dicía:

O réxime franquista reaccionou ordenando o seu arresto domiciliario, e posteriormente Carlos Arias Navarro ordenou a súa expulsión do país. Porén, o episcopado acordou aplicar a excomuñón a aqueles que procedesen contra a "autoridade eclesiástica", chegando o cardeal Tarancón a redactar o documento. A pesar de que varios sectores do goberno querían seguir adiante, finalmente Franco decidiu evitar o conflito coa Igrexa, e Añoveros non foi expulsado.

Renunciou por problemas de saúde o 25 de setembro de 1978 (sufría de Parkinson e de arteriosclerose) e se retirou a unha residencia. Finou o 24 de outubro de 1987 en Bilbao, na clínica Virgen Blanca, onde estaba ingresado por problemas respiratorios graves. Está enterrado na catedral de Santiago de Bilbao.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en 1909 Categoría:Nados en Pamplona Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos de España Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Finados en 1987