A arquitectura en repositorio é un modelo estrutural para sistemas informáticos no que se deseña un compoñente central, encargado do almacenamento da información relevante para o funcionamento global do sistema, e unha serie de compoñentes periféricos, que implementan os servizos do sistema apoiándose no uso do compoñente central, que recibe o nome de repositorio. Este modelo emprégase habitualmente en aplicacións onde un ou varios compoñentes xeran datos que outros compoñentes queren consumir, e nos que non se quere establecer comunicación explícita nin directa entre os produtores e os consumidores de información. Exemplos de sistemas nos que esta arquitectura adoita aparecer son sistemas de control, sistemas de información administrativa e sistemas en contornas interactivas.

Características miniatura|600px|Exemplo de representación dun sistema con arquitectura en repositorio. A arquitectura en repositorio organiza os compoñentes do sistema en dous tipos de elementos:

Repositorio: adoita ser un compoñente único no sistema, e constitúe un almacenamento de datos centralizado. Este almacenamento de datos centralizado ou repositorio é accesible a todos os compoñentes do sistema, que poden engadir, actualizar ou borrar información nel. Compoñente: representa un elemento que implementa un servizo ou funcionalidade do sistema, para o cal interactúa co repositorio. Os compoñentes non interactúan entre si, senón que empregan o repositorio para comunicarse de xeito indirecto. Este modelado e estruturación do sistema arredor do repositorio de información require dunha visión do sistema centrada na información, e permite modelar facilmente sistemas onde a aparición, desaparición ou cambio na información é a orixinadora de accións por parte dos compoñentes que acceden ao repositorio.

Vantaxes As principais vantaxes da arquitectura en repositorio son as seguintes: Os compoñentes poden ser completamente independentes uns doutros, favorecendo a ausencia de dependencias tanto no seu desenvolvemento coma no funcionamento, mantemento e reutilización. Os cambios producidos na información almacenada no repositorio resultan inmediatamente accesibles a todos os compoñentes do sistema, sen necesidade de comunicárllela explicitamente. Toda a información pódese xestionar uniforme e consistentemente (por exemplo, copias de seguridade).

Inconvenientes Os principais inconvenientes da arquitectura en repositorio son os seguintes: O repositorio é un punto crítico do sistema, un punto único de fallo, de xeito que un problema no repositorio vai a afectar ao funcionamento de todos os compoñentes e á dispoñibilidade do sistema ao completo. Distribuír ou replicar o repositorio pode ser complexo polas necesidades de sincronización que poida carrexar, o que dificulta a escalabilidade do sistema. A eficiencia do repositorio á hora de atender o acceso de todos os demais compoñentes tamén é un limitante no rendemento global do sistema. A atención concorrente de peticións de diferentes compoñentes por parte do repositorio pode levar a conflitos na actualización da información.

Variantes e usos Nunha arquitectura en repositorio, o almacén de datos pode comportarse de dúas maneiras diferentes:

Repositorio pasivo: no que o cliente (cada un dos compoñentes) accede aos datos independentemente dos cambios ou accións dos outros clientes ou compoñentes. Repositorio activo: no que o repositorio envía proactivamente información ou notificación aos clientes ou compoñentes cando os datos do seu interese cambian.

A interacción entre o repositorio e os demais compoñentes tamén é variable, xa que a entrada dos datos é seleccionada polos compoñentes e pode que o estado dos datos do repositorio seleccione o proceso a executar.

Sistemas baseados no coñecemento Un uso común da arquitectura en repositorio consiste en desenvolver sistemas baseados no coñecemento (ou sistemas expertos), onde as entidades individuais non son capaces de aproximarse a unha solución, ou ben esta é inviable polo tamaño do espazo de procura. Este tipo de sistemas constan dos seguintes elementos: Axentes (compoñentes), que adoitan estar especializados nunha tarefa concreta ou elemental. Lousa (repositorio), que é un elemento de control. Os axentes traballan sobre os mesmos datos (os presentes na lousa, sempre actualizados): examinan a lousa, executan cadansúa tarefa e escriben as súas conclusións na mesma lousa. Unha vez que un axente escribe as súas conclusións na lousa, todos os demais verán os novos datos e traballarán sobre estes..

Notas

Categoría:Informática