Camilo Bargiela Pando, nado en Tui o 25 de decembro de 1864 e finado en Casablanca (Marrocos) o 2 de xullo de 1910La Correspondencia de España, 3-7-1910, p. 6., foi un xornalista, escritor e diplomático galego.
Traxectoria Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou colaborando nas publicacións de Tui La Novedad (1890), Tuy Humorístico (1898) e La Opinión, no que empezou a publicar por entregas a novela Los pavos reales, que escribiu en Casablanca e que non chegou a rematar. Fixo a carreira diplomática, e foi cónsul de España en Manila, Hong Kong e Casablanca.
Pertenceu á xeración do 98 e frecuentou os principais faladoiros literarios de Madrid. Xunto con Pío Baroja, Ricardo Baroja, Ignacio Alberti, José Fluixá, Jesús Fluixá, Antonio Gil e José Martínez Ruíz, asinou o manifesto da homenaxe a Mariano José de Larra o 13 de febreiro de 1901. Colaborou na revista Café con Gotas na que apareceron os seus artigos "¡Oh el amor!", "¿Tengo razón?" e "Improvisación". Publicou traballos sobre Henrik Ibsen, Hauptman, Gabriele D'Annunzio e Suderman, traducións de Lev Tolstoi, Maurice Maeterlinck, Maxim Gorki e Henryk Sienkiewicz e varios artigos filosóficos e poéticos en xornais e revistas de Madrid como Revista Nueva, La Vida Literaria e Arte Joven. Tamén escribiu para o xornal barcelonés Las Noticias.
Bargiela e Enrique Labarta Pose foron os modelos que Alejandro Pérez Lugín empregou para crear o personaxe de Casimiro Barcala na novela La Casa de la Troya (1915)."A novela" Museo Casa da Troya. Concello, USC, Deputación, Xunta etc.
Obras Luciérnagas (Madrid, 1900), libro dividido en dúas partes, a primeira contén relatos de temática e estilo modernista e a segunda inclúe un ensaio sobre a literatura do seu tempo e a herdanza da xeración precedente, titulado "Modernistas y anticuados". La boquilla de Ambar, conto dramático nun acto. El juglar, comedia de Teodoro de Baurille, que traduciu e adaptou ao teatro español, coa colaboración de Ramón de Godoy.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Xornalistas de Tui Categoría:Nados en Tui Categoría:Nados en 1864 Categoría:Finados en 1910 Categoría:Tradutores de Galicia Categoría:Tradutores ao castelán Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela