miniatura|dereita|Un home vello. O envellecemento humano ou senescencia humana é o conxunto de modificacións morfolóxicas e fisiolóxicas que aparecen como consecuencia da acción do tempo sobre os seres humanos (e tamén noutros seres vivos), que supón unha diminución da capacidade de adaptación en cada un dos órganos, aparatos e sistemas, e da capacidade de resposta aos axentes lesivos (noxas) que inciden no individuo. O envellecemento dos organismos e particularmente o da especie humana foi motivo de preocupación desde hai moito tempo por diversas razóns de saúde e demográficas.Envellecemiento - Organización Mundial da Saúde

A esperanza de vida humana aumentou significativamente nos últimos anos. O envellecemento da poboación pode considerarse un éxito das políticas de saúde pública e do desenvolvemento socioeconómico, aínda que tamén é un reto para toda a sociedade, xa que debe adaptarse a esta nova realidade. Co envellecemento, comezan unha serie de procesos de deterioración paulatina de órganos e as súas funcións asociadas. Moitas doenzas, como certos tipos de demencia, doenzas articulares, cardíacas e algúns tipos de cancro foron asociadas ao proceso de envellecemento.Envellecemento - Organización Mundial da Saúde

Por este motivo a investigación a nivel celular deste proceso recibiu especial atención. Un dos achados relevantes é que as células normais están programadas para un número determinado de roldas de división (ver límite de Hayflick). Cada cromosoma posúe nos seus extremos unha serie de secuencias altamente repetitivas e non codificantes denominadas telómeros. Debido ao mecanismo de replicación do ADN nas células, os telómeros vanse acurtando coas sucesivas divisións. Isto vese atenuado pola existencia dun encima chamado telomerase que realiza a replicación telómerica. Porén, a actividade telomerase funciona en células embrionarias, pero está inactiva en células somáticas adultas, o que supón o acurtamento progresivo dos telómeros cromosómicos. Cando o tamaño dos telómeros chega a un certo nivel mínimo, desencadéanse mecanismos que levan á morte celular. Por esta razón, o acurtamento telómerico asociouse co proceso de envellecemento celular. Desta forma, a lonxitude dos telómeros representaría unha especie de reloxo xenético que determinaría o tempo de vida das células.

Internacionalmente, en 1984 admitiuse por convenio, que ancián é toda persoa maior de 65 anos, idade coincidente en moitos países coa xubilación.

Datos estatísticos do envellecemento miniatura|400px|Mapa de idades medias no ano 2001. En Galicia, o aumento da esperanza de vida, a redución progresiva da mortalidade, xunto á diminución das taxas de fecundidade, están provocando a inversión das pirámides de poboación cos conseguintes problemas sociais e económicos. Esta alteración na pirámide demográfica está empezando a repercutir na estrutura do sistema sanitario.

Segundo a OMS, no século XX produciuse unha revolución da lonxevidade. A esperanza media de vida ao nacer aumentou 20 anos desde 1950 e chega agora a 66 anos, e prevese que en 2050 aumentará 10 anos máis. Este éxito demográfico e o rápido crecemento da poboación na primeira metade do século XXI significan que o número de persoas de máis de 60 anos, que era no mundo de arredor de 600 millóns no ano 2000, chegará a case 2.000 millóns no 2050, mentres que se proxecta un incremento mundial da proporción do grupo de poboación definido como persoas de idade avanzada do 10% en 1998 ao 15% en 2025.

Ese aumento será máis notable e rápido nos países en desenvolvemento, nos que se prevé que a poboación de idade avanzada se cuadruplicará nos próximos 50 anos. En Asia e América latina, a proporción do grupo clasificado como persoas anciás aumentará do 8% ao 15% entre 1998 e 2025, mentres que en África se prevé que esa proporción aumente só do 5% ao 6% durante ese período, e que despois se duplique para o ano 2050.

Unha transformación demográfica mundial deste tipo ten profundas consecuencias para todos os aspectos da vida individual, comunitaria, nacional e internacional. Todas as facetas da humanidade (sociais, económicas, políticas, culturais, psicolóxicas e espirituais) experimentarán unha transformación.

Características xerais do envellecemento humano

Aínda que os caracteres externos do envellecemento varían dependiendo dos xenes e dunha persoa a outra, pódense citar algunhas características xerais do envellecemento humano:

Perda progresiva da capacidade visual: Síntomas que levan á presbicia, miopía, cataratas, etc. Hipoacusia progresiva. Perda da elasticidade muscular. Alteración do sono. Perda da axilidade e capacidade de reacción reflexa. Dexeneración de estruturas óseas: aparición de deformacións debido a acromegalias, osteoporose, artrite reumatoide. Aparición de demencias senís: enfermidade de Alzheimer. Perda da capacidade de asociación de ideas. Distensión creciente dos tecidos de sostén muscular por efecto da gravidade terrestre (caída dos seos na muller, perda da tonicidadade muscular). Perda progesiva da forza muscular e da vitalidade. Aumento da hipertensión arterial. Alteración da próstata (risco de cancro masculino). Perda da capacidade inmunitaria fronte a axentes contaxiosos. Diminución do coláxeno da pel e da absorción de proteínas, aparición de engurras. Perda progresiva do sentido do gusto. Perda progresiva da libido, diminución da espermatoxénese no home, menopausa na muller.

Teorías do envellecemento

As observacións rexistradas sobre o cambio que experimentan os seres vivos coa idade son tan numerosas que deron orixe a ducias de teorías para explicar o envellecemento. Como resumo, podemos salientar as seguintes:

Teorías históricas sobre a vellez

Teoría do desgaste de órganos e tecidos. Tamén se chama a teoría do ritmo de vida, que di que as células do corpo se van estragando conforme pasa o tempo debido ao seu continuo funcionamento, como ocorre cos compoñentes dunha máquina. Proponse que as persoas que viviron forzando o seu corpo ou que tiveron un estilo de vida pouco saudable, viven menos. Os radicais libres serían as substancias responsables do desgaste das células relacionadas cos estilos de vida nocivos, que afectarían sobre todo ás mitocondrias, que non teñen capacidade de reparar o seu ADN. Teoría da intoxicación por substancias intrínsecas. Tamén se chama teoría da autointoxicación. Durante a vida acumúlanse substancias residuais no interior ou exterior da célula como a lipofuscina e outros pigmentos, creatinina, colesterol nas placas de ateroma (aterosclerose) que son produtos do metabolismo celular. Porén, non hai probas de que estas substancias interfiran na fisioloxía celular. Teoría do trastorno glandular ou endócrino: considera que os órganos endócrinos como as gónadas, son os responsables do envellecemento debido ás observacións de que eunucos, hipotiroideos e diabéticos envellecen precozmente. Porén, os trastornos endócrinos son xeralmente unha consecuencia do envellecemento e non a súa causa. Teoría dos xenes Desde o ano 2006, científicos xenetistas descubriron que o envellecemento podería deberse á existencia dun ou máis xenes que se inactivan provocando o envellecemento. Un xene denominado WRN ao sufrir alteracións provoca o proceso xerontolóxico.Descubren genes del envejecimiento

Fisioloxía do envellecemento: a síntese actual Envellecemos porque as macromoléculas que compoñen o noso organismo (ácidos nucleicos, proteínas e lípidos) van acumulando danos que van provocando a súa perda de función. Debido a estas alteracións, modifícase o funcionamento normal das células, o cal vai alterar á súa vez o funcionamento dos diferentes órganos. O noso organismo é un sistema dinámico, en estado de degradación e reparación permanente. O envellecemento corresponde a unha rotura dese equilibrio, cando a acumulación de danos supera a capacidade de reparación. Na rotura do equilibrio dinámico, interveñen factores moi variados: influencias xenéticas, comportamentais e ambientais poden afectar de maneira positiva ou negativa en cada prato da balanza.

A acumulación de danos nas moléculas endóxenas durante o envellecemento débese a varios tipos de fenómenos:

Radicais libres Un radical libre créase a partir dun enlace feble onde un electrón queda sen parella. Estes radicais libres son moi inestables, polo que reaccionan con facilidade para encontrar o electrón necesario para conseguir a súa estabilidade. Unha vez que rouban un electrón a outra molécula esta convértese nun radical libre.

O proceso normal de produción de enerxía nas nosas células, esencial para mantermos as funcións vitais, ten lugar no interior das mitocondrias. De maneira colateral, durante este proceso xéranse especies reactivas do oxíxeno que son compostos inestables, extremadamente reactivos, que alteran todos os compoñentes celulares (ácidos nucleicos, proteínas e lípidos). Calculouse que cada molécula de ADN contida en cada unha das nosas células é obxecto de 10.000 ataques por día por parte dos radicais libres.

O ADN mitocondrial está moito máis exposto que o ADN do núcleo, xa que está máis próximo á fonte das especies reactivas do oxíxeno e está menos protexido, ao carecer de histonas. Como o ADN mitocondrial codifica sobre todo compoñentes da maquinaria de produción de enerxía, estes compoñentes acumulan alteracións que contribúen a diminuír a súa funcionalidade, o que produce unha diminución da produción de enerxía (ATP) detectable a partir dos 50 anos. Cando a produción de ATP diminúe por debaixo dun limiar, a célula faise incompetente, polo que se desencadea o proceso de morte celular por apoptose, de maneira que diminúe o número de células produtoras de enerxía, o que contribúe ao proceso de envellecemento.

Para protexerse dos radicais libres de oxíxeno (entre os que se encontran o ión superóxido, o peróxido de hidróxeno ou o ión hidroxilo, que é o máis tóxico), o plasma sanguíneo, os fluídos tisulares e as células posúen mecanismos antioxidantes, entre os que se encontran: o encima superóxido dismutase, que converte o anión superóxido en peróxido de hidróxeno; o encima catalase, que detoxifica o peróxido de hidróxeno para evitar que se converta en hidroxilo; a glutatión peroxidase, outro potente detoxificador do peróxido de hidróxeno; o ácido úrico, un potente antioxidante presente no plasma nunha concentración moito maior que o ascorbato (vitamina C); a proteína ceruloplasmina, a principal transportadora de cobre no soro sanguíneo; a fracción plasmática libre de ferro da proteína transferrina. Ademais existen compostos de orixe alimentario con capacidade antioxidante que tamén interveñen na neutralización das especies reactivas do oxíxeno: o α-tocoferol (vitamina E), liposoluble, con capacidade de protección das membranas celulares; os carotenoides (como o β-caroteno) e os polifenois (como o ácido cafeico e a quercetina); o ascorbato (vitamina C), hidrosoluble, can capacidade de rexenerar os demais antioxidantes, como o glutatión ou o α-tocoferol. Por isto, o efecto negativo das especies reactivas do oxíxeno obsérvase se se produce un desequilibrio debido a unha produción esaxerada destas substancias ou por unha diminución dos sistemas de defensa, encimáticos e non encimáticos.

Glicación

Algúns azucres esenciais para o noso metabolismo, como a glicosa, considerábanse bioloxicamente inofensivos ata a década de 1970. Porén, estes azucres poden reaccionar cos aminoácidos das proteínas do noso organismo (mais tamén cos ácidos nucleicos e os lípidos), nunha reacción química relativamente lenta denominada glicación.