No desterro é un libro de poemas escrito por Ramón Cabanillas, publicado en 1913. Inclúe textos publicados anteriormente na revista Suevia e outros escritos expresamente para a súa publicación.

Descrición e temática miniatura|Cabanillas en 1913. A obra pertence á primeira etapa da obra poética de Cabanillas. Mestura varios temas, desde a reflexión íntima ou o fresco paisaxístico e de costumes ata denuncias de tipo social, de carácter agrarista e anticaciquil, que continúa a temática cívica de Curros Enríquez. Aparece a idea de Galicia como unidade colectiva e unha chamada á rebelión.

É complexo un xuízo válido para un libro que, na realidade, diverxe estruturalmente -non tanto no que respecta ao contido- entre 1913 e 1926. A primeira versión do poemario vai encabezado por un texto, "Camiño adiante", que pode servir como abertura e como autopoética para dar paso a un conxunto dividido en partes: Lexanías, na que se mesturan o persoal, o patriótico e o lendario; O que non morréu, que inclúe unha soa alegoría histórico-política titulada "A Cadea"; Paisaxes, unha serie de escenas bañadas nun agudo realismo de resonancia currosiá; Follas soltas, o capítulo máis reivindicativo. Finalmente, Rimas ofrece íntimas reflexións sobre a morte ou o paso do tempo.

A edición de 1926 contén catro divisións, a primeira composta por pezas intimistas e saudosas, expresando os sentimentos da infancia e a mocidade, con exaltación do medio rural e descrición paisaxística. A segunda parte, co título de Madrí, ten un ritmo narrativo máis acelerado que reflicte a vertixe da metrópole. Nestas pezas expresa a súa etapa en Madrid, onde contou co apoio do deputado Leonardo Rodríguez e desde a distancia de Enrique Peinador. Manifesta o seu sentimento de estranxeiro, coa incomprensión das preocupacións da Corte e a saudade polo afastamento da terra. A terceira parte, co título Apuntes, inclúe na opinión dalgúns estudos elementos da estética modernista, aínda que a presenza de trazos de modernismo (na acepción hispana) en Cabanillas e, en xeral, na poesía galega, é moi cuestionado. Os poemas que a 2ª edición presenta reunidos e baixo o subtítulo O cravo no corazón son composicións tardorrománticas.

Malia certas rupturas do metro que xa anticipara no XIX Rosalía de Castro, formalmente Cabanillas abala nesta obra entre a estrofa clásica (preferentemente o soneto) e a popularizante (romance, versos de muiñeira...).

Edicións Foi publicado por primeira vez co título completo No desterro. Visións gallegas o 10 de febreiro de 1913 na imprenta La Universal da Habana, con prólogo de Basilio Álvarez e epílogo de Abdón Rodríguez Santos. A segunda edición de No desterro, como mostramos arriba, contén bastantes diferenzas respecto da anterior (suprímense composicións, engádense outras, reordénase o conxunto). Viu a luz o 30 de marzo de 1926 a través da editorial Lar.

En 2009, co gallo do 50 aniversario da morte do autor, apareceu unha edición crítica a cargo de Xosé Ramón Pena, tirada por Edicións Xerais de Galicia na Biblioteca das Letras Galegas.Ficha na páxina web de Xerais.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas No desterro, análise de Xabier Iglesias no blog Os libros de Ánxel Casal, 21 de outubro de 2012.

Categoría:Obras de poesía en galego Categoría:Obras literarias de 1913 Categoría:Ramón Cabanillas