miniatura|Muller que está a ser tratada con quimioterapia con docetaxel para un cancro de mama. Protexe mans e pés para aliviar a dor nas uñas.
A quimioterapia (ás veces abreviada como quimio) é un tipo de tratamento do cancro que utiliza substancias químicas, especialmente un ou máis fármacos anticancro (axentes quimioterápicos) que se administran como parte dun réxime de tratamento estandarizado (réxime de quimioterapia). A quimioterapia pode administrarse con intención curativa, ou pode ter o obxectivo de prolongar a vida ou de reducir os síntomas (quimioterapia paliativa). Xunto coa terapia hormonal e a terapia dirixida a diana (targeted therapy), é unha das principais ramas da oncoloxía médica (farmacoterapia contra o cancro). Estas modalidades úsanse a miúdo en conxunción con outros tratamentos, como a radioterapia, cirurxía, ou terapia de hipertermia. Algúns fármacos quimioterápicos utilízanse tamén para tratar outras condicións, como a amiloidose primaria, espondilite anquilosante, esclerose múltiple, enfermidade de Crohn, psoríase, artrite psoriátrica, lupus eritematoso sistémico, artrite reumatoide e escleroderma.
Os axentes quimioterápicos tradicionais son citotóxicos, é dicir, actúan matando as células que se dividen rapidamente, que é unha das principais propiedades da maioría das células cancerosas. Isto significa que a quimioterapia tamén dana a outras células que se dividen rapidamente en circunstancias normais: células da medula ósea, do tracto dixestivo, e folículos pilosos. Isto ten como resultado os efectos laterais máis comúns da quimioterapia, que son: mielosupresión (diminución da produción de células sanguíneas, e, por tanto, tamén inmunosupresión), mucosite (inflamación da mucosa que tapiza o tracto dixestivo), e alopecia (caída do cabelo).
Algúns fármacos anticancro novos (por exemplo, varios anticorpos monoclonais) non son citotóxicos indiscriminadamente, senón que afectan só a proteínas diana que se expresan anormalmente en células cancerosas e que son esenciais para o seu crecemento. Estes tratamentos denomínanse xeralmente terapia dirixida a diana (diferente da quimioterapia clásica) e úsanse xeralmente xunto con axentes quimioterápicos tradicionais en réximes de tratamento antineoplásticos.
A quimioterapia pode utilizar un fármaco de cada vez (quimioterapia dun axente) ou varios fármacos á vez (quimioterapia de combinación ou poliquimioterapia). A combinación de quimioterapia e radioterapia denomínase quimiorradioterapia. A quimioterapia que usa fármacos que só adquiren actividade citotóxica coa exposición á luz chámase fotoquimioterapia ou terapia fotodinámica.
Outros usos do termo A palabra quimioterapia, sen máis cualificativos, utilízase hoxe maioritariamente para os tratamentos do cancro, e este é o sentido no que se tratará neste artigo, pero o significado do termo tanto historicamente coma actualmente é máis amplo. No seu sentido máis simple, quimioterapia é o tratamento dunha doenza mediante o uso de substancias químicas, especialmente para matar microorganismos. Utilízase o termo para referirse aos tratamentos con antibióticos e compostos antimicrobianos (quimioterapia antimicrobiana). Con este significado amplo tamén se usa o termo farmacoterapia. Neste sentido, o primeiro axente quimioterapéutico moderno foi a arsfenamina, un composto de arsénico descuberto en 1909 e usado para tratar a sífilis, despois substituído polas sulfamidas e a penicilina. Outros usos denominados tamén quimioterapia son a utilización de axentes químicos para o tratamento de doenzas autoinmunes e a supresión do rexeitamento de transplantes (inmunosupresión).
Estratexias de tratamento
+ Réximes de quimioterapia de combinación comúns Tipo de cancro Fármacos AcrónimoCancro de mama Ciclofosfamida, metotrexato, 5-fluorouracilo CMF Doxorrubicina, ciclofosfamida ACEnfermidade de Hodgkin Mustina, vincristina, procarbazina, prednisolona MOPP Doxorrubicina, bleomicina, vinblastina, dacarbazina ABVD Linfoma non de Hodgkin Ciclofosfamida, doxorrubicina, vincristina, prednisolona CHOP Tumor de célula xerminal Bleomicina, etoposide, cisplatino BEPCancro de estómago Epirrubicina, cisplatino, 5-fluorouracilo ECF Epirrubicina, cisplatino, capecitabina ECX Cancro de vexiga Metotrexato, vincristina, doxorrubicina, cisplatino MVAC Cancro de pulmón Ciclofosfamida, doxorrubicina, vincristina, CAV Cancro colorrectal 5-fluorouracilo, ácido folínico, oxaliplatino FOLFOX
Hai varias estratexias de administración de fármacos quimioterapéuticos contra o cancro. A quimioterapia pode administrarse como un intento de curar ou pode tratar de prolongar a vida ou de paliar os síntomas. A quimioterapia da modalidade combinada é o uso de fármacos xunto con outros trratamentos do cancro como a radioterapia, ciruruxía e/ou terapia de hipertermia. A quimioterapia de indución é o tratamento de primeira liña do cancro cun fármaco quimioterapéutico. Este tipo de quimioterapia utilízase para intentar a curación.Airley, pp. 55-59 A quimioterapia de consolidación adminístrase despois da remisión para prolongar o tempo libre de enfermidade global e mellorar a supervivencia global. O fármaco que se administra é o mesmo que conseguiu a remisión. A quimioterapia de intensificación é idéntica á quimioterapia de consolidación pero utilízase un fármaco diferente ao da quimioterapia de indución. A quimioterapia de combinación implica tratar un paciente con diversos fármacos simultaneamente. Os fármacos difiren nos seus mecanismos e efectos colaterais. A maior vantaxe é minimizar as probabilidades de desenvolver resistencia a un axente. Ademais, os fármacos poden a miúdo utilizarse a baixas doses, o que reduce a toxicidade.Wood, pp. 17-18 A quimioterapia neoadxuvante adminístrase antes dun tratamento local como a cirurxía, e deséñase para facer encoller un tumor primario. Adminístrase tamén en cancros con alto risco de enfermidade micrometastática.Perry, p. 42 A quimioterapia adxuvante adminístrase despois dun tratamento local (radioterapia ou cirurxía). Tamén se pode utilizar cando hai pouca evidencia da presenza dun cancro, pero hai risco de reaparición. Tamén é útil para matar calquera célula cancerosa que se espallara a outras partes do corpo. Estas micrometástases poden ser tratadas con quimioterapia adxuvante e poden reducir as taxas de recorrencia causadas por células diseminadas. A quimioterapia de mantemento é un tratamento repetido a baixa dose para prolongar a remisión. A quimioterapia paliativa ou de rescate adminístrase sen fins curativos, senón simplemente para diminuír a carga tumoral e incrementar a esperanza de vida. Con estes réximes, en xeral, espérase un mellor perfil de toxicidade.
Todos os réximes de quimioterapia requiren que o paciente sexa quen de soportar o tratamento. A miúdo determínase mediante a escala KPS se un paciente pode recibir quimioterapia, ou se cómpre unha redución da dose. Como só unha fracción das células dun tumor morren con cada tratamento, deben administrarse repetidas doses para continuar reducindo o tamaño do tumor. Os réximes de quimioterapia actuais aplican o tratamento co fármaco en ciclos, e a frecuencia e duración dos tratamentos está limitada pola toxicidade no paciente.
Eficacia A eficacia da quimioterapia depende do tipo de cancro e do seu estadio. A efectividade global vai desde ter efectos curativos nalgúns cancros, como algunhas leucemias, a ser ineficaz, como nalgúns tumores cerebrais, e ser innecesaria noutros, como na maioría dos cancros de pel non melanomas.
Unha investigación publicada en 2004 atopou unha baixa eficiacia da contribución da quimioterapia citotóxica á supervivencia en 5 anos en certos tipos de cancros, pero son necesarios máis estudos. en Europe PubMed Central en Clinical Oncology
Dose miniatura|esquerda|Relación de resposta á dose da morte celular producida por fármacos quimioterapéuticos sobre células cancerosas e normais. A doses altas a porcentaxe de células cancerosas e normais que morren é moi similar. Por esta razón, as doses elíxense para que a actividade antitumoral exceda a morte de células normais. A dosificación da quimioterapia pode ser difícil de decidir. Se a dose é demasiado baixa, será ineficaz contra o tumor, mentres que se a dose é excesiva, a toxicidade (efectos adversos) será intolerable para o paciente. O método estándar para determinar a dose da quimioterapia está baseado na área de superficie corporal calculada (ASC ou, en inglés, BSA, Body Surface Area). Esta área non se calcula xeralmente por unha medida directa da masa corporal, senón cunha fórmula matemática ou un nomograma, usando o peso e altura do paciente. Esta fórmula derivouse orixinalmente dun estudo de 1916 e intentaba traducir as doses medicinais que foran establecidas con animais de laboratorio a doses equivalentes para os humanos. O estudo só incluía 9 suxeitos humanos. Cando se introduciu a quimioterapia na década de 1950, adoptouse a fórmula da área de superficie corporal como o estándar oficial para a dosificación da quimioterapia a falta dunha mellor opción.
Recentemente, a validez deste método para calcular doses uniformes foi cuestionada. A razón disto é que a fórmula só ten en conta o peso e altura do individuo. Pero a absorción e eliminación do fármaco están influídas por múltiples factores, como a idade, sexo, metabolismo, estado da enfermidade, funcionamento dos órganos, interaccións fármaco-fármaco, xenética, e obesidade, o cal ten un importante impacto na concentración real do fármaco no torrente sanguíneo do paciente. Como resultado, hai unha gran variabilidade na concentración de fármacos quimioterapéuticos sistémicos entre pacientes nos que a dosificación se fixo baseándose na área de superficie corporal, e demostrouse que esta variabilidade pode ser unha diferenza de máis de 10 veces para moitos destes fármacos. Noutras palabras, se dous pacientes reciben a mesma dose dun determinado fármaco baseándose na área de superficie corporal, a concentración desa droga no sangue dun paciente pode ser 10 veces maior ou 10 veces menor do que noutro paciente. Isto foi demostrado nun estudo sobre 14 fármacos quimioterapéuticos comúns dosificados desa maneira, como se mostra máis adiante.
miniatura|180px|dereita|Os resultados da xestión de dose do 5-FU dan unha resposta significativamente mellor e unhas taxas de supervivencia mellores que a dosificación por área de superficie corporal. Os resultados desta variabilidade farmacocinética entre pacientes é que moitos pacientes non reciben a dose correcta para acadar unha efectividade de tratamento óptima con efectos tóxicos laterais minimizados. Algúns pacientes reciben unha dose excesiva mentres que noutros a dose é demasiado baixa. Por exemplo, nun ensaio clínico aleatorizado, os investigadores atoparon que un 85% dos pacientes con cancro colorrectal con metástases tratados con 5-fluorouracilo (5-FU) non estaban recibindo a dose terapéutica óptima cando se dosificaban baseándose nos estándares da área de superficie corporal; deles, o 68% estaba dosificado insuficientemente e o 17% estaba sobredosificado.
Houbo unha controversia recente sobre o uso da área de superficie corporal para calcular as doses de quimioterapia para pacientes obesos. Debido á maior área de superficie corporal destas persoas, os médicos a miúdo reducen a dose prescrita pola fórmula da área de superficie corporal para evitar unha posible sobredose. En moitos casos isto pode ter como resultado un tratamento sub-óptimo.