O Reino de Anglia Oriental (Ēast Engla rīce, "Reino dos anglos orientais"), un dos sete reinos tradicionais da chamada Heptarquía Anglosaxoa, foi fundado ao redor do ano 600 e cubría o territorio actualmente ocupado polos condados de Suffolk, Norfolk e Cambridgeshire.

Orixes do Reino de Anglia Oriental As fontes temperás sobre o reino de Anglia Oriental son escasas, quizais pola desaparición dos arquivos das sedes episcopais (Dommoc e Elmham) durante as invasións danesas de finais do século IX. Beda non adica demasiada atención ao reino, nin tampouco o fai a Crónica anglosaxoa (ASC). Igualmente e a diferenza doutros reinos apenas hai charters, (cartas), outorgados polos reis anglos neste territorio. Por todo iso as fontes primarias sobre o reino son as vidas dalgúns santos (san Fursa, santa Eteldreda e san Guthlac) e en compensación á falta de datos históricos atopámonos que Anglia Oriental é o reino con maior cantidade de sitios arqueolóxicos e de maior envergadura (Sutton Hoo, Snape, Spong Hill etc.). esquerda|miniatura|Mapa dos pobos escandinavos do Beowulf.

Existe un considerábel baleiro de datos históricos desde as probas arqueolóxicas de asentamentos anglosaxóns na zona desde finais do século IV até o primeiro rei do cal temos confirmación, Rædwald, que sobe ao trono cara a finais do século VI. Anglia Oriental é o primeiro lugar de Inglaterra onde se atopan asentamentos anglosaxóns independentes, que mostran unha forte relación con outros sitios arqueolóxicos achados en Escandinavia da mesma época. Os suxestivos paralelismos iconográficos levaron a pensar a algúns historiadores que os wuffingas (a dinastía reinante en Anglia Oriental) eran os gobernantes dos gautas (Geats, Gotärs) que fuxirían do seu reino cando foron conquistados polos suións (Svear, suecos centrais), pobos citados no poema épico Beowulf. Autores como Rupert Bruce-Mitford ou Sam Newton relacionan etimoloxicamente aos wuffingas cos wulfingas (o clan do lobo no Beowulf), coñecidos nas sagas nórdicas tamén como Wylfings ou Ylfings, e que eran o clan gobernante Gauta do Leste (Eastern Geats).

Nesta relación entre Escandinavia e Inglaterra, atopamos a Wōden (Óðinn na mitoloxía nórdica, Wodan ou Wotan na xermánica e Godan na longobarda), deus do panteón xermánico relacionado co Mercurio romano: Na versión anglosaxoa Wōdan é o proxenitor de todos os reis da heptarquía, e concretamente o seu fillo Casere o antecesor dos Anglos OrientaisOs fillos de Wōden serían Wecta (Kent), Casere (Anglia Oriental), Seaxnaet (Essex), Wægdæg (Deria), Wihtlæg (Mercia), Winta (Lindsey) e Bældæg (Bernicia e Wessex). A xenealoxía lendaria dos reis anglos sería Woden, Casere, Tytmon, Hrothmund, Hryp, Wilhelm, Wehha e finalmente Wuffa, o epónimo da dinastía. Existe certo paralelismo entre os Oiscingas de Kent: Oisc (fundador da dinastía), Eormenric (pai do primeiro rei coñecido, con certa verosimilitude histórica) e Aethelberht (primeiro rei de Kent e Bretwalda) e os wuffingas: Wuffa (fundador), Tyttla (pai de Rædwald) e Rædwald (primeiro rei e tamén Bretwalda).

Aínda que non se pode encher a historia política entre o fin da dominación romana e os reinados dos primeiros wuffingas do século VII, si podemos deducir a través dos datos arqueolóxicos a presenza de asentamentos anglosaxóns como foederati ou laeti desde os comezos do século V, asentados na zona para defender a illa dos cada vez máis frecuentes asaltos de pictos, escandinavos, frisóns e teutóns. Os principais asentamentos Norþfolc (pobo do norte) e Sūþfolc (pobo do sur) puideron ser as primeiras estruturas políticas independentes do goberno provincial britanoromano que máis tarde serían o embrión do reino wuffinga. Tal reino consolidaríase a semellanza do reino meridional de Kent, cuxo primeiro Bretwalda Aethelberht, sería o exemplo para o cambio da tradicional asemblea tribal xermánica (folkmoot ou folkmote), á dunha monarquía unida a unha asemblea de nobres ou homes ilustres (witenagemot ou witan). Os sitios arqueolóxicos de Sutton Hoo e Snape, en Suffolk parecen indicar que este proceso se deu primeiramente no sur e que Rædwald sería o unificador de todo o territorio baixo un só rei.

Nome e títulos O nome de Anglia Oriental é en realidade un galicismo (de Est-Anglie) introducido polos historiadores postconquista (tras a invasión normanda de Inglaterra do século XI) que usaban os termos franceses, o mesmo termo inglés (East Anglia) é tamén un galicismo. En realidade as fontes antigas nunca se refiren ao territorio (Anglia Oriental) senón aos poboadores (East Angles ou Angli Orientales). Os reis de Anglia Oriental tampouco utilizaban o adxectivo "oriental" nos seus propios títulos, senón que polo xeral se denominaban "Rex Anglorum" simplemente, como demostran algúns documentos de Rædwald, ou moedas dos reinados de Aethelstan e Eadmund.

O termo Anglia Oriental (ou a súa versión inglesa East Anglia) xeneralizouse nos libros de historia, de forma que é máis utilizado para referirse ao Reino dos Anglos Orientais. A popularidade de tal denominación chega á proposta de utilizala como nomenclatura para unha rexión que englobaría Suffolk, Norfolk, Cambridgeshire e a cidade de Peterborough. Igualmente existen a Universidade de East Anglia en Norwich, a diocese católica de East Anglia, a Brigada de East Anglia do exército británico, ou os trens da National Express East Anglia.

Xeografía O antigo reino anglosaxón ocupaba a totalidade dos actuais condados de Suffolk e Norfolk e gran parte do leste do condado de Cambridgeshire. O norte e o oeste do reino limitaban co Mare Germanicum (mar do Norte), e a fronteira sur co Reino de Essex era o río Stour, e así permaneceu durante todo o período anglosaxón. Con todo a fronteira oeste co territorio dos Anglos Medios e Mercia era difusa e variábel, aínda que a ribeira do río Ouse podería ser o límite tradicional do reino. Todo o territorio era moi chairo, e os outeiros non ían máis aló dos 100 metros. Só ao suroeste os pequenos outeiros do Newmarket Ridge, continuación dos bosques de Essex, pasaban un pouco desta cifra, sendo o Great Wood Hill (128 m) o punto máis alto do reino. Ao norte de Norfolk outros conxuntos de outeiros boscosos levantábanse por encima das chairas situadas case ao nivel do mar, sendo o punto máis alto nesta zona o Beacon Hill (103 m).

A zona costeira e amplas zonas do interior estaban caracterizadas polas marismas e pantanos. A antiga liña costeira era moi diferente á actual, xa que gran parte dela era alagada regularmente polo mar: os territorios de Broadland ao leste e os Fens ao oeste foron drenados nos últimos séculos. A costa foi asentada de modo máis firme, pero na época anglosaxoa, todas estas terras, agora excelentes campos de cultivo, eran un enorme conxunto de marismas, lagoas e lamazais. Os Wash eran o que denominamos chairas de marea, totalmente baixa a auga con marea alta que se descubrían coa marea baixa, eran zonas de areas, limos e lamazais sen case vexetación. Os Marsh eran as marismas propiamente ditas ou marismas de auga salgada, con vexetación herbácea resistente á salubridade da auga, alagadas ou descubertas que se alagaban en determinadas épocas do ano. Os Fens eran marismas de auga doce, que tamén tiñan inundacións periódicas, a vexetación herbácea era moi abundante e eran frecuentes as turbeiras (peat bog). Os Moor eran páramos de marisma, non estaban alagados pero retiñan gran cantidade de auga no seu interior, e eran frecuentes os pozos de areas movedizas, os lamazais, os pantanos (bog) e os pequenos lagos (mere). Os Fens eran a maior zona húmida da Gran Bretaña, estaban situados ao redor do Metaris Æstuarium (o estuario coñecido actualmente como The Wash) alimentados polos ríos Witham, Welland, Nene, Gran Ouse e os seus afluentes. As zonas húmidas coñecidas actualmente como The Broads formábanas o río Yare e os seus afluentes, Bure, Ant, Thurne, Chet e o río WaveneyVisita virtual. Ao longo do litoral atopábanse máis zonas de marisma, no norte as marismas do Babingley e o Heacham e as dos ríos Burn e Stiffkey, e ao sur tamén os ríos Blyth, Alde, Deben e Orwell formaban outro conxunto de zonas húmidas nas costas de Suffolk. miniatura|300px|Mapa do Reino de Anglia Oriental e os Fens.

Outra característica da paisaxe de Anglia Oriental e neste caso realizados de forma artificial eran os dics, ditches ou dykes, xeralmente atribuídos aos anglosaxóns, pero que nalgúns casos poderían ter unha existencia anterior. Tratábase dunhas construcións defensivas feitas con terra, que presentaban unha gabia inundábel e un parapeto de 2 a 6 metros de altura e que se situaban atravesando as vías romanas e outros camiños. Colocábanse estratexicamente desde as marismas aos bosques de forma que dificultaban en gran medida o avance de tropas. Estudos arqueolóxicos con carbono-14 demostraron que aínda que puidesen ser anteriores á época anglosaxoa, foron reforzados a finais do século VI e principios do século VII, posibelmente para evitar a invasión dos exércitos de Penda de Mercia. O máis grande era o Devil's Dyke ou St Edmund's Dyke (ou simplemente o Miceldic, a Gran Gabia), que cunha distancia duns 12 km ía desde as marismas do río Cam até o bosque de Newmarket. Tamén defendendo a Icknield Way estaban o Bran (ou Heydon) Ditch, o Brent Ditch, o Fleam Dyke e o Black Ditches.

Poboación e localidades Anglia Oriental era o territorio da tribo celta dos icenos durante o período romano. No ano 60-61 a rebelión da raíña Boudica á fronte da súa tribo e os seus veciños, os trinovantes, acabou coa derrota celta e unha dura represión posterior (fálase da morte de máis de 80 000 britanos), o que posibelmente provocou a desaparición dos icenos. Sen estrato nativo, Anglia Oriental foi recolonizada por xermanos, dálmatas e outros pobos do Imperio. Á chegada dos anglos no século V, existiría xa poboación saxoa no país que posibelmente aumentaría nese tempo, polo que a pesar do nome de anglos orientais podemos falar dunha poboación xenuinamente anglosaxoa, no sentido de unión de ambos os pobos que se dá en Anglia Oriental como en ningunha outra parte da illa. Pero non só anglos e saxóns chegaron a estas terras, polos topónimos de moitas localidades podemos presumir a presenza de frisóns (Friston, Freston, Fressingfield), suabos (Swaffham, Swaffield), daneses (Denenham, Daneston) e suións (Swefling, Sweilland). As relacións escandinavas parecen apoiadas pola arqueoloxía, xa que a tumba de Sutton Hoo ten evidentes similitudes con tumbas do período Vendel, en Suecia e mesmo algúns autores afirman que a dinastía reinante, os wuffingas proviña dunha tribo gauta, habitantes do sur de Suecia. Anglia Oriental, situada na zona máis próxima a Escandinavia, era a candidata perfecta para o desembarco das naves provenientes da península nórdica, como posteriormente se demostra coa formación do reino viquingo do Danelaw ou Anglia Oriental danesa no século X.