San Miguel de Goiás é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín. Segundo o IGE en 2011 tiña 729 habitantes (365 mulleres e 364 homes), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 806 habitantes.

Nesta parroquia existiu unha banda de música, a Banda de música de Goiás. Ademais, aquí naceron o historiador Xosé García Oro e o político Manuel Abeledo López.

Patrimonio O castro de Goiás consta dun recinto de forma perfectamente circular de 65 m de diámetro medido no interior e 80 m no exterior, defendido en todo o seu perímetro por un terraplén. Na súa metade norte conserva ademais un parapeto duns 4 m ou 5 m de ancho que ten unha caída cara ao interior de entre 2 m e 3 m. Na metade sur parece que o terreo levanta un pouco cara ao exterior pero non se ve parapeto. O terraplén ten unha caída ao exterior duns 7 m como media. A coroa presenta un afloramento rochoso na zona central. Esta zona non se pode inspeccionar por mor da vexetación.Ficha arqueolóxica do castro de Goiás .

A igrexa de San Miguel de Goiás data do século XII, e na fachada ten dous arcos cegos. Posteriormente engadíuselle a capela dos Salgado Gundín, de traza renacentista. A uns 500 m da igrexa sitúase a casa reitoral. A parroquia pertence á diocese de Lugo.

Historia No Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz, recóllese que San Miguel de Goiás se sitúa ao NE e inmediacións da capital do partido con "libre ventilación y clima saludable". O Diccionario refire que ten 100 casas distribuídas nas aldeas de Beilá (sic. por Beilás), Casares, Casasnovas (sic. por As Casas Novas), Cázome (sic. por Cáceme), Cotarelo, Delaparte, Iglesia (sic. por A Igrexa), Palmar (sic. por Palmaz), Pareizo, Ponte (sic. por A Ponte), Porcallos (sic. por Os Porcallos), Reboira (sic. pola Reboira), Toxo (sic. polo Toxo) e Veiga (sic. por A Veiga). A igrexa parroquial, baixo advocación está neste tempo por un cura de "segundo ascenso y patronato lego". Confina o termo coas freguesías de Lalín, Filgueira, Pena e Maceira. O terreo descríbese como quebrado, montesío e de mediana calidade. Abrollan en varios puntos fontes de boas augas, que aproveitan os veciños para uso doméstico e outros usos. Os camiños son locais e malos, o correo recíbese en Lalín. A súa produción consiste nalgún trigo, millo, centeo, patacas, legumes, leña e pastos. Hai gando vacún, mular, porcino, ovino e caprino así como caza de distintas clases. O Diccionario recolle unha poboación de 117 "veciños", 580 almas.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Goiás

Parroquias de Lalín

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Lalín

Ligazóns externas Goiás na web do concello de Lalín

Categoría:Parroquias de Lalín Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Miguel