O proxecto Apollo foi un programa de exploración espacial levado a cabo pola NASA entre febreiro de 1966 e decembro de 1972. Constou de 17 misións, 11 delas tripuladas, que ocuparon 2.719 horas e 29 minutos. Este programa custou máis de 25,4 miles de millóns de dólares.
Historia miniatura|200x200px|Apollo 12. Alan Bean no módulo lunar.|esquerdaPara os experimentos Apollo, o equipo das misións estaba deseñado para recolle-la máxima información posible sobor da Lúa. A maior parte do material quedou alí para seguir recollendo información trala partida dos astronautas. Os ALSEP (siglas dos grupos de experimentos científicos na superficie lunar do programa Apollo) tiñan os seus xeradores propios e radiotransmisores para envia-los resultados á Terra. Os astronautas recolleron mostras das rochas e do solo. Analizáronse na Terra e comprobouse que a Lúa contén elementos similares ós da Terra.
Características técnicas As naves espaciais Apollo estaban formadas por tres seccións: un módulo de mando onde estaban as provisións e o aloxamento dos tres astronautas, un módulo de servizo onde estaba o motor principal da nave, que xeraba a enerxía eléctrica necesaria e controlaba o sistema de soporte vital da tripulación, e o módulo lunar co que os astronautas viaxaron á Lúa. Non tiña ningún tipo de asento, só o espazo xusto para que coubesen dous astronautas de pé. Unha vez na Lúa saían a explora-la superficie. No voo de regreso á Terra, o módulo de servizo era abandonado e os astronautas regresaban no módulo de mando. Nas derradeiras misións do Apollo xa se incluíu outra parte máis experimental do programa, os vehículos lunares. O vehículo lunar, tamén chamado "rover", era un coche pregable con tracción ás catro rodas e alimentado por baterías. Tiña unha velocidade máxima de 14 km/h e ía equipado con cámaras para grava-las misións, antenas e bolsas para recolle-las mostras de solo. Chegou á Lúa fixado ó exterior do módulo lunar.miniatura|Lugares de aluaxe das misións Apollo.|esquerda|200x200px
Para levar a cabo estas misións era necesario un foguete encargado de saca-lo aparello fóra da gravidade da Terra. Despois de diversas probas con varios modelos, e de varios experimentos, xurdiu o Saturn V que, despois dalgunhas modificacións sobor das probas, comezou a ser construído para as misións Apollo; foi un dos máis potentes da historia. Obtivo excelentes resultados, dos que se poden contar 13 lanzamentos sen ningún fallo, nin sequera nos voos de proba. O Saturn V situaba primeiro as naves Apollo na órbita e logo as impulsaba coa terceira e última fase, que as colocaba na traxectoria correcta cara á Lúa. Os cinco motores da primeira fase do foguete Saturn V consumían 12,9 toneladas de combustible por segundo. A forza propulsora xerada polos cinco motores era de 168.600 newtons, o que equivale ó pulo de 160 reactores de Boeing 747. O peso total do Saturn V no momento do seu lanzamento, incluído o combustible, era de 3.000 toneladas.
O Saturn I soamente serviu para poñer a punto os elementos que ían permitir a construción dos seguintes foguetes da familia. Era un foguete de 2 etapas e de 590 toneladas lanzado por vez primeira no 29 de xaneiro de 1964 en modo experimental. Xa no 1966, trala as realizadas, foi chamado Saturn IB; fixo o seu lanzamento completo o 26 de febreiro de 1966. Tiña unha altitude de 69 metros, o diámetro era 6,6 m e o seu peso seguía sendo de 590 toneladas. Das 2 etapas en que estaba feito, a primeira estaba chea de propergol (unha mestura feita por queroseno e osíxeno líquido que seguiría a utilizarse para o resto da familia). Dispuña de 8 motores principais e tiña un pulo de 745 toneladas. A segunda etapa tiña un motor principal que consumía como propergol unha mestura de hidróxeno e osíxeno líquido cun pulo de 90,5 toneladas. A súa carga útil podíase ver deste xeito: satelización a 180 quilómetros do solo: 18 toneladas; sonda lunar: 5 toneladas e sonda até Marte ou Venus: 2 toneladas. Pola contra, o Saturn V aproveita os motores e outras cousas dos antecesores, facendo del un lanzador de xigantescas dimensións; as que require para levar a cabo a misión Apollo. Para darse unha idea da súa magnitude con relación os anteriores Saturn, este incluía unha terceira etapa. Fixo o seu lanzamento completo o 9 de novembro de 1967 (lanzando ao espazo o Apollo 4), medía 111 metros de altitude e o seu diámetro máximo era de 10 metros cun peso de 2940 toneladas. Na primeira etapa, pesaba en baleiro 134 toneladas; podía acumular un peso de propergol de 2106 toneladas. En canto a propergol, como xa dixemos: queroseno e osíxeno líquido. Estaba dotada de 5 motores principais que daban un pulo de 3500 toneladas. Na segunda etapa; o seu peso en baleiro era de 38,4 toneladas, podía levar 447 toneladas de propergol, composto, ó igual que na terceira etapa, de hidróxeno e osíxeno líquido. Dispuña de 5 motores principais cun pulo de 520 toneladas. Entrados na terceira etapa diremos que pesaba en baleiro 11,5 toneladas, podía levar 120 toneladas de propergol, tiña 1 motor principal e desenvolvía un pulo de 93 toneladas. A súa carga útil sería a seguinte: satelización a 180 quilómetros do solo: 145 toneladas; sonda lunar: 45 toneladas e sonda até Marte ou Venus: 20 toneladas.
Amais dos 11 motores principais (dos que 10 -5 na primeira etapa e 5 na segunda- son do modelo F-1, namentres que o da terceira etapa era un J-2) que serven para propulsa-lo ten outros 30 motores auxiliares, para a súa estabilización, separación de etapas etc. Durante o proceso de engalaxe do Saturn V calcúlase que o 5 % da potencia dos motores se converte en enerxía acústica. Así, nada menos que o equivalente de 200.000 kw vanse no ruído. Os F-1 dispuñan dunha altura de 5,5 metros, un diámetro de 3,8 metros que chegaba a 4,30 metros na tobeira, cun peso de 9,1 toneladas e a súa forza de pulo de 771 toneladas; cun impulso de 260 segundos. Queimaba a mestura de propergol do seguintes xeito: 790 kg/s de queroseno como combustible con 1.790 kg/s de osíxeno líquido como comburente. Isto exercía unha presión na cámara de 68 kg/cm², poñéndose a unha temperatura de 3.900 °C. O seu tempo de funcionamento máximo era de 150 segundos. Mentres que o motor da terceira etapa, un J-2 dispuña dunha altura de 3,4 metros, un diámetro de 2 metros que chegaba a 1,95 metros na tobeira. O seu peso viña sendo de 1,6 toneladas e a súa forza de pulo de 102 toneladas; cun impulso de 424 segundos. Queimaba a mestura de propergol do seguintes xeito: 37 quilos/segundo de hidróxeno como combustible con 204 quilos/segundo de osíxeno líquido como comburente. Isto exercía unha presión na cámara de 54 kg/cm², poñéndose a unha temperatura de 3.178 °C. O seu tempo de funcionamento máximo era de 140 segundos reducíndose a 360 segundos despois.
A primeira vez que o módulo lunar do Apollo viaxou ó espazo foi en marzo 1969, cando os astronautas do Apollo 9 practicaron nunha órbita terrestre as futuras operacións do aluaxe: a acoplaxe, a desacoplaxe e a propulsión do módulo lunar. Dous meses despois o Apollo 10 voou até a Lúa e o módulo descendeu até situarse a 8 km da superficie. O único que non se fixo nesta misión foi aluar.
Misións A continuación ofrécese un resumo (xa que cada parte merece un profundo estudo por separado), déixase claro que o seguinte termo que vai tratar as misións Apollo (dende a 01 até a 17) se exporá da seguinte forma: Nome da misión (de cara ó público), nome do lanzador, código de lanzamento (aquí figura o tipo de lanzador e mailo número de misión, exemplo -AS-201-: siglas AS, (Apollo Saturn), tipo de lanzador 2, número de misión lanzador 01)
No Apollo 1 saliéntase unha data que non vai de acordo coa nomenclatura dos Apollo; isto débese a que este ía se-lo primeiro voo tripulado, no que se empregaba o novo lanzador, o Saturn V. A NASA denominouno dese xeito en honra da xente que morreu no transcurso das probas.
O proxecto Apollo continuou con dúas misións máis, pero non de exploración na Lúa, senón acoplamentos da nave Apollo coa nave Soiuz, polo que se coñecen como misións Apollo-Soiuz.
Apollo 01. Saturn 1B. AS-201 O foguete Saturn 1B, da misión AS-201, lanzouse dende a torre 34 do complexo de lanzamentos de Cabo Cañaveral (Florida) o sábado 26 de febreiro de 1966,ás 11:12:01. A misión realizouse sen tripulación, era un voo suborbital de proba de baixo rango. Só estivo en funcionamento preto de 37 minutos (00:36:59), alcanzando unha altitude de 488 km, e a súa cápsula foi recollida no océano Atlántico a uns 8.472 km de distancia do seu lanzamento.
Os seus obxectivos principais eran confirma-la integridade estrutural da combinación do vehículo e da nave espacial de lanzamento e controla-la operatividade dos seus sistemas. O perfil da traxectoria foi deseñado tal que un vehículo sería acelerado a unha altitude relativamente alta e despois conducido novamente dentro da atmosfera da Terra, causando altas cargas de temperatura, dando por resultado unha aterraxe perceptiblemente distante do punto do lanzamento; tamén se verificaron as operacións da propulsión do Saturn, enderezo e control e os subsistemas eléctricos.
Apollo 1. Saturn V. AS-204
miniatura|Vista do módulo de comando da aeronave Spacecraft 012. Os inicios do programa Apollo foron tráxicos. Na tarde do venres 27 de xaneiro de 1967 o Apollo 1, que debía se-lo primeiro da serie, foi vítima dun incendio ó saltar unha faísca mentres os astronautas Virgil "Gus" Grissom (o primeiro astronauta en viaxar nas tres misións, Mercury, Geminis e Apollo), Edward White e Roger Chaffee probaban os sistemas do módulo de mando da nave. A atmosfera da cápsula era de osíxeno puro, un gas moi inflamable. O lume estendeuse rapidamente e os astronautas morreron sen posibilidade de escape. Despois daquela catástrofe, modificouse o deseño da nave Apollo para evitar outro accidente similar e engadiuse unha saída de emerxencia.
Virgil I. Grissom, Edward H. White II e Roger B.Chaffee practicaron unha simulación de lanzamento para unha misión AS-204 de 14 días na órbita terrestre. Xa pasaran un ano de adestramento perturbado por avarías constantes do simulador de voo do módulo de mando. Viran atrasada a entrega da súa nave, en particular porque o sistema de climatización tivo que ser substituído. Xurdiron problemas de novo, cando Grissom se queixaba dun forte olor a leite na atmosfera da cabina. Estaba programado un ensaio de evacuación de urxencia, pero os pilotos non tiveron tempo de cumprilo. Ás 18:31 morreron no incendio que se esparexeu brutalmente na cabina. Pasaran ó redor de cinco minutos cando puideron abri-la comporta exterior. Sospeitouse dun cable defectuoso e a mala calidade da realización, pero non se puido descubri-la orixe exacta do incendio.
A NASA obrigou a estudar ó subcontratista unha versión mellorada da nave. Unha comporta de acceso de mando mecánico substituíu as dúas comportas interiores e exteriores fixadas por dous pernís. Outra modificación levouse a cabo sobor da atmosfera utilizada cando a nave xa se atopaba na área de lanzamento. E substituíse por unha mestura de 60 % de osíxeno e 40 % de nitróxeno a presión normal, o osíxeno puro a 115 quilopascais. O nitróxeno purgaríase despois do lanzamento.
O primeiro Apollo sufrira unha traxedia pero quedaban elementos positivos. Nas seguintes misións do Apollo non houbo tripulantes e, a pesar de mante-lo nome da misión baixo o de Apollo, na realidade non foron como tal até a Apollo 7.
Apollo 2. Saturn 1B. AS-203