Un mercenario (do latín merces, -eris, «pago»), é aquel soldado que loita ou participa nun conflito bélico polo seu beneficio persoal, xeralmente con pouca consideración na ideoloxía, nacionalidade ou preferencias políticas co bando para o que loita. Polo regular menciónanse como asasinos a soldo, sicarios etc. Porén, cando o termo mercenario se usa para se referir a un soldado dun exército regular considérase normalmente un insulto á súa honra. O soldado regular despreza sempre o mercenario por ser un asasino sen causa. Aínda que estea no seu propio bando, é un epíteto ou cualificativo pexorativo, pois o soldado regular que representa a súa nación, está disposto a loitar por unha causa que é a da súa comunidade ou a do seu país, pola contra, o mercenario faino soamente por lucro. Os mercenarios e as leis da guerra No protocolo adicional á Convención de Xenebra do 12 de agosto de 1949 (APGC77), relativa á protección das vítimas de conflitos armados internacionais (protocolo I, do 8 de xuño de 1977, establécese que:
Artigo 47. Mercenarios
Un mercenario é calquera persoa que:
(a) Foi recrutada ou embarcada especificamente co fin de loitar nun conflito armado; (b) Toma, en efecto, parte directa nas hostilidades; (c) A súa motivación para tomar parte nas hostilidades é principalmente o desexo polo beneficio persoal, e de feito, prométeselle unha recompensa material por unha das partes no conflito, ou en favor desta que excede dun xeito substancial o pago que os combatentes das forzas armadas de dita parte reciben con similares rangos ou funcións; (d) Non é un nacional de ningunha das partes en conflito, nin residente de ningún territorio controlado por estas; (e) Non é membro das forzas armadas de ningunha das partes do conflito, e (f) Non foi enviado por ningún estado alleo ás partes en conflito en cumprimento do deber coma membro das súas forzas armadas.
Débese ter en conta que moitos países, incluíndo os Estados Unidos de América non son signatarios do Protocolo Adicional da Convención de Xenebra de 1977 (APGC77), de xeito que, aínda que dito protocolo é amplamente aceptado, non é un documento definitivo.
Segundo a Terceira Convención de Xenebra, se un soldado é capturado polo inimigo, debe ser tratado coma combatente segundo a lei, e polo tanto, coma unha persoa protexida, e considerada coma prisioneiro de guerra, en tanto dito soldado sexa posto a disposición dun tribunal competente (Terceira Convención de Xenebra, artigo 5). Este tribunal debe decidir se a persoa en cuestión é un mercenario, usando os criterios do Protocolo Adicional APGC77 ou segundo algunha lei nacional equivalente. Neste intre, o mercenario convértese nun combatente fóra da lei, aínda que malia iso debe ser tratado con humanidade, e en caso de ser sometido a xuízo, non debe ser privado do dereito a un xuízo limpo e regular, dado que aínda se atopa cuberto pola Cuarta Convención de Xenebra, artigo 5. A única excepción a este artigo sería que a persoa xulgada fose cidadán ou súbdito da autoridade nacional que o xulga, polo que nese caso non podería ser considerado un mercenario baixo a cobertura do APGC77, artigo 47.d.
Se tras un xuízo regular, un soldado capturado é declarado mercenario, debe ser tratado coma un delincuente común, e podería ser sometido á pena capital. Por mor de que non é cidadán de ningunha das partes en conflito, non podería esperar a ser repatriado ó final da guerra. O caso máis coñecido trala segunda guerra mundial deuse o 28 de xuño de 1976, cando un tribunal de Angola sentenciou a morte catro mercenarios e a penas de prisión que oscilaban entre os 16 ós 30 anos a outros nove. Os catro condenados a morte, tres británicos e un estadounidense, foron fusilados o 10 de xullo de 1976.
O status legal dos contratistas civís depende da natureza do seu traballo e da súa nacionalidade no tocante ós combatentes, pero se non tomaron parte activa na confrontación (APGC77 artigo 47.b), non son mercenarios, e atópanse baixo a protección da Convención de Xenebra.
A situación provocada durante a ocupación de Iraq de 2003 amosa a dificultade en definir un mercenario. Mentres os Estados Unidos gobernaron o país, ningún cidadán estadounidense que traballara coma garda armado podía ser considerado mercenario, porque eran nacionais dunha das partes en conflito (APGC77, artigo 47.d). Cando se transferiu o poder ó goberno interino iraquí, podíase argumentar que, a non ser que declarasen estas persoas coma residentes en Iraq, ó non ser residentes nin nacionais dun territorio parte no conflito (APGC77, artigo 47.d), poderían ser consideradas mercenarios. Se non tivese lugar ningún xuízo das persoas acusadas de ser mercenarios, as alegacións tenderían a se evaporar nunha espiral de acusacións, denegacións e contraacusacións. Débese ter en conta que os soldados da coalición en Iraq que apoian o goberno interino iraquí non son mercenarios, xa que todos eles forman parte das forzas armadas dunha das partes en conflito ou foron enviados por un estado que non é parte do conflito en cumprimento do seu deber coma membro das forzas armadas (APGC77, artigo 47.f).
Gurkhas e lexionarios da lexión estranxeira francesa
miniatura|esquerda|200px|Batallón Nusseree, posteriormente denominado 1st Gurkha Rifles, en 1857
As dúas unidades máis coñecidas nas que nacionais doutro país serven nas forzas armadas doutra nación son as brigadas británicas de Gurkhas, e a Lexión estranxeira francesa así como a Lexión española ata fai poucos anos. Os soldados que serven nestas unidades de elite non son mercenarios.
Os Gurkha británicos están plenamente integrados coma soldados do Exército Británico. Operan en unidades formadas por brigadas de Gurkhas baixo as mesmas normas e regulacións que deben cumprir tódolos soldados británicos (normas similares aplícanse ós Gurkhas que serven no exército indio). Os lexionarios estranxeiros franceses intégranse en unidades da Lexión estranxeira francesa, que son despregadas e loitan coma unidades organizadas dentro do exército francés. Isto significa que coma membros das forzas armadas británicas ou francesas, non poden ser considerados mercenarios segundo o APGC77, artigo 47.e e APGC77, artigo 47.f
Mercenarios e leis nacionais
dereita|miniatura|200px|Garda Suíza co seu uniforme tradicional Algúns países tratan de impedir que os seus cidadáns loiten en conflitos a non ser que se atopen baixo o control das súas propias forzas armadas:
En 2003, Francia criminalizou as actividades mercenarias tal como son definidas pola Convención de Xénova para os cidadáns franceses, residentes permanentes e entidades legais (código penal, L436-1, L436-2, L436-3, L436-4, L436-5). En 1998, Suráfrica aprobou a Acta sobre asistencia militar estranxeira, que prohibía ós seus cidadáns ou residentes enlearse en conflitos estranxeiros agás as operacións humanitarias, a non ser que un comité gobernamental aprobe a súa despregadura. En 2005, a lexislación foi revisada polo goberno por mor dos cidadáns surafricanos que traballaban coma gardas de seguridade en Iraq durante a ocupación, e por mor do xuízo contra Mark Thatcher polo posíbel financiamento e apoio loxístico en relación cunha presunta tentativa de golpe de estado en Guinea Ecuatorial, organizado por Simon Mann. Segundo a lei estadounidense Neutrality Act, un cidadán dos Estados Unidos que participe nun conflito armado no que os Estados Unidos sexa neutral pode incorrer en responsabilidades penais. Suíza prohibiu ós seus nacionais o servizo coma mercenarios en 1927, agás á Garda Suíza do Vaticano.
Operacións con mercenarios
Sábese do uso de mercenarios nos conflitos da antiga Iugoslavia. Moitos destes mercenarios eran ex-soldados procedentes dos países do antigo bloque do leste, desempregados trala caída da Unión Soviética.
Compañías privadas militares
As compañías privadas militares son empresas que ofrecen loxística, man de obra e outros servizos para forzas militares. Os seus contratistas son civís autorizados para acompañar as tropas no teatro de operacións.
Pódese argumentar que as forzas paramilitares baixo control privado son funcionalmente mercenarios, no canto de gardas de seguridade ou asesores. Porén, os gobernos nacionais resérvanse o dereito de regula-lo número, natureza da súa función e armamento de semellantes forzas privadas, aducindo que non se atopan empregadas na fronte de batalla en favor das actividades militares, polo que non se poden considerar mercenarios.
Se os empregados deste tipo de empresas se envolvesen nas actividades militares de xeito activo, normalmente pódense considerar mercenarios, e as súas empresas empregadoras pódense chamar compañías de mercenarios. Tres destas compañías, que os medios de comunicación consideraron compañías mercenarias nos anos 1990 son:
Executive Outcomes Angola, Serra Leoa (pechada o 31 de decembro de 1998). Sandline International, Papúa-Nova Guinea, Serra Leoa (pechada o 16 de abril de 2004). Gurkha Security Guards Ltd, Serra Leoa.
En 2004, esta industria dos mercenarios obtivo un considerábel pulo, sobre todo, por mor do emprego de compañías privadas militares por parte dos Estados Unidos e outros membros da coalición para traballos de seguridade en Iraq. En marzo de 2004, catro empregados da empresa estadounidense «PMC Blackwater», que vixiaban un almacén de fornezo de alimentos, foron atacados e asasinados en Faluxa. Nuns incidentes do que as imaxes deron a volta ó mundo, os asasinatos e o subseguinte desmembramento dos corpos convertéronse no principal argumento usado polo goberno estadounidense para desenvolve-la batalla de Faluxa que tivo lugar pouco máis tarde e que se saldou con centos de mortos.
As compañías militares privadas adóitanse ver con desagrado polas Nacións Unidas (aínda que malia isto, a mesma ONU usou os seus servizos para dar apoio loxístico en África). Malia isto, estas empresas adoitan ser útiles para combate-lo xenocidio e as matanzas en situacións onde a ONU se atopa pouco disposta ou incapaz de intervir.
Nun informe sobre as PMC (Private Military Companies, Compañías Militares Privadas) efectuado polo ministerio de asuntos exteriores británico e publicado en febreiro de 2002, este ministerio fai notar que a demanda de servizos militares por parte da ONU e de organizacións internacionais podería significar que o emprego de semellantes empresas é máis barato que o uso de tropas regulares por parte dos países membros. En todo caso e a día de hoxe, tras considera-lo uso de empresas privadas militares coma apoio das operacións de Nacións Unidas, o seu secretario xeral, Kofi Annan, tomou a decisión de prescindir destas.
Mercenarios en África
Século XX
Durante o século XX, os mercenarios foron usados con frecuencia nos conflitos do continente africano. Aconteceron varios incidentes desagradábeis durante as múltiplas guerras africanas, algúns dos cales enleaban a cidadáns europeos e americanos, homes polo xeral procuradores de fortuna, que foron enviados a situacións de combate das que non puideron sobrevivir para recibi-la súa paga.
Moitos dos aventureiros en África que foron descritos coma mercenarios estaban de feito motivados ideoloxicamente para apoiar a certos gobernos, e non loitaban para o mellor ofertante.
Entre estes mercenarios particularmente notorios atópanse:
Mike Hoare, que estivo na crise do Congo a principios dos anos 1960 e no errado golpe de estado nas Seychelles de 1978. Bob Denard participou en numerosas campañas en África en bastantes países, xeralmente ofrecendo os seus servizos a Francia. Porén a súa especialidade era a intervención nas Comores. A súa derradeira intervención aconteceu en 1995, cando participou no golpe de estado errado e o goberno francés interveu para que fose expulsado. Simon Mann estivo envolto coa empresa Executive Outcomes Ventures en Angola e Serra Leoa. En 2004 foi declarado culpable de tentativa de compra de armas, presuntamente para dar un golpe de estado en Guinea Ecuatorial.