Miguel Alvariño García, nado nas Pontes de García Rodríguez o 31 de maio de 1994, é un arqueiro galego que compite na modalidade de arco recurvo. Foi campión de Galicia, de España e de Europa e gañou cinco medallas nos Xogos Europeos (dúas de ouro e tres de prata), nas edicións de 2015 e 2023. Participou nos Xogos Olímpicos de 2016.
Traxectoria Comezou a practicar tiro con arco no club Sílex da súa vila natal. Campión galego en diversas ocasións e categorías, o seu primeiro resultado de importancia a nivel estatal foi a medalla de bronce no campionato cadete de 2011. Repetiu esa medalla dous anos máis tarde, en 2013, xa en categoría absoluta. Internacionalmente, foi bronce por equipos no Grand Prix de Francia de 2012, e prata no mundial da categoría júnior na modalidade de parellas mixtas, a canda Mirene Etxeberría.
En 2014 clasificouse para representar a España nas probas da Copa do Mundo, e participou por primeira vez no campionato de Europa, que se celebrou en Armenia. En 2015 gañou a medalla de ouro na categoría individual na primeira edición dos Xogos Europeos, celebrada en Bakú, mentres que obtivo a medalla de prata disparando por España na competición por equipos.
Recibiu unha bolsa da Fundación Telefónica para prepararse para participar nos Xogos do Río, en 2016. Xa no Brasil, caeu nos dezaseisavos de final contra o coreano Lee Seung-yun. Conseguiu tamén unha praza para os Xogos Olímpicos de 2020, pero tralo adiamento destes por mor da pandemia de COVID-19, a Federación Española volveu poñer en xogo a praza, sendo esta para Dani Castro, tamén pontés e compañeiro seu no Sílex. En xuño de 2021 proclamouse campión de España, tras derrotar na final a Yun Sánchez.
En xuño de 2022 proclamouse en Múnic campión de Europa de tiro con arco na modalidade de recurvo, despois de derrotar nas semifinais a Dani Castro e na final ao alemán Florian Unruh. Ademais, conseguiu a medalla de prata na competición por equipos, na que participou con Dani Castro e Pablo Acha, ao perder a final contra o equipo italiano.
En 2023 participou en Cracovia nos seus terceiros Xogos Europeos, dos que regresou con tres medallas. A primeira delas conseguiuna de ouro, ao gañar a proba de arco recurvo por equipos mixtos, xunto a Elia Canales, mentres que obtivo pratas nas probas individual e masculina por equipos. En marzo de 2024 anunciou a súa renuncia a participar no torneo de clasificación para os Xogos Olímpicos de 2024, coa intención de preservar a súa saúde mental ante o esgotamento psíquico que estaba a padecer.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Perfil de Twitter
Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados nas Pontes de García Rodríguez Categoría:Arqueiros olímpicos de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Arqueiros nos Xogos Olímpicos de 2016