A guerra do Chaco foi un conflito armado entre Paraguai e Bolivia que se estendeu desde o 9 de setembro de 1932 até o 12 de xuño de 1935, polo control do Chaco Boreal.
Foi a guerra máis importante en Suramérica durante o século XX. Nos 3 anos de duración, Bolivia mobilizou 250 000 soldados e Paraguai 120 000, que se enfrontaron en combates nos que houbo gran cantidade de baixas (60 000 bolivianos e 30 000 paraguaios), e gran cantidade de feridos, mutilados e desaparecidos. Os distintos tipos de enfermidades tanto físicas como psicolóxicas, a característica hostil do teatro de operacións e a falta de auga e dunha boa alimentación, produciron a maior porcentaxe de baixas e afectaron a saúde dos soldados sobreviventes, a moitos de por vida.
O enfrontamento consumiu inxentes recursos económicos de ambos os países, de por si moi pobres. Paraguai abasteceu o seu exército con gran cantidade de armas e equipos capturados en distintas batallas. Terminada a guerra, algúns excedentes vendeunos a España (Decreto-lei 8406,de 15 de xaneiro de 1937).
O cesamento das hostilidades acordouse o 12 de xuño de 1935. Baixo a presión dos Estados Unidos, por un tratado secreto asinado o 9 de xullo de 1938, Paraguai cedeu 110 000 km² ocupados polo seu exército ao cesamento das hostilidades.Rahi, Arturo e Agüero Wagner, Luis (2006): El Chaco paraguayo: una historia de despojos, renuncias, mutilaciones y entregas. Asunción (Paraguay): F17. ISBN 9789000032846, pp. 45-49.
O Tratado de Paz, Amizade e Límites asinouse o 21 de xullo de 1938. E finalmente, o 27 de abril de 2009, 74 anos despois de finalizado o enfrontamento bélico, os presidentes Evo Morales de Bolivia e Fernando Lugo de Paraguai asinaron en Buenos Aires o acordo definitivo de límites territoriais do Chaco Boreal.
A zona en litixio quedou dividida nunha cuarta parte baixo soberanía boliviana e tres cuartas partes baixo soberanía paraguaia. Bolivia recibiu unha zona ás beiras do alto río Paraguai.
Notas
Categoría:Historia de Bolivia Categoría:Historia de Paraguai Categoría:Guerras do século XX