O Museo Thyssen-Bornemisza é unha pinacoteca de mestres antigos e modernos situada en Madrid (España). A súa existencia débese ao acordo de arrendamento (1988) e á posterior adquisición, por parte do Goberno español (1993), do núcleo máis valioso da colección privada reunida ao longo de sete décadas pola familia Thyssen-Bornemisza. Este fondo artístico achegou numerosos exemplos de pintores estranxeiros ausentes dos museos españois, desde o gótico dos séculos XIV e XV (Duccio, Jan van Eyck) ata o pop art e os anos 1980 (Roy Lichtenstein, Lucian Freud), polo que veu a complementar o repertorio exposto nos dous principais centros estatais, o Museo do Prado e o Raíña Sofía. A apertura do Museo Thyssen-Bornemisza en 1992 deu lugar, ao unirse a estes dous museos, ao chamado Triángulo da Arte do paseo del Prado, área museística de Madrid que concentra o acervo pictórico máis importante de España.
A institución, xestionada por unha fundación baixo control público, ten a súa sede nun edificio histórico, o Palacio de Villahermosa, onde exhibe o groso da súa colección: máis de 700 obras (outras sesenta expóñense en depósito no MNAC de Barcelona). Grazas a un anexo sumado en 2004 ampliou a súa exhibición cunhas 240 pezas máis, prestadas por Carmen Cervera, viúva do barón Thyssen. Paralelamente, o museo alberga múltiples exposicións temporais.
Segundo The Art Newspaper, baseándose en datos facilitados polos propios museos, en 2013 o Thyssen foi o quinto museo máis visitado en España, con 944.827 visitantes, situándose no posto número 61 do seu ránking dos 100 museos de arte máis visitados do mundo.(en inglés) Visitor Figures 2013. Vol. XXIII, No. 256. April 2014, pág. 15. The Art Newspaper. Consultado o 8 de decembro de 2014.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Web oficial
Categoría:Museos de Madrid Categoría:Pinacotecas