A Florida española (, ) refírese a un territorio español de Florida, que formou parte da Capitanía Xeneral de Cuba, do Vicerreinado de Nova España e do Imperio Español. Orixinalmente estendida sobre o que hoxe é o sueste dos Estados Unidos, pero sen fronteiras definidas, Florida formaba parte da colonización española de América e da expansión do Imperio Español. Expedicións de amplo alcance desenvolvéronse no hínterland durante o século XVI, pero España nunca obtivo un control completo sobre La Florida máis alá da área que hoxe ocupan os estados de Florida, sur de Xeorxia, sur de Alabama, sur de Mississippi e sueste de Luisiana, nas denominadas Parroquias de Florida. No que respecta ao Texas colonial, pertencía a unha Capitanía Xeneral diferente, polo que non cómpre incluílo aquí.

Descubrimento e primeiras exploracións thumbnail|esquerda|175px|Florida no Planisferio de Cantino de 1502

Planisferio de Cantino Probablemente mariñeiros portugueses anónimos foron os primeiros europeos en cartografar o sueste dos futuros Estados Unidos. Segundo o Planisferio de Cantino de 1502, Portugal explorou a costa atlántica e o leste do golfo de México nalgún momento na seguinte década á primeira viaxe de Cristovo Colón (Colón nunca chegou sequera a albiscar Norte América en ningunha das súas expedicións). Porén, mantiveron os seus descubrimentos en segredo e non fixeron intentos de estabelecerse ou explorar o interior.

miniatura|175px|esquerda|Juan Ponce de León (Santervás de Campos, Valladolid). Foi un dos primeiros europeos en chegar aos actuais Estados Unidos porque liderou unha das primeiras expedicións á Florida, á que deu seu nome.

Juan Ponce de León En 1512 Juan Ponce de León, gobernador de Porto Rico, recibiu permiso real para buscar terras ao norte de Cuba. O 3 de marzo de 1513, a súa expedición partiu de Punta Aguada, Porto Rico, navegando ao norte en tres navíosNa Táboa Redonda do 500 Aniversario do Descubrimento da Florida (), segundo a PROCLAMACIÓN presentada por Dennis O. Freytes (Presidente/Facilitador).. A finais de marzo, divisou unha pequena illa (con seguridade, unha das Bahamas), pero non desembarcou nela. O 2 de abril, Ponce de León viu a costa leste da península de Florida e achegouse á terra nun lugar do que hoxe descoñécese con exactitude a súa localización. Supuxo que tiña descuberto unha grande illa, así que reclamou a terra para España e chamouna La Florida, porque era o tempo da Pascua Florida e moita da vexetación estaba en flor. Despois dunha breve exploración da área ao redor do lugar de desembarco, a expedición volveu ás súas naves e navegou cara ao sur para cartografar a costa, encontrándose coa Corrente do Golfo na viaxe. A expedición seguiu pola costa de Florida, rodeando os Caios da Florida e virando ao norte para debuxar nos planos unha parte da costa de Florida do Suroeste, antes de volver a Porto Rico.

A lenda popular conta que Ponce de León estaba buscando a Fonte da xuventude cando descubriu Florida. Porén, a primeira mención á busca de Ponce de León da auga que cura a idade deuse vinte anos despois da súa viaxe de descubrimento, e a primeira que situou a Fonte da Xuventude en Florida foi trinta anos despois. É moito máis probable que Ponce de León, como outros conquistadores españois nas Américas, estivera buscando ouro, terra que colonizar e gobernar para España, e indios que converter ao cristianismo ou escravizar.

Ponce de León probablemente non foi o primeiro español en alcanzar a Florida, aínda que foi o primeiro en facelo co permiso da Coroa española. As evidencias suxiren que as expedicións españolas desde o Caribe foron levadas a cabo á Florida para escravizar indios. Os nativos americanos aos que enfrontouse Ponce de León foron hostís nun primeiro contacto, e mesmo coñeceu a un indio en Florida que sabía algunhas palabras en español.

Axiña seguiron outros viaxes de españois á Florida tralo regreso de Ponce de León. Nalgún momento entre 1514 e 1516, un tal Pedro de Salazar escravizou a uns 500 indios ao longo da costa atlántica do actual sueste dos Estados Unidos. Por outra banda, Diego Miruelo visitou en 1516 o que probablemente é a Baía de Tampa, Francisco Hernández de Cordova alcanzou o suroeste de Florida en 1517, e Alonso Álvarez de Pineda navegou e cartografiou toda a costa do golfo de México en 1519.

Primeiros intentos de colonización En 1521, Ponce de León saíu de Cuba con 200 homes en dous barcos para establecer unha colonia na costa suroeste da península de Florida, probablemente preto do actual Charlotte Harbor. Pero, os ataques dos nativos Calusa expulsáronnos en xullo dese mesmo ano. Ponce de León foi ferido nunha escaramuza e morreu a consecuencia das feridas tras o regreso da expedición a A Habana.

Tamén en 1521 Pedro de Quejo e Francisco Gordillo escravizaron a 60 indios na Baía de Winyah, en Carolina do Sur. Quejo, co apoio de Lucas Vázquez de Ayllón, volveu á rexión en 1525, deténdose en varios lugares entre a illa de Amelia e a Baía de Chesapeake. En 1526 Vázquez de Ayllón dirixiu unha expedición dunhas 600 persoas á costa de Carolina do Sur. Despois de explorar posibles localizacións tan ao sur como a Enseada de Ponce de León, en Florida, fundouse o establecemento de San Miguel de Guadalupe () nas proximidades da Illa Sapelo, no estado de Xeorxia. Enfermidades, fame, frío e ataques de nativos fixéronlles abandonar o lugar dous meses despois. Uns 150 superviventes regresaron aos asentamentos españois. Os freires dominicos Antonio de Montesinos e Antonio de Cervantes foron algúns deses colonos. Dado que naquel tempo os sacerdotes estaban obrigados a dar misa diaria, historicamente pódese asegurar que os ditos dominicos foron os primeiros en dicir unha Misa Católica no territorio que hoxe son os Estados Unidos, aínda que datos específicos como o lugar e a data non se poidan concretar.

Expedición de Narváez

En 1527 Pánfilo de Narváez deixou España con cinco naves e preto de 600 persoas nunha misión para explorar e asentarse na costa do golfo de México situada entre os asentamentos españois en México e Florida. Despois de sufrir tempestades e atrasos, a expedición tocou terra preto da Baía de Tampa o 12 de abril de 1528, apenas con 400 superviventes e moi escasas subministracións. Confuso debido á localización da Baía de Tampa (Milanich observa que a guía de navegación que empregaban os pilotos españois naquel tempo, situaban a baía de Tampa case 150 quilómetros máis ao norte), Narváez enviou os seus barcos na súa busca, mentres a maior parte dos expedicionarios marcharon ao norte, supostamente coa intención de encontrarse coas naves na baía.

Tentando atopar a baía de Tampa, Narváez marchou preto da costa, a través do que resultou un gran territorio deshabitado. A expedición viuse forzada a subsistir coas racións que trouxeran con eles, ata que alcanzaron o río Withlacoochee, onde finalmente atoparon indios. Facendo reféns, a expedición chegou a aldea india, na que encontraron millo. Máis ao norte atoparon a un xefe que lles levou á súa vila ao outro lado do río Suwannee. O xefe, Dulchanchellin, tratou de facer dos españois os seus aliados contra os seus inimigos, os apalaches.

Empregando aos indios como guías, os españois viaxaron cara ao noroeste no territorio apalache. Milanich suxire que os guías leváronlles a través da ruta máis tortuosa que puideron encontrar. En todo caso, non atopou as vilas máis grandes dos apalaches. No momento no que a expedición chegou a Aute, unha vila preta á Costa do Golfo, resultou que tiña sido atacada polos arqueiros indios durante días. Cercado polas enfermidades, as escasas racións e a hostilidade dos indios, Narváez decidiu navegar cara a México en lugar de continuar por terra. Douscentos corenta e dous homes embarcaron en cinco bastas balsas. Todas elas naufragaron na costa texana. Despois de oito anos, catro superviventes, incluíndo a Álvar Núñez Cabeza de Vaca, chegaron a Nova España (México). Un quinto, Juan Ortiz, escapou da súa catividade dos indios despois de doce anos.

Expedición de De Soto

Hernando de Soto foi un dos tenentes xefes de Francisco Pizarro na conquista española do Imperio Inca, e regresou a España sendo un home rico. Foi nomeado Adiantado da Florida e Gobernador de Cuba, e organizou unha gran expedición para conquistar a Florida. O 30 de maio de 1539, De Soto e os seus compañeiros desembarcaron na Baía de Tampa, onde atoparon a Juan Ortiz, quen foi capturado polos indios da zona unha década antes cando foi enviado desde un barco na busca de Narváez terra dentro. Ortiz informou que na terra dos apalaches encontrarían riquezas, incluíndo ouro, e De Soto partiu con 550 soldados, 200 cabalos e algúns curas e freires. A expedición de De Soto viviu do que lle ofrecía a terra pola que marchaba. De Soto seguiu unha ruta máis ao interior que a da expedición de Narváez, pero os indios lembráronse dos recentes trastornos que causaron os españois e foron cautos no seu proceder, cando non abertamente hostís. De Soto empregou indios como guías e carrexadores.

A expedición alcanzou o territorio Apalache en outubro e instalouse na principal vila apalache, Anhaica, para pasar o inverno. Alí encontraron unha gran cantidade de comida almacenada, pero pouco ouro ou outras riquezas. Na primavera, De Soto encamiñouse ao nordés, cruzando o que hoxe é Xeorxia e Carolina do Sur cara a Carolina do Norte; despois, xirou ao oeste, cruzando as Grandes Montañas Fumarentas no Tennessee, e marchou cara ao sur en Xeorxia. Volvendo ao oeste de novo, a expedición cruzou Alabama. Perderon toda a súa equipaxe nunha loita cos indios preto de Choctaw Bluff, no río Alabama, e pasaron o inverno en Mississippi. En maio de 1541 a expedición cruzou o río Mississippi e deambulou no actual Arcansas, Missouri e posiblemente Kansas antes de pasar un novo inverno en Oklahoma. En 1542 a expedición retornou cara ao río Mississippi, onde De Soto morreu. Trescentos tres superviventes volveron da expedición en 1543.

Ochuse e Santa Elena Aínda que os españois perderan as esperanzas de atopar ouro e outras riquezas na Florida, viuse que o territorio era vital para a defensa das súas colonias en México e no Caribe. En 1559 Tristán de Luna y Arellano deixou México con 500 soldados e mil civís nunha misión para establecer colonias en Ochuse (na baía de Pensacola) e Santa Elena (na sonda de Port Royal). O plan era desembarcar a todos en Ochuse e que a maioría dos colonos marcharan por terra cara a Santa Elena. Porén, unha tormenta tropical golpeou cinco días despois da súa chegada a baía de Ochuse á frota, afundindo a dez das trece naves coas subministracións que aínda non foran descargadas. As expedicións que foran enviadas ao interior na busca de novas subministracións de comida, erraron no seu obxectivo. A maior parte da colonia trasladouse ao interior cara a Nanicapana, rebautizada como Santa Cruz, onde atoparon algo de comida, pero insuficiente para soportar á colonia. Así que os españois retornaron á baía de Pensacola. En resposta a unha Real Orde que cominaba a ocupar de xeito inmediato Santa Elena, Luna enviou tres pequenos barcos, pero foron danados por unha tormenta e volveron a México. Ángel de Villafañe substituíu o desacreditado Luna en 1561, con ordes de retirar a maioría dos colonos de Ochuse e ocupar Santa Elena. Villafañe dirixiu 75 homes cara a Santa Elena, pero outra tormenta tropical danou os seus barcos antes de que puidera desembarcar, forzando á expedición a volver a México.

Asentamento e fortificación

300px|miniatura|Castelo de San Marcos en San Agustín.