Balaeniceps rex é unha especie de ave africana similar a unha cegoña, única especie do xénero Balaeniceps. Caracterízase por ter un peteiro masivo que lembra a forma dun zapato, ao que se debe o nome equivalente a peteiro zapato que ten en moitos idiomas. Aínda que en conxunto ten unha forma parecida a unha cegoña e anteriormente foi clasificado dentro da orde Ciconiiformes, o seu verdadeiro parentesco con outros grupos de aves é ambiguo. Algunhas autoridades reclasificárono e considérano agora dentro da orde Pelecaniformes. Os adultos son principalmente grises e os inmaturos son máis marróns. Vive en África oriental tropical en grandes pantanos desde Sudán a Zambia.del Hoyo, J. Elliott, A. & Sargatal, J. (editors). (1992) Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5

Taxonomía e sistemática miniatura|esquerda|Segundo algúns estudos moleculares, a especie Scopus umbretta aquí representada é un parente próximo do B. rex. O peteiro zapato non foi clasificado ata o século XIX unha vez que se trouxeron algunhas peles a Europa. Pasaron algúns anos ata que os primeiros exemplares vivos chegaron a mans da comunidade científica. Porén, esta ave era coñecida xa polos antigos exipcios e árabes. Tradicionalmente foi relacionado coas cegoñas (Ciconiiformes), e foi mantido dentro do grupo delas na taxonomía de Sibley-Ahlquist, que agrupou un gran número de taxons non relacionados dentro do seu "Ciconiiformes". Máis recentemente, B. rex foi considerado máis próximo aos pelicanos (baseándose en comparacións anatómicas) ou ás garzas (baseándose en probas bioquímicas; Hagey et al., 2002). A análise microscópica da estrutura da casca dos ovos feita por Konstantin Mikhailov en 1995 atopou que a casca dos ovos do B. rex lembra moito á dos outros Pelecaniformes, xa que ten unha cuberta de groso material microglobular sobre a casca cristalina. Unha comparación de ADN recente reforza a idea da súa pertenza a Pelecaniformes.

Ata agora, describíronse dous parentes fósiles do peteiro zapato, que son: Goliathia do Oligoceno temperán de Exipto e Paludavis do Mioceno temperán tamén de Exipto. Suxeriuse que a enigmática ave fósil africana Eremopezus era un parente del tamén, pero as evidencias que o apoian están aínda por confirmar. Todo o que se sabe de Eremopezus é que era unha ave moi grande, probablemente non voadora e con pés flexibles, que lle permitían manexar vexetación ou as presas.

Descrición esquerda|miniatura|300px|A característica máis distintiva do B. rex é o seu peteiro con forma de zapato. O peteiro zapato é unha ave alta, cunha altura entre 110 e 140 cm e algúns espécimes acadan os 152 cm. A lonxitude do peteiro á cola pode oscilar entre 100 e 140 cm, e a envergadura de ás é de 230 a 260 cm. En canto ao peso, este varía de 4 a 7 kg.Balaeniceps rex . Fsbio-hannover.de. Retrieved on 2012-08-21.Stevenson, Terry and Fanshawe, John (2001). Field Guide to the Birds of East Africa: Kenya, Tanzania, Uganda, Rwanda, Burundi. Elsevier Science, ISBN 978-0-85661-079-0 Un macho pesa como media uns 5,6 kg e é meirande que unha femia típica, que adoita pesar 4,9 kg. A característica distintiva desta especie é o seu enorme e bulboso peteiro de cor palla e con marcas cincentas erráticas. O culme exposto (ou medida ao longo da parte máis alta da mandíbula superior) é de 18,8 a 24 cm. Igual que ocorre nos pelicanos, a mandíbula superior ten unha nítida quilla, e acaba no extremo nunha forte "uña" vertical. As patas de cor escura son bastante longas, cunha lonxitude tarsal de 21,7 a 25,5 cm. Os pés do B. rex son excepcionalmente longos, e a deda media ten unha lonxitude de 16,8 a 18,5 cm, e probablemente axuda a esta especie a manterse de pé sobre a vexetación acuática cando está a cazar. O pescozo é relativamente máis curto e groso que ao doutras aves acuáticas pernaltas como as garzas e grúas. As ás son largas, cunha lonxitude da corda máxima alar de 58,8 a 78 cm, e están ben adaptadas para o voo planando.

A plumaxe dos adultos é gris azulada con plumas de voo de cor gris lousa máis escuras. O peito presenta algunhas plumas alongadas, que teñen talos (cálamos) escuros. Os inmaturos teñen unha cor da plumaxe similar, pero cun ton gris máis escuro ou marrón. Cando acaban de eclosionar, teñen un peteiro bastante pequeno, que é inicialmente de cor gris prata. O peteiro faise máis grande cando os pitos teñen 23 días de vida e está ben desenvolvido aos 43 días.

Patrón de voo Cando planan manteñen as ás estendidas e, igual que fan os pelicanos e as cegoñas do xénero Leptoptilos, voan co pescozo retraído. A súa velocidade de batido de ás é duns 150 batidos por minuto, polo que é unha das máis lentas entre as aves, coa excepción das especies grandes de cegoñas. O padrón é alternar o batido con ciclos de escorregamento de aproximadamente sete segundos, o que sitúa a súa distancia de escorregamento entre a das cegoñas grandes e o cóndor andino (Vultur gryphus). Cando se asusta, o peteiro zapato intenta voar, pero a non máis de 100 a 500 m da súa anterior posición. É raro que faga voos longos, e só fai uns poucos voos que vaian alén da distancia mínima para procurar alimento de 20 m.

Identificación A curta distancia pode distinguirse doadamente polas súas características únicas. En voo, o seu singular peteiro non pode distinguirse tan ben, e a súa silueta lembra a dunha cegoña ou cóndor, pero as súas plumas son dun distintivo gris azulado. Tamén é infrecuente que a súa cola teña a mesma cor que as ás. En condicións de mala visibilidade, o seu tamaño e envergadura poden distinguilo doutras aves do seu hábitat. As patas teñen máis ou menos a mesma lonxitude que as das cegoñas, e cando voa esténdense cara a atrás bastante máis que a cola. O tamaño das ás á cola non pode utilizarse para a identificación; é similar ao de diversas especies de aves.

miniatura|B. rex nun zoo (vídeo).

Distribución e hábitat Vive en pantanos de auga doce de África tropical central, desde o sur do Sudán ata partes do oriente da República Democrática do Congo, Ruanda, Uganda, occidente de Tanzania e norte de Zambia. A especie é máis numerosa na subrexión do Nilo occidental e áreas adxacentes do sur do Sudán; a súa presenza é tamén significativa en zonas húmidas de Uganda e oeste de Tanzania. Hai rexistros de poboacións máis illadas en Kenya, a República Centroafricana, norte do Camerún, suroeste de Etiopía, e Malawi. Tamén se observaron exemplares divagantes na cunca do Okavango, Botswana e no tramo alto do río Congo. A distribución desta especie parece coincidir en gran medida coa do papiro e peixes pulmonados africanos. Non é migratorio e só realiza limitados movementos estacionais debido aos cambios no seu hábitat, a dispoñibilidade de comida e as molestias causadas polos humanos.Hancock & Kushan, Storks, Ibises and Spoonbills of the World. Princeton University Press (1992), ISBN 978-0-12-322730-0.

O peteiro zapato viven en grandes pantanos de auga doce. Case todas as zonas húmidas que son atractivas para a especie teñen vexetación non alterada de Cyperus papyrus e xuncos Phragmites e Typha. Aínda que a súa distribución corresponde grosso modo coa do papiro en África central, a especie parece evitar os pantanos con só papiros e a miúdo vese máis atraída por áreas con vexetación mixta. Máis raramente, a especie viuse alimentándose en campos de arroz e plantacións inundadas.

Comportamento e ecoloxía miniatura|dereita|B. rex no zoo de San Diego, EUA. O B. rex é unha ave de movementos lentos e tende a permanecer quieta durante longos períodos de tempo, polo que a especie se ten descrito como "similar a unha estatua". Son moi sensibles ás molestias creadas polos seres humanos e poden abandonar os seus niños se son asustadas polos humanos. Porén, cando se están a alimentar e hai unha mesta vexetación entre eles e os humanos, esta ave pode ser bastante tranquila. É atraída por augas pouco oxixenadas nas que os peixes van con frecuencia á superficie para respirar. Excepcionalmente nunha ave do seu tamaño, permanece de pé ou sobre vexetación flotante, de modo que se parece algo a un xacánido xigante, aínda que tamén fai o mesmo a especie de garza de similar tamaño e ocasionalmente simpátrica Ardea goliath. Os peteiro zapatos aliméntanse normalmente en augas lamacentas e, como son animais solitarios, procuran comida a unha distancia mínima unhas das outras de 20 m, mesmo cando as poboacións son relativamente densas. Esta especie axexa as súas presas pacientemente, nunha lenta espera. Mentres está a cazar, dá pasos moi lentos e frecuentemente permanece inmóbil. A diferenza doutras aves acuáticas similares, esta especie caza fiándose exclusivamente da vista e que se saiba non realiza unha caza táctil. Cando descobre unha presa, lanza un forte golpe ou estocada co seu peteiro. Porén, dependendo do tamaño da presa, o tempo que a manexa no peteiro despois da captura pode ser de máis de 10 minutos. Arredor do 60% dos intentos de captura teñen éxito. Con frecuencia arrastra auga e vexetación durante a peteirada, que despois son expelidas polas beiras das mandíbula. A actividade dos hipopótamos pode beneficiar inadvertidamente a esta ave, xa que estes mamíferos cando están mergullados ás veces forzan os peixes a iren á superficie da auga.

Son esencialmente piscívoros pero poden depredar unha considerable variedade de vertebrados acuáticos do tamaño axeitado. As especies de presas preferidas son os peixes pulmonados Protopterus aethiopicus e o Polypterus senegalus e varias especies do xénero Tilapia e de siluros principalmente do xénero Clarias. Outras presas que poden comer son ras, cobras acuáticas, monitores (Varanus niloticus) e crías de crocodilos. Máis raramente, comen tartarugas, caracois, roedores e pequenas aves anseriformes. Hai un só informe de que comeron crías do antílope Kobus leche, pero isto necesita confirmación. Como ten un peteiro de beiras cortantes, de gran tamaño e de ampla apertura, pode cazar presas grandes, e a miúdo trata de capturar presas de maior tamaño que outras aves similares. Os peixes que come teñen unha lonxitude entre 15 e 50 cm e un peso de arredor de 500 g, aínda que teñen atacado peixes pulmonados de ata 1 m. As cobras que comen son normalmente de entre 50 e 60 cm de longo. Nos pantanos do lago Bangweulu de Zambia, as principais presas que levan para alimentar as crías son os siluros Clarias gariepinus (syn. C. mossambicus) e cobras acuáticas. En Uganda, os peixes pulmonados e os siluros son o alimento preferido para darlles ás crías. O seu gran peteiro úsano ás veces para cavar na lama do fondo das lagoas para extraer os peixes pulmonados que están soterrados pasando a súa estivación.

Reprodución