Efraím Basílio Krevey, nado o 12 de decembro de 1928 en Ivaí (Paraná, Brasil) e finado o 3 de abril de 2012 en Curitiba, é un eclesiástico católico ucraíno brasileiro, 2º bispo de San Xoán Bautista en Curitiba entre 1978 e 2006.
Traxectoria Naceu o 12 de decembro de 1928 na colonia Saltinho, en Ivaí (Paraná, Brasil). En 1940 ingresou no seminario dos basilianos en Prudentópolis, facéndose novizo en 1941. Estudou na Pontificia Universidade Gregoriana entre 1948 e 1952, e foi ordenado sacerdote da Orde Basiliana de San Xosafat o 12 de novembro de 1951 por Ivan Buchko na igrexa dos Santos Serxio e Baco de Roma. Posteriormente foi reitor e profesor no seminario San Xosé de Gravataí e superior do mosteiro de San Xosafat en Prudentópolis.
O 29 de novembro de 1971 foi nomeado bispo coadxutor de San Xoán Bautista en Curitiba e bispo titular de Caffa, recibindo a consagración episcopal o 13 de febreiro de 1972 de mans do papa Paulo VI na basílica de San Pedro.
O 10 de marzo de 1978 sucedeu a José Romão Martenetz, quen presentou a renuncia por idade como bispo de Curitiba. Durante o seu pontificado organizou con éxito a atención pastoral aos ucraínos do Brasil, e en outubro de 1998 aprobou a tradución á lingua portuguesa da liturxia ucraína, co propósito de facela máis accesible ás novas xeracións de ucraínos xa nados no Brasil. Realizou tamén unha importante actividade social e cultural, como a fundación dun fogar para anciáns en Marcelino Ramos, ou a construción do Centro Relixioso-Cultural Ucraíno "Poltava", en Curitiba.
En 1993 abriu o proceso de beatificación de Anatólia Tecla Bodnar, relixiosa das Servas de María Inmaculada e iniciadora da súa congregación no Brasil.
Retirouse o 13 de decembro de 2006, con 78 anos de idade. Finou en Curitiba o 3 de abril de 2012, por complicacións derivadas dun cancro de fígado, e foi enterrado na catedral de San Xoán Bautista.
Premios e distincións Foi cidadán honorario de Campo Mourão. O 19 de novembro de 2008 o presidente ucraíno Viktor Yushchenko condecorou a Krevey coa Orde ao Mérito, terceira clase, por «unha contribución persoal significativa na información á comunidade mundial sobre a verdad do xenocidio do pobo ucraíno durante o Holodomor de 1932-1933».
Notas
Categoría:Nados en 1928 Categoría:Nados no estado do Paraná Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Bispos católicos do Brasil Categoría:Basilianos de San Xosafat Categoría:Finados en 2012 Categoría:Relixiosos católicos do Brasil Categoría:Orde ao Mérito (Ucraína)