O factor de crecemento epidérmico (EGF, do inglés epidermal growth factor) é un factor de crecemento que estimula o crecemento, proliferación, e diferenciación celular ao unirse co seu receptor, que é o EGFR. O EGF humano é unha proteína de 6045 Da formada por 53 residuos de aminoácidos e con tres pontes disulfuro intramoleculares.
O EGF foi descrito orixinalmente de forma independente como un péptido segregado atopado nas glándulas submaxilares de rato e na urina humana. Inicialmente, o EGF humano coñecíase co nome de urogastrona.
Función O EGF orixina a proliferación, diferenciación, e supervivencia celular. O EGF é un polipéptido de baixo peso molecular que foi purificado primeiramente da glándula submaxilar de rato, pero que desde entón se encontrou en moitos tecidos humanos incluíndo as glándulas submandibulares e parótides. O EGF salivario, que parece estar tamén regulado polo iodo inorgánico da dieta, tamén xoga un importante papel fisiolóxico no mantemento da integridade dos tecidos gástricos e oroesofáxico. Entre os efectos biolóxicos do EGF salivario están a curación das úlceras gastroesofáxicas e orais, a inhibición da secreción ácida gástrica, a estimulación da síntese de ADN e tamén a protección das mucosas dos factores daniños intraluminais, como o ácido gástrico, ácidos biliares, pepsina, e tripsina e axentes físicos, químicos, e bacterianos.
Fontes biolóxicas O EGF pode encontrarse na urina, saliva, leite, e plasma. A produción de EGF é estimulada pola testosterona.
Mecanismo miniatura|esquerda|Diagrama dos compoñentes clave da vía MAPK/ERK. "P" representa o fosfato. O EGF está na parte superior. O EGF actúa uníndose con alta afinidade ao receptor do factor de crecemento epidérmico (EGFR) situado na superficie celular. Isto estimula a dimerización inducida por ligando, activando a actividade de proteína tirosina quinase intrínseca do receptor. A actividade de tirosina quinase, á súa vez, inicia unha fervenza de transdución de sinais que ten como resultado diversos cambios bioquímicos na célula: aumento nos niveis de calcio intracelular, incremento da glicólise e a síntese de proteínas, e un aumento da expresión de certos xenes, como o xene do EGFR. Estes cambios finalmente levan a estimular a replicación do ADN e a proliferación celular.
Familia do EGF O EGF é o membro fundador da familia de proteínas de EGF. Os membros desta familia proteica teñen características funcionais e estruturais moi similares. Ademais do propio EGF, outros membros da familia son: Factor de crecemento de tipo EGF ligador da heparina (HB-EGF) Factor de crecemento transformante α (TGF-α) Anfirregulina (AR) Epirregulina (EPR) Epixén Betacelulina (BTC) Neurregulina-1 (NRG1) Neurregulina-2 (NRG2) Neurregulina-3 (NRG3) Neurregulina-4 (NRG4).
Todos os membros da familia conteñen unha ou máis repeticións da secuencia de aminoácidos conservada seguinte:
CX7CX4-5CX10-13CXCX8GXRC
onde X representa calquera aminoácido.
Esta secuencia contén 6 residuos de cisteína que forman tres pontes disulfuro intramoleculares. A formación de pontes disulfuro xera tres bucles estruturais que son esenciais para a alta afinidade de unión entre os membros da familia de EGF e ao seus receptores da superficie celular.
Terapia co EGF Observouse un incremento da actividade do receptor do factor de crecemento epidérmico (EGFR) en certos tipos de cancro, a miúdo correlacionado con mutacións no receptor e funcionamento anormal como a sinalización do receptor constitutiva independente dos niveis de EGF ou da unión do EGF.Lurje G., et al., "EGFR Signalling and Drug Discovery", Oncology 77: 400-410 (2009) Por iso, o EGF e o EGFR foron aproveitados para desenvolver métodos de obtención de imaxes e terapias dirixidas a diana contra cancros que sobreexpresan o EGFR.
Entre os fármacos desenvolvidos para inhibir o receptor do EGF están gefitinib, erlotinib, afatinib e osimertinib para o cancro de pulmón, e Cetuximab para o cancro de colon. Os inhibidores de EGFR son inhibidores da tirosina quinase ou anticorpos monoclonais que fan que vaia máis lento ou deteñen o crecemento celular. CimaVax-EGF orixina a produción de anticorpos contra o propio EGF, o que priva aos cancros dependentes de EGFR dun estímulo proliferativo; está en uso como terapia anticancerosa contra o cancro de pulmón de células non pequenas, e están realizándose máis ensaios para obter unha posible licenza no Xapón, Europa, e os Estados Unidos.
Desenvolvéronse axentes para obter imaxes que identifican doadamente os cancros dependentes de EGFR usando EGF marcadoL. J. Lucas, C. A. Tellez , M. L. Castilho , C. L. D. Lee , M. A. Hupman , L. S. Vieira , I. Ferreira , L. Raniero , K. C. Hewitt. "Development of a sensitive, stable and EGFR-specific molecular imaging agent for surface enhanced Raman spectroscopy", Journal of Raman Spectroscopy DOI 10.1002/jrs.4678 (2015) ou anti-EGFR.L. J. Lucas , X. K. Chen , A. J. Smith , M. Korbelik , H. Zeng , P. W. K. Lee and K. C. Hewitt. "Aggregation of nanoparticles in endosomes and lysosomes produce Surface Enhanced Raman Spectroscopy", Journal of Nanophotonics 9: 093094-1-14 (2015).
Interaccións O EGF presenta interaccións co EGFR.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Shaanxi Zhongbang Pharma-Tech Co., Ltd.-Fornecedor do EGF EGF at the Human Protein Reference Database.
modelo de EGF na base de datos BioModels
Categoría:Factores de crecemento