O warlpiri é unha lingua aborixe de Australia falada no Territorio do Norte por arredor de 2 500 persoas. Pertence á familia lingüística de linguas pama-nyunganas e é unha das linguas indíxenas australianas máis importante por número de falantes. Segundo os datos de 2006 tiña 2 507 falantes. O warlpiri está clasificado como "vulnerable" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO.
Localización Os seus falantes atópanse principalmente en varios asentamentos e cidades do Territorio do Norte como Ali Curung Willowra, Alice Springs, Darwin, Katherine, Lajamanu e Yuendumu, aínda que tamén se poden encontrar en zonas de Australia Occidental en contacto coa lingua kukatja.
Fonoloxía Nas seguintes táboas do sistema fonolóxico da lingua warlpiri, os símbolos en letra grosa amosan o alfabeto práctico usado pola comunidade warlpiri. Os valores do Alfabeto Fonético Internacional están entre corchetes ([ - ]).
Vogais Anterior Central Posterior Pechada i , ii u , uu Aberta a , aa
A lingua warlpiri ten un sistema estándar de tres vogais similar ao do árabe clásico. Distingue entre vogais longas e curtas o que fai un total de seis sons vocálicos.
Consoantes Periferal Laminar Apical Bilabial Velar Palatal Alveolar Retroflexa Oclusiva p k j t rt Nasal m ng ny n rn Vibrante múltiple rr Vibrante simple rd Lateral ly l rl Aproximante w y r
Dialectos Existen varios dialectos de lingua warlpiri mais non hai consenso sobre o seu número. Laughren e Hale (1996) identifican sete dialectos principais:
Warrmarla (tamén coñecido como warlpiri occidental) Ngardilypa (warlpiri noroccidental) Wawulya (warlpiri suroccidental) Warnayaka (warlpiri central-setentrional) Ngaliya (warlpiri meridional) Yarlpiri (warlpiri do río Lander ou simplemente warlpiri) Wakirti Warlpiri (warlpiri do río Hansen)
Lingua de sinais warlpiri A lingua de sinais warlpiri é unha lingua de sinais que complementa ou substitúe a lingua warlpiri en determinadas situacións de comunicación. Ten a súa orixe nos tabús da linguaxe propios do pobo warlpiri. Trátase dun sistema de comunicación tan completo como a propia lingua oral e é unha das máis complexas e elaboradas de entre as linguas de sinais aborixes de Australia, así como a máis documentada e estudada.
Recoñecemento institucional En decembro de 2015, a deputada liberal Bess Nungarrayi Price, tentou empregar a lingua warlpiri no Parlamento do Territorio do Norte, mais foi chamada á orde. En febreiro de 2016 demandou o recoñecemento oficial das linguas aborixes nesta institución.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lista de linguas aborixes de Australia Ligazóns externas A lingua warlpiri en Ethnologue.com
Categoría:Linguas pama-nyunganas Categoría:Linguas de Australia