O Edificio do Banco Pastor é unha construción monumental de 1925 deseñada polos arquitectos Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés no Cantón Pequeno da Coruña para sede do Banco Pastor. Foi o edificio máis alto de España ata a construción da sede de Telefónica na Gran Vía de Madrid en 1929.

Historia En 1918 Ricardo Rodríguez Pastor e Pedro Barrié comezaron a comprar parcelas nos Cantóns para construír a sede do seu banco. A partir dese momento comezaron a modificar o tamaño das parcelas, nas que derrubaron os edificios existentes, de tres ou catro pisos con galerías.

O proxecto foi encargado por Pastor e Barrié ao seu parente Antonio Tenreiro en 1919 coa idea de construír unha sede para o seu banco. Tenreiro licenciárase en arquitectura en Madrid ese mesmo ano e estableceuse na Coruña en 1921. O proxecto definitivo é de 1922. A Comisión Municipal de Obras aprobou o proxecto de edificio de 38 metros a pesar de que o máximo aceptado era de 20 metros indicando que o novo e moderno edificio faría máis fermosa a cidade.

O novo edificio foi inaugurado o 11 de novembro de 1925, converténdose no primeiro rañaceos de Galicia.

Descrición miniatura O edificio, de case corenta metros de altura, ocupa unha parcela de máis de 1000 metros cadrados. Foi deseñado por Antonio Tenreiro, Peregrín Estellés e Emilio Moya, aínda que só asinaron os planos os dous primeiros. É de estilo ecléctico, baseado na arquitectura da Escola de Chicago e nos bancos ingleses e estadounidenses, con elementos decorativos de estilo neobarroco e art déco.

Está construído arredor dun patio que dá luz a todo o edificio, empregando, de xeito pioneiro en Galicia, formigón armado e pedra artificial. A estrutura é semellante a unha columna, cunha base de tres pisos, un fuste con máis desenvolvemento vertical (seis pisos) e un chapitel que forman os dous últimos pisos, con maior decoración. As oficinas do banco situábanse no piso baixo, o entresollado e o primeiro andar; o seguinte andar estaba ocupado pola vivenda de Pedro Barrié e nos demais andares había vivendas. No ático instalaron o seu estudio Tenreiro e Estellés.

A entrada realízase a través dun chafrán entre o Cantón Pequeno e a rúa de Santa Catarina polo que se accede a un vestíbulo no que se situaban as caixas e os mostradores do banco. A planta baixa ilumínase mediante unha vidreira.Ficha en Turgalicia

En 1959 o edificio foi ampliado cara á rúa de Durán Loriga.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Ficha en Turgalicia Sede Central del Banco Pastor

Categoría:Arquitectura civil na Coruña