Phoebe Sarah Hertha Ayrton, nada en Portsea (Hampshire) o 28 de abril de 1854 e finada en Bexhill-on-sea (Sussex) o 23 de agosto de 1923, foi unha enxeñeira, matemática, física, inventora e sufraxista inglesa. Foi galardoada coa Medalla Hughes pola Royal Society polo seu traballo cos arcos eléctricos e as ondulacións na area e na auga.
Traxectoria Hertha Ayrton, nada Phoebe Sarah Marks, era a terceira filla de Levi Marks, un reloxeiro de orixe polaca, e Alice Theresa Moss, unha modista. O seu pai faleceu en 1861, deixando a nai de Sarah con sete fillos e un oitavo por nacer.
Á idade de nove anos, Sarah foi invitada pola súa tía, que tiña unha escola no norte de Londres. Viviu cos seus primos e a través deles introduciuse nas matemáticas e na ciencia. Aos dezaseis anos, converteuse en institutriz. Fixo os seus estudos de posgrao no Girton College, Cambridge, onde foi asesorada por Richard T. Glazebrook. A súa inscrición foi apoiada por George Eliot, que entón traballaba en Daniel Deronda; parece que George Eliot se inspirou en Sarah para unha personaxe deste libro, Mirah. Durante os seus estudos en Cambridge, construíu un esfigmomanómetro, dirixiu o coro, fundou o corpo de bombeiros de Girton e fundou un club de matemáticas con Charlotte Scott.
En 1880, aprobou o exame da universidade de Cambridge, os Tripos, pero non obtivo ningún diploma, xa que nesa época Cambridge non outorgaba diplomas ás mulleres, só certificados. En 1881, obtivo a súa licenciatura na Universidade de Londres.
Contribucións á enxeñaría En 1884 patentou un instrumento de debuxo de enxeñería para dividir unha liña en calquera número de partes iguais e para ampliar e reducir figuras. A solicitude de patente de Hertha foi financiada por Lady Goldsmid e a feminista Barbara Bodichon. O seu invento amosouse na Exhibition of Women’s Industries e recibiu moita atención da prensa.
En 1884, empezou a ir a clases nocturnas sobre electricidade no Finsbury Technical College, impartidas por William Edward Ayrton, un pioneiro no ensino de física e enxeñaría eléctrica e socio da Royal Society. O 6 de maio de 1885 casou co seu exprofesor, e desde entón asistiuno nos seus experimentos de física e electricidade. Hertha comezou tamén a súa propia investigación sobre as características do arco eléctrico.
A finais do século dezanove, o uso do arco eléctrico era moi común na iluminación pública. O seu maior problema era a tendencia dos arcos eléctricos a emitir chasquidos e asubíos. En 1895, Hertha Ayrton escribiu unha serie de artigos para The Electrician, explicando que estes fenómenos se producían cando o osíxeno entraba en contacto coas varelas de carbono utilizadas para crear o arco. En 1899, foi a primeira muller en ler o seu propio relatorio ante a Institution of Electrical Engineers (IEE). O seu estudo titulouse "O asubío do arco eléctrico". Pouco despois, Hertha foi elixida a primeira muller membro do IEE; a seguinte non o sería ata 1958. Solicitou presentar o seu estudo ante a Royal Society pero non se lle concedeu debido ao seu sexo: The Mechanism of the Electric Arc (O Mecanismo do Arco Eléctrico) foi lido por John Perry no seu nome en 1901. Tamén foi a primeira muller en obter un premio da institución, a Medalla Hughes, outorgada en 1906 en recoñecemento ás súas investigacións sobre a formación de ondas nas dunas polas ondas do mar e o seu traballo sobre o arco eléctrico. A finais do século XIX, o traballo de Hertha no campo da enxeñaría eléctrica era amplamente recoñecido, tanto nacional como internacionalmente. No Congreso Internacional de Mulleres celebrado en Londres en 1899, Hertha presidiu a sección de física. Tamén falou no Congreso Eléctrico Internacional en París en 1900. O seu éxito alí conduciu a que a Asociación Británica para o Avance da Ciencia permitise ás mulleres entrar en comités xerais e particulares.
En 1902, Ayrton publicou The Electric Arc (O arco eléctrico), un compendio das súas investigacións e traballos sobre o arco voltaico, a partir dos seus primeiros artigos de The Electrician publicados entre 1895 e 1896. Con esta publicación, a súa contribución ao campo de enxeñaría eléctrica comezou a consolidarse. Aínda así, polo menos ao principio, Hertha non foi ben recibida polas máis prestixiosas e tradicionais sociedades científicas como a Royal Society. No período posterior á publicación de The Electric Arc, Hertha foi proposta como socia da Royal Society polo renomeado enxeñeiro eléctrico John Perry en 1902. O Consello da Royal Society desestimou a súa solicitude, porque as mulleres casadas non podían ser candidatas a socios. Aínda así, en 1904, converteuse na primeira muller en ler o seu relatorio ante a Royal Society «The Origin and Growth of Ripple Marks» (A orixe e expansión das ondulacións), que despois se publicou no Proceedings of the Royal Society. En 1906 foille concedido o galardón máis prestixioso da Royal Society, a Medalla Hughes, por «as súas investigacións experimentais sobre o arco eléctrico, e tamén sobre as ondulacións na area». Foi a quinta persoa en obter este premio, que se concede anualmente desde 1902 en recoñecemento a un descubrimento orixinal nas ciencias físicas, particularmente en electricidade e magnetismo ou as súas aplicacións; e ata 2013, unha das dúas únicas mulleres galardoadas.
En 1908 e 1911, Hertha leu de novo os seus estudos ante a Royal Society. Tamén presentou os resultados da súa investigación ante a audiencia da British Association e a Physical Society. O interese de Ayrton nos vórtices de auga e aire inspiraron o ventilador Ayrton, chamado flapper, utilizado nas trincheiras na primeira guerra mundial para disipar o gas velenoso.
Hertha colaborou en crear a Federación Internacional de Mulleres Universitarias en 1919 e o Sindicato Nacional de Traballadores Científicos en 1920.
Vida persoal Casou con William Edward Ayrton en 1885, e tiveron unha filla, Barbara Ayrton-Gould, sufraxista, e membro do Partido Laborista. A súa filla leva o nome de Barbara en honra de Barbara Bodichon, que a axudou a financiar a súa primeira patente.
En 1903 coñeceu a Marie Curie con quen mantivo unha longa amizade. No verán de 1912, Curie e as súas fillas Irène e Ève foron acollidas por Ayrton na súa casa da costa inglesa, para escapar do escándalo provocado pola súa relación con Langevin.
Recoñecementos En 1923, o seu amigo Ottilie Hancock creou a Asociación de Investigación Hertha Ayrton en Girton College.
En 2010, foi votada como unha das dez mulleres británicas máis influentes na historia da ciencia.
En 2015, a British Society for the History of Science creou o premio Ayrton, en recoñecemento ás contribucións de Hertha Ayrton á ciencia británica.
O 28 de abril de 2016, Google conmemorou o 162 aniversario do seu nacemento cun Google Doodle.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ignotofsky, Rachel (2017). Mujeres de ciencia : 50 intrépidas pioneras que cambiaron el mundo (1ªed.). Madrid. ISBN 978-84-16830-80-0
Tsjeng, Zing (2020). Mujeres olvidadas : las científicas. Madrid. ISBN 978-84-415-4214-3,
Outros artigos Mulleres en física Historia das mulleres na enxeñaría
Ligazóns externas
The Electric Arc en Archive.org. (en inglés)
Categoría:Nados en 1854 Categoría:Nados en Hampshire Categoría:Finados en 1923 Categoría:Matemáticos de Inglaterra Categoría:Enxeñeiros de Inglaterra Categoría:Alumnos da Universidade de Londres Categoría:Inventores do Reino Unido Categoría:Sufraxistas