Durante a tempada 2016–17 o Deportivo da Coruña competiu na Primeira División (afrontando a súa 45.ª campaña na máxima categoría), logrando o 16.º posto na clasificación logo de 8 vitorias, 12 empates e 18 derrotas. Tamén competiu na Copa do Rei, alcanzando os oitavos de final, onde caeu eliminado fronte o Deportivo Alavés. O equipo foi adestrado inicialmente por Gaizka Garitano e posteriormente por Pepe Mel. O máximo goleador en liga foi Florin Andone, que anotou 12 goles.

Resumo da tempada Maio O 27 de maio o club anunciou a súa primeira incorporación, o atacante turco Emre Çolak, procedente do Galatasaray SK, firmando por tres temporadas. O xogador chegou libre.

Xuño O 10 de xuño o club anunciou a súa segunda fichaxe, co retorno do mediocampista portugués Bruno Gama, cun contrato por dúas campañas. O xogador chegou libre. Minutos máis tarde anunciou a Gaizka Garitano como novo adestrador do equipo, cun contrato por unha tempada.

O 21 de xuño anunciouse a incorporación do dianteiro berciano Borja Valle, procedente do Real Oviedo, cun contrato por tres temporadas.

O 28 de xuño o club anunciou a cesión do centrocampista eumés Juan Domínguez ao RCD Mallorca, de Segunda División, durante unha tempada.

O 30 de xuño anunciouse a fichaxe do meta polaco Przemysław Tytoń, procedente do VfB Stuttgart, cun contrato por 3 tempadas.

Xullo O 3 de xullo anunciouse a contratación do meta galego Rubén Martínez, procedente do Levante UD, cun contrato por dúas tempadas.

O 5 de xullo compareceu en rolda de prensa o meta Fabricio Agosto para anunciar a súa despedida, logo de firmar polo Beşiktaş turco.

O 6 de xullo o club anunciou a saída do defensa coruñés Róber Pier, cedido por unha campaña ao Levante UD, en Segunda División.

O 9 de xullo anunciouse a incorporación do defensa valenciano Raúl Albentosa, procedente do Derby County FC, cun contrato por catro temporadas.

O 12 de xullo o club anunciou a incorporación de Juanfran Moreno, cunha nova cesión por parte do Watford FC, esta vez con opción de compra.

O 14 de xullo anunciáronse dúas incorporacións para o equipo filial, o defensa catalán Arnau Campeny e o dianteiro madrileño Borja Galán.

O 15 de xullo o club anunciou a ampliación do contrato de Pablo Insua até 2020, e a súa cesión de novo ao CD Leganés, onde militou a campaña anterior. Horas máis tarde anunciouse a rescisión do contrato de dous xogadores do filial, o centrocampista Samuel Piette e o gardameta Javi Ortega.

O 16 de xullo o Deportivo disputou o primeiro partido da pretempada, vencendo ante o SD Negreira, de Terceira División (1–10), con motivo do Memorial García Calvo.

O 18 de xullo pasou recoñecemento a oitava incorporación do Deportivo, o mediocampista brasileiro Guilherme dos Santos, en calidade de cedido con opción de compra por unha tempada procedente do Udinese Calcio.

O 19 de xullo o club anunciou a incorporación do defensa madrileño Nacho Monsalve para o filial branquiazul, procedente do Atlético de Madrid.

O 21 de xullo o club anunciou a rescisión do contrato do dianteiro burelés Luis Fernández, cedido a campaña anterior no SD Huesca, que se incorpora á disciplina do AD Alcorcón.

O 22 de xullo anunciouse a incorporación do mediocampista valenciano Carles Gil, cedido por unha campaña polo Aston Villa F.C.

O 26 de xullo o club anunciou a incorporación do dianteiro romanés Florin Andone, procedente do Córdoba CF, cun contrato por cinco tempadas e un custo próximo aos 4.000.000 de euros. Horas máis tarde anunciouse a saída do centrocampista Bicho, que marcha cedido por unha campaña ao Racing de Ferrol, de Segunda División B.

O 28 de xullo o club anunciou un novo amigable para o 23 de agosto fronte ao SD Compostela, de Terceira División, con motivo do memorial Antonio Bermúdez.

Agosto O 3 de agosto o club anunciou que conta con 20.436 abonados. Un día despois a cifra situábase en 21.767 socios.

O 6 de agosto, e tras varios días xa na cidade, finalmente o club oficializou a incorporación do mediocampista colombiano Marlos Moreno, que firmou por unha campaña, cedido polo Manchester City F.C.

O 12 de agosto o club anunciou a cesión do dianteiro catalán Oriol Riera durante unha tempada ao CA Osasuna. Un día despois anunciouse a saída do defensa cántabro Saúl García, cedido por unha tempada ao Girona FC de Segunda División.

O 16 de agosto o Deportivo lamentou o pasamento do dianteiro arxentino Jorge Larraz, dianteiro do club coruñés nos anos 60.

O 25 de agosto anunciouse unha nova edición do Memorial Moncho Rivera, organizado polo Victoria CF coruñés e de carácter benéfico, que enfrontará un combinado de xugadores do Súper Dépor cun combinado do Euro Celta, o 16 de setembro, no estadio de Riazor.

O 29 de agosto o club anunciou que superou os 25.000 socios.

O 30 de agosto anunciouse a venda do dianteiro Lucas Pérez ao Arsenal F.C. nunha operación próxima aos 20 millóns de euros. O club agradeceu ao xogador a súa "decidida aposta polo Dépor e a súa entrega en cada minuto sobre o campo defendendo a camiseta branquiazul".

O 31 de agosto, derradeiro día do mercado de fichaxes, anunciouse a incorporación do dianteiro Joselu Mato, cedido por unha tempada polo Stoke City F.C.

Setembro O 11 de setembro, no encontro correspondente á terceira xornada contra o Athletic Club en Riazor, Joselu debutou como branquiazul e sufriu unha escordadura de xeonllo logo dunha dura entrada do xogador Raúl García, que o manterá de baixa entre 6 e 8 semanas.

O 15 de setembro o club anunciou a incorporación do dianteiro neerlandés Ryan Babel, como consecuencia da lesión de Joselu, cun contrato até o 31 de decembro de 2016. Minutos máis tarde o Deportivo lamentaba o pasamento do ex xogador Gento II, dianteiro do equipo coruñés na década de 1960.

Outubro O 3 de outubro, aproveitando o parón ligueiro, o club iniciou a substitución do céspede de Riazor, que tiña máis de 20 anos. As obras durarán dúas ou tres semanas, cambiarase igualmente o sistema de rego e o terreo de xogo descenderá uns 30 centímetros, igualándose coa pista de atletismo. O custo desta operación non transcendeu. Unha das razóns pola que se acomete esta mellora é a nova normativa de La Liga, que obriga aos clubs a manter uns determinados estándares de calidade para as retransmisións. Estas obras remataron o 26 de outubro, cun custo total de 218.984,42 euros.

O 27 de outubro o club anunciou a firma dun acordo co Concello de Arteixo para o uso das instalacións do campo Ponte dos Brozos polo equipo feminino.

O 29 de outubro anunciouse a convocatoria a Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria de Accionistas do club, que se desenvolverá en primeira ou segunda convocatoria os días 30 de novembro e 1 de decembro, respectivamente. Horas máis tarde o Consello de Administración do club publicou un comunicado cargando con contundencia contra a Comisión Antiviolencia e o seu presidente, días despois de que nos medios se anunciasen unhas supostas sancións ao club pola exhibición de pancartas da peña Riazor Blues.

O 31 de outubro deuse a coñecer o acordo de patrocinio coa empresa de xogos de azar Luckia Gaming Group, que patrocinará ao Deportivo durante esta campaña e unha máis.

Novembro O 2 de novembro o club anunciou a inscrición no Rexistro Mercantil da cuarta fase da ampliación de capital, na cal calquera persoa ou entidade pode converterse en accionista, cun capital máximo de 90.150 euros. Igualmente, anunciouse que na terceira fase acudiron á ampliación 37 accionistas, que subscribiron un total de 13.883,10 euros.

O 8 de novembro anunciouse que José González-Dans Vázquez, responsable da área económica do club, desempeñará tamén funcións de coordinación referentes a soporte e negocio, así como as empresas participadas.

O 26 de novembro o club decidiu afastar do traballo en grupo ao xogador do filial Óscar Pinchi, logo dunhas declaracións no xornal DxT Campeón sobre a política de traballo da canteira. Días despois o propio xogador desculpouse a través das redes sociais, o que deu remate á polémica.

Decembro O 1 de decembro celebrouse, en segunda convocatoria, a Asemblea Xeral de Accionistas onde se aprobaron as contas do club para a tempada 2015–16. Presentáronse uns beneficios netos de 6,98 millóns de euros e a débeda sitúase en 95 millóns, sensiblemente menor que en exercicios anteriores. Na xunta tamén se criticou a xestión da canteira e anunciouse a creación da Fundación Real Club Deportivo.

O 12 de decembro o club anunciou o pasamento, o día anterior, do ex xogador Manuel Bermúdez "Polo", dianteiro do club coruñés nos anos 1950.

O 21 de decembro deuse a coñecer que o Xulgado de Instrución número 20 de Madrid arquivaba a causa que investigaba a morte de Francisco Javier Romero "Jimmy" en 2014, alegando que non se pode identificar os autores da morte do seareiro coruñés. Esa mesma tarde, o club emitiu un contundente comunicado amosando "a súa profunda sorpresa, absoluta decepción e total indignación ante o arquivo da causa". Ademais, o club interpreta que "en pouco máis de dous anos pasouse dunha posición tallante por parte de todas as autoridades competentes para tratar de solucionar o caso á desidia e impunidade polo sucedido en Madrid", e denunciando tamén "o desequilibrio existente entre a impunidade ante un asasinato e a persecución sistemática mediante propostas de sancións que están a recibir os seguidores e o propio Deportivo cando o Club e os seus afeccionados foron exemplares durante todo este proceso".

Ese mesmo día anunciouse a ampliación de contrato de Sidnei Rechel, que será xogador branquiazul até 2020.

Tras rematar o partido de Copa do Rei ante o Real Betis que rematou en vitoria (3–1), que certificou o pase do Deportivo a oitavos de final, o neerlandés Ryan Babel anunciou que non renovaría o seu contrato co club, que remataba o 31 de decembro, despedíndose así do equipo coruñés anotando un gol.

Xaneiro O 13 de xaneiro o club anunciou a primeira incorporación do mercado invernal, o mediocampista neerlandés Ola John, cedido polo SL Benfica até o remate da actual temporada con opción de compra.

O 17 de xaneiro anunciouse a incorporación do mediocampista francés Gaël Kakuta, cedido até o remate da tempada polo Hebei China Fortune F.C. chinés.

O 18 de xaneiro o club anunciou que as xogadoras do equipo feminino Raquel Béjar e Teresa Abelleira firmaran contrato profesional coa entidade, sendo así o Deportivo o primeiro club galego en facelo.

Horas máis tarde anunciábase a saída do atacante Borja Valle, que marcha cedido ao Elche CF de Segunda División, até o remate da actual campaña.

O 20 de xaneiro o club lamentou o pasamento de Carlos Alberto Silva, adestrador branquiazul nas tempadas 1996–97 e 1997–98, finado aos 77 anos.

O 24 de xaneiro anunciouse a incorporación do meta belga Davy Roef, cedido polo RSC Anderlecht até o final da tempada, converténdose no primeiro xogador desa nacionalidade en vestir a camisola do Deportivo. De igual modo, o club anunciou a saída do meta Rubén Martínez cara a este club belga, RSC Anderlecht, tamén até o remate da actual campaña.

O 29 de xaneiro o club anunciou que alcanzara a cifra de 25.000 accionistas, a escasos días do peche da campaña de ampliación de capital, iniciada en 2015.

O 31 de xaneiro o club anunciou a fichaxe do centrocampista arxentino Federico Cartabia, logo de rescindir o seu contrato co Valencia CF, firmando un contrato por cinco tempadas. Anunciouse igualmente a súa saída ao SC Braga, cedido até o remate da campaña.

Febreiro O 2 de febreiro o club fixo oficial un cambio na firma deportiva que equipará o Deportivo a partir da seguinte campaña, sustituíndo a Lotto Sport Italia pola tamén italiana Macron, que vestirá os 15 equipos do club até o 2021. O novo patrocinador técnico aportará unha cantidade próxima ao medio millón de euros por tempada.