Santa María de Merza é unha parroquia que se localiza no concello de Vila de Cruces. Segundo o IGE en 2014 tiña 403 habitantes (199 homes e 204 mulleres), 121 menos ca en 2004 (272 homes e 252 mulleres) e 146 menos ca en 1999. Ten dez entidades de poboación.

Hidrografía O río Toxa crea, antes de desembocar no río Deza, unha das fervenzas máis importantes de Galicia, a fervenza do Toxa. Á beira deste río atópase o mosteiro de Carboeiro, considerado un dos mellores expoñentes do románico galego. Aínda que tanto a fervenza coma o mosteiro pertencen aos termos do concello de Silleda, existe unha ruta de sendeirismo por esta parroquia que une ambas as localizacións.

Patrimonio A igrexa parroquial conserva elementos da primitiva fábrica románica, da segunda metade do século XII. A ábsida semicircular, dividida ao exterior en tres partes por dúas semicolumnas apoiadas, cunha fiestra seteira no central; a arquivolta tórica en semicírculo peraltado da porta principal; o arco triunfal, a bóveda de canón e algúns canzorros.

O seu pasado fidalgo queda reflectido no Pazo da Torre, con escudo, chemineas e contorno arborado; na casa dos Villar-Somoza, do século XVIII; e nas de Caxide (no Outeiro) e Parceiro (en Sulago).

Música A Banda Artística de Merza, fundada en 1828, é a agrupación popular máis antiga de Galicia e está considerada como unha das mellores bandas de música de España tras gañar o "Certame Internacional de Bandas de Música Villa de Altea" dúas veces.

Lecer A praia fluvial da Carixa coa súa ponte inacabada de 1928.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Merza

Parroquias de Vila de Cruces

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Vila de Cruces

Categoría:Parroquias de Vila de Cruces Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María