O Parque Natural dos Aiguamolls de l'Empordà atópase en Cataluña, na comarca do Alt Empordà (provincia de Xirona). Foi constituído coma Parque natural no 1983 tras unha intensa campaña cidadán para a súa creación.
Orixe Os Aiguamolls de l'Empordà ocupaban antigamente toda a chaira da badía de Roses e todo o tramo baixo do río Ter. O macizo do Montgrí estaba illado entre as augas, e cando os gregos se estableceron na zona, fixérono nunha illa, fundando Empúries. Debido ó crecemento das areas agrícolas, a zona foise desecando. Desaparecendo marismas e lagos. Coma por exemplo os lagos de Castelló, Siurana, Vilacolum, Riunors, Bellcaire, Ullastret e Pals; actualmente extinguidos na súa totalidade.
Outro factor de degradación foi o urbanismo e o turismo, que fixo que moitas zonas se convertesen en urbanizacións. Debido a todo isto, no 1976 comezou unha campaña baixo o lema "Els últims aiguamolls de l'Empordà, en perill" ("As últimas marismas do Empordà, en perigo"), que buscaba a concienciación sobre a importancia das zonas húmidas e da súa protección.
No 1983, o parlamento de Cataluña aprobou a lei de declaración de paraxes naturais de interese nacional e reservas integrais dos Aiguamolls de l'Empordà, posteriormente reclasificado en parque natural. Este parque natural, só protexe as zonas húmidas da comarca do Alt Empordà. As do Baix Empordà están protexidas baixo a figura do Parque Natural do Montgrí, les illes Medes i el Baix Ter.
Morfoloxía O parque presenta unha gran variedade de paisaxes e formacións. Por unha banda, a comarca do l'Alt Empordà está densamente poboada, aumentando aínda máis a súa poboación durante o verán. Máis do 80% do parque é de propiedade privada. Ademais entre as dúas zonas de maior tamaño do parque, sitúase Empuriabrava, unha das zonas residenciais navegables máis importantes de Europa. Debido a todo isto, a paisaxe urbana altérnase entre zonas de alto valor ecolóxico, tales coma praias, lagoas litorais de auga salgada, lagoas de auga doce, complexos de dunas, praias e cursos fluviais cun bo estado de conservación.
O parque coma tal, presenta catro zonas ben diferenciadas, seguindo un eixo norte-sur. Por unha banda está a zona protexida que rodea a lagoa de Vilaüt, sendo esta a de maior tamaño e illada respecto ó resto de áreas protexidas. Unha segunda zona que rodea a lagoa de Cortalet e as marismas de auga salgada próximas ó mar. Unha terceira zona que protexe o treito final e a desembocadura do río Fluvià. E unha cuarta zona, que vai dende a desembocadura do río Fluvià ata a vila de Cinclaus, protexendo todo o litoral.
Vexetación Existen moitas variedades de paisaxes vexetais. Salientar aqueles ecosistemas onde predominan as salicornias ou os xuncos, que están adaptadas a sobrevivir en chans e augas cunha elevada salinidade. Os areais, medio inhóspito, que é ocupado por especies coma o Agropyron junceum ou o feo de praia (Ammophila arenaria).
Destaca tamén a vexetación de tipo lacustre, asociada a masas de auga doce. Nestes medios abundan o Ranunculus baudotii, a lentella de auga e especies dos xéneros Zannichellia, Potamogeton e Callitriche..
Fauna O parque é un dos espazos naturais máis importantes do sur de Europa en canto á observación de aves. Téñense citado máis de 300 especies diferentes, das cales máis de oitenta crían de maneira regular. Destas últimas, as máis emblemáticas son a cerceta albela e o picanzo pequeno. Tamén crían no parque a cegoña branca e o camón. Durante as épocas de migracións, de febreiro a xuño e de xullo a outubro, miles de aves empregan as masas da auga da zona coma refuxio. Son habituais a tartaraña das xunqueiras, o bilurico bastardo, a gaivota de Audouin e o flamengo. Tamén existe importantes poboacións de réptiles e anfibios (coma o sapoconcho riscado ou o tritón verde), peixes (como a anguía ou o Lebias ibera) e mamíferos, coma o gamo, a lontra ou o porco teixo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Folleto Parc Natural dels Aiguamolls de l'Enpordà, publicado pola Generalitat de Catalunya, Departament de Medi Ambient i Habitatge. Depósito legal: B-16565-2005.
Ligazóns externas Sección do Parque na Generalitat de Cataluña
Aiguamolls de l'Empordà