Xanuli I da Coruña foi o primeiro señor autónomo de Sifnos (ou Sifanto), unha illa do mar Exeo, entre 1307 e 1322, e fundador da dinastía da Coruña, que gobernou esta illa e parte da de Ceos durante un cento de anos.

Traxectoria Como o seu nome revela, Xanuli da Coruña probablemente procedía da Coruña (denominada Corusia nas fontes orixinais), e foi un cabaleiro da Orde de Malta. Xanuli (ou Januli no orixinal) é unha corrupción do nome en italiano Giovanni, é dicir, de Xan. En 1307, apoderouse da illa de Sifnos, que estaba en mans dos duques de Naxos, renunciando á súa lealdade aos cabaleiros e declarándose o seu señor. Semella que erroneamente, algúns sosteñen que Xanuli pertencía ás compañías catalás que ocuparon parte de Grecia naquel tempo.

Como a maior parte das Cícladas, Sifnos caera baixo o poder do Ducado do Arquipélago da familia Sanudo, como consecuencia da Cuarta Cruzada. A continuación, recuperouna para o Imperio bizantino o aventureiro Licario na década de 1270, e mantívose baixo control bizantino ata a conquista de Xanuli. Os Sanudo, duques do Arquipélago, que consideraban a illa súa por dereito, protestaron a acción de Xanuli, pero foi en balde. Xanuli I mantívose no poder ata 1322, en que o sucedeu o seu fillo Otuli ou Antonio.

Xanuli I casou cunha filla de Federico II Giustiniani Belletto de Ceos, señor dunha parte de Ceos, dunha parte de Serifos e de Sifnos. Con ela tivo ao seu sucesor e a unha filla que casou con Marino Barozzi de la Roche, da familia dos marqueses de Thirasia.

A familia Coruña continuou mantendo a illa como un señorío independente ata 1456, cando pasou á familia Gozzadini, que á súa vez a gobernou ata que foi anexada polo Imperio Otomán en 1617.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados no século XIII Categoría:Finados no século XIV Categoría:Cabaleiros da Orde de Malta Categoría:Nobres de Galicia do século XIII Categoría:Nobres de Galicia do século XIV