A República Cispadana (en italiano: Repubblica Cispadana) foi unha República irmá, un Estado satélite da Primeira República Francesa situado no norte de Italia e que existiu entre 1796 e 1797, cando desapareceu para fusionarse coa República Transpadana e dar orixe á República Cisalpina.

Historia

Durante a Guerra da Primeira Coalición, en marzo de 1796, Napoleón Bonaparte foi nomeado comandante en xefe do exército francés na fronte italiana, onde os franceses levaban loitando desde 1792 contra tropas austríacas e piemontesas da Primeira Coalición. Nunha exitosa serie de campañas relampo, Napoléon invadiu e derrotou o Piemonte en abril e posteriormente venceu as tropas austríacas conquistando ao longo de 1796 o Ducado de Milán e o de Mantua, que estaban baixo soberanía austríaca. Posteriormente invadiu os Estados Pontificios e conquistou a rexión de Emilia-Romaña. A medida que as tropas francesas avanzaban por solo italiano, declaraban disolvida a orde feudal preexistente e apoiaban os republicanos locais.

O Ducado de Módena, lindeiro cos Estados da Igrexa, viuse á súa vez inmerso na marea revolucionaria que trouxeron os franceses, de tal forma que os republicanos locais derrogaron o goberno ducal en agosto de 1796.

As cidades de Módena e Reggio (situadas ambas no Ducado de Módena), así como as cidades de Boloña e Ferrara, pertencentes até entón aos Estados Pontificios, proclamáronse cidades-estado republicanas. O 16 de outubro de 1796 celebraron un congreso na cidade de Módena, onde decidiron unirse para formaren a Federazione Cispadana. O congreso foi organizado de forma non oficial por Napoleón, que necesitaba estabilizar a situación política no norte de Italia e conseguir máis tropas que se uniran ao seu exército na campaña que levaba a cabo contra os austríacos. O congreso proclamou en decembro que as catro provincias cispadanas (Módena, Reggio, Boloña e Ferrara) se constituíran na República Cispadana e invitaron outras vilas e cidades italianas a unírense a ela.

Formouse unha garda cidadá formada por corpos de cazadores e artillaría. A fundación oficial da República Cispadana, segundo o modelo do Directorio francés, non se produciu de maneira oficial até o congreso de Reggio celebrado do 27 de decembro de 1796 ao 9 de xaneiro de 1797, no que se reuniron os representantes das catro cidades. O 7 de xaneiro de 1797 na sala do Arquivo Ducal de Reggio Emilia o congreso decidiu establecer un goberno común. A bandeira elixida foi unha tricolor de bandas horizontais coas cores vermella, branca e verde.

En febreiro de 1797 produciuse a derrota definitiva dos austríacos na rexión ao caer a praza forte de Mantua. Esta conquista francesa permitiu garantir unhas comunicacións seguras entre as cidades cispadanas e a veciña República Transpadana, que se fundara uns meses antes ao norte do río Po. O 29 de xuño de 1797, a República Cispadana foi refundada como República Cisalpina. Uns días máis tarde, o 9 de xullo, o que quedaba da República Transpadana integrouse tamén na República Cisalpina.

Consideracións

O nome da república fai mención ao río Po (en latín Padus). A República Cispadana sería polo tanto, a república que está situada a este lado do Po. Curiosamente, o Po era o río que marcaba a fronteira norte da república, polo que a denominación de Cispadania tomábase desde un punto de vista italiano peninsular e non francés. En caso de que o nome fora posto desde o punto de vista francés, denominaríase República Transpadana, xa que para os franceses, este era o territorio ao outro lado do Po. A utilización do termo cispadano recorda en certa forma á provincia romana da Gallia Cisalpina e tamén incide en certo modo nunha volta a un poder político unitario italiano, que desaparecera da historia italiana durante séculos. A creación das Repúblicas Cispadana e Transpadana a finais do século XVIII pode considerarse por tanto como un dos primeiros fitos no proceso de unificación italiana. Como paradoxo da historia, o termo Padania está ligado na actualidade ao movemento político Liga Norte, que promulga a secesión do norte de Italia.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Louis Bergeon, François Furet e Reinhart Koselleck (1976): Historia Universal 26. La época de las Revoluciones Europeas. 1780-1848. Ed. Siglo XXI de España. ISBN 978-84-323-0219-0 T .C. W. Blanning (1996): The French Revolutionary Wars, 1787-1801. Hodder Education Publishers; ISBN 0-340-64533-4.

Outros artigos Ducado de Milán Guerras napoleónicas Galia Cisalpina República Transpadana República Cisalpina República irmá

Ligazóns externas Il Museo del Tricolore . La Reppublica Cispadana Vídeo da RAI .

Categoría:Estados desaparecidos da Península Itálica Categoría:Guerras Napoleónicas Categoría:Historia de Italia Categoría:Repúblicas irmás Categoría:Repúblicas desaparecidas