miniatura|A Schlosskirche en Weimar. Erschallet, ihr Lieder, erklinget, ihr Saiten!, BWV 172, (Resoade, cancións; vibrade, cordas!) é unha cantata de igrexa de Johann Sebastian Bach, composta en Weimar en 1714 para o domingo de Pentecoste. Bach dirixiu a primeira interpretación da obra o 20 de maio de 1714 na Schlosskirche, a capela da corte do Palacio ducal. Erschallet, ihr Lieder é unha obra temperá nun xénero ao cal Bach contribuíu posteriormente con ciclos de cantatas completos para todos os eventos do ano litúrxico.

Bach foi nomeado Konzertmeister en Weimar na primavera de 1714, un posto que requiría da interpretación dunha cantata de igrexa cada mes. Compuxo Erschallet, ihr Lieder como a terceira cantata na serie, a partir dun texto probablemente escrito polo poeta da corte Salomo Franck. Ese texto reflicte aspectos diferentes do Espírito Santo. O libretista incluíu unha mención do día para o que está prescrita a lectura do Evanxeo no único recitativo, e para o peche coral empregou unha estrofa do himno de Philipp Nicolai "Wie schön leuchtet der Morgenstern" (1599).

A obra está composta en seis movementos e instrumentada para catro solistas vocais, coro de catro partes, tres trompetas, timbais, óboe, fagot e unha orquestra de corda de dous violíns, dúas violas, e basso continuo. A orquestra con motivo do día de celebración é festiva en comparación coas dúas obras compostas anteriormente en Weimar. A cantata abre cun coro, seguido polo recitativo, no que as palabras de Xesús con cantadas polos baixos, como vox Christi (voz de Cristo). Unha aria grave con trompetas dirixe á Santísima Trindade e entón unha aria de tenor describe o Espírito que está presente na Creación. A continuación, séguelle un dúo íntimo da Alma (soprano) e o Espírito (alto), no que un óboe interpreta a ornamentada melodía do himno de Martiño Lutero "Komm, Heiliger Geist, Herre Gott" e un violonchelo solista proporciona a liña de baixo. O tema da intimidade entre Deus e o Home desenvólvese no seguinte coral, despois de que Bach especificara unha infrecuente repetición do coro de abertura.

Mentres Bach servía como Thomaskantor —director de música de igrexa— en Leipzig dende 1723, interpretou a cantata en varias ocasións, ás veces nunha tonalidade diferente e con trocos na partitura. Os musicólogos están de acordo en que lle gustaba o texto do Evanxeo da cantata, "Se me amas...", e o himno de Pentecoste empregado no dúo, empregando tanto o texto como o himno varias veces. John Eliot Gardiner escribe que Bach "valorou particularmente" esta cantata. Contén características que utilizou de novo en composicións máis tardías, como cantatas, oratorios e as súas misas, por exemplo movementos con tres trompetas e timbais nun compás ternario para eventos festivos e dúos como símbolo de Deus e o home.

Historia miniatura|Johann Sebastian Bach compuxo Erschallet, ihr Lieder para o domingo de Pentecoste. Pentecoste, óleo do Greco (ca. 1600). Museo do Prado. Johann Sebastian Bach é coñecido como un prolífico compositor de cantatas. Cando asumiu o cargo de Thomaskantor (director de música da igrexa) en Leipzig en 1723, comezou o proxecto de escribir cantatas de igrexa para os eventos do ano litúrxico —domingos e días festivos. Un proxecto que continuou durante tres anos.

Bach foi nomeado organista e músico de cámara en Weimar na corte dos duques correxentes en Saxe-Weimar, Wilhelm Ernst e o seu sobriño Ernest Augustus I, o 25 de xuño de 1708. Anteriormente, compuxera cantatas sacras, algunhas durante a súa etapa en Mühlhausen dende 1706 a 1708. A maior parte delas foron escritas para ocasións especiais e baseáronse principalmente en textos bíblicos e himnos. Entre elas encóntranse: Aus der Tiefen rufe ich, Herr, zu dir, BWV 131; a cantata coral temperá Christ lag in Todes Banden, BWV 4 de Pascua; Gott ist mein König, BWV 71, para celebrar a inauguración do novo consello da cidade o 4 de febreiro de 1708; e o Actus Tragicus para un funeral.

En Weimar, Bach concentrouse primeiro no órgano, compoñendo grandes obras para este instrumento, incluída a Orgelbüchlein, a Tocata e fuga en re menor, BWV 565, e a Tocata e fuga en mi maior, BWV 566. Christoph Wolff suxire que Bach puido ter estudado material musical pertencente á Hofkapelle, (literalmente «capela da corte» ou orquestra da corte), e que copiou e estudou as obras de Johann Philipp Krieger, Christoph Graupner, Georg Philipp Telemann, Marco Giuseppe Peranda e Johann David Heinichen no período comprendido entre 1711 e 1713. A principios de 1713, Bach compuxo as súas primeiras cantatas no novo estilo que incluía recitativos e arias: a chamada Jagdkantate ou Cantata da caza, BWV 208, como homenaxe a Christian, duque de Saxonia-Weissenfels, celebrada o 23 de febreiro, e, posiblemente, a cantata de igrexa para o domingo de Sexaxésima (o segundo domingo antes da Coresma) Gleichwie der Regen und Schnee vom Himmel fällt, BWV 18, nun texto de Erdmann Neumeister.

En 1713, pedíronlle que optara ao posto de director da Marktkirche en Halle, en substitución de Friedrich Wilhelm Zachow. Zachow ensináralle a un novo Georg Friedrich Händel e compuxera numerosas cantatas no novo estilo, adoptando recitativos e arias da ópera italiana. Bach tivo éxito na súa candidatura para o posto, mais rexeitouno logo de que o duque Wilhelm Ernst incrementara o seu salario e lle ofrecera un ascenso.

Bach ascendeu a Konzertmeister o 2 de marzo de 1714, unha honra que implicaba a interpretación dunha cantata de igrexa mensualmente na Schlosskirche: Foi nomeado:

As circunstancias eran favorables: Bach gozou dun espazo "agradable e íntimo" na capela da corte, chamado Himmelsberg (Castelo do Ceo), e un grupo profesional de músicos da orquestra da corte. Inspirouse nunha colaboración co poeta da corte Salomo Franck, quen proporcionou os textos para a maioría das súas cantatas de igrexa, captando unha "mensaxe teolóxica pura e sincera" en "elegante linguaxe poético". As primeiras dúas cantatas que Bach compuxo en Weimar baseadas en textos de Franck foron Himmelskönig, willkommen sei, BWV 182, para o Domingo de Ramos, que coincidiu coa Anunciación ese ano, e Weinen, Klagen, Sorgen, Zagen, BWV 12 para o Jubilate. Un mes despois de compoñer Erschallet, ihr Lieder, Bach realizou Ich hatte viel Bekümmernis, BWV 21, o terceiro domingo despois da Trindade, de novo sobre un texto de Franck. Erschallet, ihr Lieder, a terceira cantata nesta serie, é a primeira cantata para un día festivo.

Análise Texto miniatura|esquerda|Parte do texto baséase no himno de Martiño Lutero "Komm, Heiliger Geist, Herre Gott". Erschallet, ihr Lieder é a terceira das cantatas de Weimar. Foi a primeira composta para un día festivo, o Domingo de Pentecoste, sendo unha celebración importante entre o Nadal e a Pascua. As lecturas prescritas para o día da festa tómanse dos Feitos dos Apóstolos, sobre o Espírito Santo (), e do Evanxeo de Xoán, no que Xesús anuncia o Espírito que vai ensinar, no seu Discurso de Despedida . Como en moitas cantatas de Bach, o libreto é unha compilación de textos da Biblia, poesía contemporánea e coral. A poesía atribúese a Salomo Franck, a pesar de que os versos non están incluídos nas súas edicións impresas. Varios dos primeiros xestos estilísticos de Bach aparecen aquí, como unha cita bíblica nun segundo movemento recitativo e non nun primeiro movemento coral, arias consecutivas entre si sen un recitativo no medio e o diálogo nun dúo.

O texto de Franck mostra elementos de comezos do pietismo: a expresión de sentimentos extremos, por exemplo, "O seligste Zeiten!" ("Oh tempo feliz!") no coro inicial, e unha "actitude mística", por exemplo no dúo da Alma e o Espírito unidos. Na sección central do primeiro movemento, Franck parafraseou o texto evanxélico, que di no versículo 23 que Deus quere habitar co home, "Gott se sich die Seelen zu Tempeln bereiten" ("Deus mesmo deberá preparar as nosas almas para o Seu templo", máis literalmente: "Deus quere preparar [as nosas] almas para convertelas no seu templo"). As palabras para o recitativo son a cita do versículo 23 do Evanxeo de Xoán: "liebet Wer mich, der wird mein Wort halten" ("O que me ama, gardará a miña Palabra, e o meu Pai amarao, e viremos a el e faremos morada con el"). O terceiro movemento diríxese á Trindade e o cuarto ao Espírito que estivo presente na Creación. O quinto movemento é un dúo da Alma e o Espírito, subliñado por unha transcrición instrumental do himno de Pentecoste de Martiño Lutero "Komm, Heiliger Geist, Herre Gott", que se basea no himno en latín "Veni Sancte Spiritus, reple tuorum corda fidelium". O sexto movemento é un coral, do versículo cuarto do himno de Philipp Nicolai "Wie schön leuchtet der Morgenstern". "Geistlich Brautlied" ("Canción nupcial espiritual") de Nicolai continúa co tema da unidade entre a Alma e o Espírito.

Interpretación miniatura|Johann Sebastian Bach. Co nomeamento de Bach como Konzertmeister e a súa composición mensual e regular de cantatas, conseguiu permiso para celebrar ensaios na igrexa, para garantir un alto nivel de interpretación: "cambiáronse os ensaios das pezas na casa [do Konzertmeister] e ordenouse que sempre deben ter lugar na Kirchen-Capelle [a galería de música na igrexa do palacio], e tamén para poder ser observado polo mestre de capela". A orquestra que tiña a súa disposición estaba composta polos membros da capela da corte, tres directores, cinco cantantes, e sete instrumentistas, ampliable baixo demanda con músicos militares, músicos da cidade e coristas dun Gymnasium.

Bach levou a cabo a primeira interpretación de Erschallet, ihr Lieder o 20 de maio de 1714. O seu fillo Carl Philipp Emanuel Bach lembrou que a dirixiu frecuentemente e tocou o primeiro violín: "el tocaba o violín de xeito limpo e penetrante, e isto fixo que puidera manter á orquestra en mellor orde que se o tivera feito dende o clave". As partes da primeira actuación perdéronse, mais tanto a partitura como o material da interpretación de actuacións posteriores sobreviviron. Bach interpretou a cantata de novo, posiblemente en Köthen entre 1717 e 1722, e varias veces como Thomaskantor en Leipzig. Para a interpretación do 28 de maio de 1724, mudou a instrumentación lixeiramente e traspuxo a obra de dó maior a re maior. Volveu á tonalidade de dó maior para unha actuación o 13 de maio de 1731. Existe unha parte do quinto movemento para órgano dunha actuación posterior.

John Eliot Gardiner apuntou que Bach "apreciaba particularmente" esta cantata e que nela estableceu "un modelo para enfoques posteriores do tema pentecostal". Bach empregou o texto do Evanxeo do recitativo nun movemento coral en outras cantatas para Pentecoste —Wer mich liebet, der wird mein Wort halten, BWV 59 e Wer mich liebet, der wird mein Wort halten, BWV 74.

Partitura e estrutura