Dai Zhen (chinés tradicional e simplificado: 戴震, pinyin: Dài Zhèn; Wade-Giles: Tai4 Chen4), nado en Anhui o 19 de xaneiro de 1724 e finado en Beijing o 1 de xullo de 1777, foi un destacado estudoso chinés da dinastía Qing. Dai foi un estudoso versátil, que fixo grandes contribucións ás matemáticas, á xeografía, á fonoloxía e á filosofía. Editou o Siku quanshu 四庫全書 ("A biblioteca completa dos Catro Tesouros"), unha enciclopedia oficial.

Traxectoria Dai Zhen naceu no 1724 nunha familia pobre, polo que tivo que formarse de maneira autodidacta. Logrou aprobar os exames oficiais de funcionario, pero nunca obtivo un rango importante.

Porén, a súa capacidade académica foi recoñecida polo erudito Jiang Yong (1681-1762), que o aceptou como discípulo.

Grazas á súa sona como erudito, polo que o emperador o nomeou compilador no 1773; dous anos despois, o monarca concedeulle o posto de jinshi na Academia Imperial por decreto especial.

Obra Dai Zhen foi unha figura relevante no eido da filoloxía, aplicando novas metodoloxías ao estudo da lingua. Tamén destacou polos seus estudos de matemáticas, do calendario, e das linguas antigas. Coma outros estudosos da época, interesouse na corrección do neoconfucianismo, xa que estaba convencido de que o traballo de pensadores coma Zhu Xi (1130-1200) estaba demasiado influenciado polas correntes daoístas e budistas.

No campo da ética, defendeu a idea de que os valores morais estaban plenamente integrados na vida cotiá, xa que non son de principios abstractos e transcendentes, senón realidades inmanentes á existencia humana. Así mesmo, enxalzou a compaixón ou shu como fundamento da acción moral.

Tamén fixo achegas en metafísica, a través da súa reformulación do concepto cosmolóxico de li 理 ("patrón, razón").

Influencia Entre os seus contemporáneos, Dai Zhen foi moi recoñecido como matemático e fonólogo, mais non tanto como pensador. Porén, filósofos coma Hong Bang (1745-1779) ou Zhang Xuecheng (1738-1801) gabaron as súas achegas nos campos da metafísica e a ética.

Nos séculos XIX e XX, a súa obra influenciou a reformistas da cultura chinesa como Zhang Taiyan (1868-1936) ou Liang Qichao (1868-1936), que enxalzaron a súa defensa dos oprimidos ante os abusos de poder. A súa visión inmanentista de principios coma o li e os valores morais interesaron aos autores marxistas, xa que o vían como un precursor do materialismo na China dinástica.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Obras de Dai Zhen (Proxecto Gutenberg)

Categoría:Nados en 1724 Categoría:Finados en 1777 Categoría:Confucianismo Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Escritores da China Categoría:Filósofos da China