A endonuclease UvrABC é un complexo multiencimático da bacteria Escherichia coli implicado na reparación do ADN por reparación por escisión de nucleótidos, e denomínase tamén excinuclease. Este proceso de reparación por UvrABC, ás veces chamado proceso de parche curto, implica a eliminación de doce nucleótidos nos sitios onde se produciu unha mutación xenética seguida da acción dunha ADN polimerase, que substitúe eses nucleótidos anormais polos nucleótidos correctos, completando así a reparación do ADN. As subunidades que constitúen este encima están codificadas nos xenes uvrA, uvrB e uvrC. Este complexo encimático pode reparar moitos tipos de danos no ADN, incluíndo a formación de dímero de ciclobutilo.

Mecanismo O mecanismo segue a seguinte secuencia: Dúas proteínas UvrA forman un dímero e ambas as dúas teñen actividade de ATPase/GTPase. O dímero UvrA únese a un dímero UvrB e forma un complexo que pode detectar os danos no ADN. O dímero UvrA funciona como a unidade responsable para a detección de danos no ADN, probablemente por medio dun mecanismo de detección de distorsións na dobre hélice do ADN. Despois da unión do complexo UvrA2B2 a un sitio cun suposto dano, o ADN rodea a UvrB. O dímero UvrA libérase e vaise, e seguidamente chega a proteína UvrC, que se une a UvrB, formando un novo complexo UvrBC. UvrC é responsable da clivaxe de nucleótidos a ambos os lados da zona do ADN danado. Este complexo corta un enlace fosfodiéster situado a catro nucleótidos de distancia augas abaixo do dano no ADN, e corta tamén outro enlace fosfodiéster situado a oito nucleótidos augas arriba do sitio do dano, e créase así un segmento de doce nucleótidos escindido. A ADN helicase II (ás veces chamada UvrD) chega despois e retira o segmento escindido eliminando o apareamento de bases. O UvrB aínda permanece no lugar incluso se nese estadio o UvrC xa se disociou, xa que o UvrB pode estar implicado na prevención do reapareamento de bases (reannealing) do ADN escindido. A ADN polimerase I entra agora e enche a secuencia de nucleótidos correcta, expulsando a UvrB no proceso, e a ADN ligase completa o último enlace fosfodiéster.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Reparación do ADN Endonuclease Reparación por escisión de nucleótidos ADN

Ligazóns externas

Categoría:Hidrolases