300px|miniatura|Gabriel Fauré ao piano. Fotografía de Pierre Choumoff (data descoñecida).
A obra do compositor francés Gabriel Fauré (1845-1924) abrangue varios xéneros musicais, como cancións, música de cámara, pezas orquestrais e corais. As súas obras para piano, escritas entre as décadas de 1860 e 1920, contan con algunhas das súas composicións máis coñecidas.
As obras para piano de Fauré máis significativas son os seus trece nocturnos, trece barcarolas, seis impromptus e catro valses-caprichos. Estas coleccións de pezas foron compostas ao longo dunha extensa carreira que comprende varias décadas. É posible observar a evolución do estilo compositivo de Fauré, que vai dende unha etapa xuvenil caracterizada pola sinxeleza e o encanto, atravesando un período turbulento na súa madurez, ata os seus últimos anos nos que as súas obras están marcadas por un carácter enigmático e misterioso á par que apaixonado e introspectivo. Outras composicións para piano notables, incluíndo pezas curtas ou coleccións compostas ou publicadas dalgún xeito agrupado, son os Romances sans paroles, Ballade en fa díese maior, Mazurca en si bemol maior, Thème et variations en dó díese maior e Huit pièces brèves. Para piano a catro mans, compuxo a Suite Dolly e, xunto co seu amigo e antigo alumno André Messager, Souvenirs de Bayreuth unha parodia entusiasta de Wagner en forma de suite curta.
Gran parte da música de Fauré é difícil de interpretar, mais non é extremadamente virtuosa no seu estilo. Ao compositor non lle gustaban as pasaxes de bravura e a característica predominante da súa música para piano é o seu comedimento clásico e a súa sutileza.
Introdución Aínda que durante boa parte da súa carreira gañouse a vida como organista, o instrumento preferido de Fauré era o piano. Nunca subestimou os retos que supón compoñer para este instrumento, e chegou dicir: «non hai sitio para o recheo na música para piano, hai que pagar ao contado [sic] e facer que sexa interesante todo o tempo. É quizais o xénero máis difícil de todos». Aínda que os seus editores insistían en títulos máis descritivos, el prefería que foran convencionais como «Peza para piano nº X». As súas obras para piano caracterízanse pola clásica lucidez francesa;Slonimsky, Nicholas. «Fauré, Gabriel (-Urbain)», Baker's Biographical Dictionary of Musicians, Schirmer Reference, Nueva York, 2001, data de acceso: 16 de abril de 2016 (require subscrición) non lle impresionaba en absoluto a exhibición pianística, e observou sobre os virtuosos do teclado que «canto máis célebres son, peor tocan as miñas obras». Mesmo un virtuoso como Franz Liszt dixo que a música de Fauré era difícil de interpretar; a primeira vez que tocou unha das súas obras comentoulle ao compositor francés «quedeime sen dedos». Os anos do músico francés como organista influíron nas súas obras para teclado, frecuentemente decorándoas con arpexos, con temas distribuídos entre as dúas mans, o que require de dixitacións máis naturais para organistas que para pianistas. Esta tendencia quizais exacerbábase debido ao feito de que era ambidextro e non sempre sentía a necesidade de seguir a convención de que a melodía estivera asignada á man dereita e o acompañamento á esquerda. O seu amigo e antigo mestre Camille Saint-Saëns escribiulle en 1917: «se hai un Deus para a man esquerda, encantaríame coñecelo e facerlle unha ofrenda antes de dispoñerme a tocar a túa música; o segundo Vals-Capricho é terrible neste sentido; con todo, conseguín chegar ao final a forza de absoluta determinación».
Como persoa, dicíase que Fauré posuía «ese misterioso don insubstituíble e insuperable: o carisma», e esta cualidade é unha característica visible en moitas das súas composicións. As súas primeiras obras para piano teñen influencia do estilo de Chopin e durante toda a súa vida compuxo obras para piano con títulos similares aos do compositor polonés, principalmente nocturnos e barcarolas. Unha influencia aínda maior foi a do compositor alemán Schumann, cuxa música para piano era a que máis admiraba. Os autores de The Record Guide (1955) escriben que Fauré aprendeu de Mozart o seu comedimento e beleza superficial, de Chopin a súa liberdade tonal e longas liñas melódicas, «e de Schumann, os achados inesperados, frecuentes nas seccións de desenvolvemento, e esas codas nas que movementos enteiros ilumínanse de xeito breve pero máxico». Cando era estudante da École Niedermeyer o seu titor introduciuno nas novidades no campo da harmonía, que xa non proscribían determinados acordes como «disonantes».Nectoux, Jean-Michel. «Fauré, Gabriel (Urbain)», Grove Online, Oxford Music Online. Data de acceso: 16 de abril de 2016 (require subscrición) A través do emprego de leves disonancias sen resolver e efectos coloristas, anticipouse ás técnicas empregadas por compositores impresionistas.
Nos seus últimos anos, a súa música —influída polos efectos dunha xordeira cada vez maior— volveuse gradualmente menos carismática e máis austera, marcada polo que o compositor norteamericano Aaron Copland denominou «intensidade sobre un fondo de calma». O crítico Bryce Morrison pon de manifesto que os pianistas frecuentemente prefiren interpretar as súas primeiras obras, ao consideralas máis accesibles, máis que a música do seu último período, que expresa «tal íntima paixón e illamento, á vez que ira e resignación alternándose entre si» que adoita incomodar aos oíntes. O especialista Jean-Michel Nectoux escribe:
Nocturnos miniatura|dereita|Fauré en 1875. Os nocturnos, xunto coas barcarolas, están considerados en liñas xerais como as mellores obras para piano do compositor. Fauré admiraba profundamente a música de Chopin e gustáballe compoñer seguindo as formas e patróns establecidos polo polonés. Morrison apunta que os nocturnos seguen o seu esquema formal, que caracterizábase por contrastar seccións externas tranquilas con episodios centrais máis animados ou axitados. Philippe Fauré, fillo do compositor, dixo que os nocturnos «non necesariamente se baseaban en ensoñacións ou en emocións inspiradas pola noite. Trátase de pezas líricas, frecuentemente apaixonadas, ás veces angustiosas ou completamente elexíacas».
Nocturno nº 1 en mi bemol menor, Op. 33/1 (circa 1875) Nectoux cualifica o primeiro nocturno como unha das mellores obras do período temperán do compositor. Está adicado, do mesmo xeito que a súa canción Après un rêve, á súa amiga e mecenas Marguerite Baugnies. Morrison defíneo como «enclaustrado e elexíaco». Aínda que se publicou co número de opus 33/1 en 1883, fora composto contra o ano 1875. Comeza cunha melodía lenta e pensativa, seguida dun segundo tema algo máis axitado e outra melodía en dó maior, para concluír cunha repetición do tema inicial. Segundo a pianista e académica Sally Pinkas, a obra contén moitas características típicas do estilo de Fauré, e nela «xa se evidencian os ritmos ondulantes, o acompañamento sincopado e a melodía e texturas estratificadas».
Nocturno nº 2 en si maior, Op. 33/2 (c. 1880) O segundo nocturno comeza cunha pasaxe en andantino espressivo que lembra —aínda que Fauré admitira que foi algo non buscado— ao son das campás que tan frecuentemente oía de pequeno. Nectoux sinala «o lixeiro episodio no que se alternan quintas e sextas» e o seu troco entre pasaxes extremadamente delicadas e apunta a influencia de Saint-Saëns na sección allegro ma non troppo escrita en estilo toccata. O propio Saint-Saëns declarou que a peza era «absolutamente hipnotizante».
Nocturno nº 3 en la bemol maior, Op. 33/3 (c. 1882) No terceiro nocturno, Morrison apunta que o gusto do compositor polas sincopas está no seu punto máis moderado, e descríbeo coas palabras «nostalxia acendida con paixón». Como os seus predecesores, está escrito en forma tripartita. Unha longa melodía con acompañamento sincopado na man esquerda continúa seguidamente nunha sección central na que un tema en dolcissimo metamorfoséase en estalidos de paixón. A repetición temática da sección inicial conclúe cunha suave coda que introduce novas sutilezas harmónicas.
Nocturno nº 4 en mi bemol maior, Op. 36 (c. 1884) O cuarto nocturno, adicado á condesa de Mercy-Argenteau, contrasta unha sección inicial lírica cun episodio en mi bemol menor cun sombrío tema que lembra o tanguido dunha campá. O primeiro tema regresa e a peza culmina cunha breve coda. O pianista Alfred Cortot, normalmente grande admirador de Fauré, encontrou que a peza «regodeábase demasiado na súa languidez».
Nocturno nº 5 en si bemol maior, Op. 37 (c. 1884) En contraste coa peza anterior, o quinto nocturno é moito máis animado, con inesperados trocos a tonalidades afastadas. Nectoux salienta o seu perfil ondulante e «o carácter improvisatorio e inquisidor» do tema inicial.
miniatura|esquerda|Retrato de Fauré por John Singer Sargent, 1896. Nocturno nº 6 en re bemol maior, Op. 63 (1894) O sexto nocturno, adicado a Eugène d'Eichthal, é amplamente considerado un dos de maior calidade da serie. Cortot dixo, «hai poucas páxinas musicais comparables a estas». Morrison considéraa «unha das obras para piano máis exquisitas e elocuentes de Fauré». A pianista e escritora Nancy Bricard cualifícaa como «unha das obras da literatura pianística máis apaixonadas e emotivas». Fauré compúxoa logo de seis anos sen escribir nada para piano. A peza comeza cunha frase chea de emocións, que lembra ao ciclo de cancións La bonne chanson. O segundo tema, que ao principio pode parecer tranquilo, ten o que o compositor francés Charles Koechlin denomina unha inquedanza persistente, enfatizada polo acompañamento sincopado. O tema inicial volve e é seguido dun desenvolvemento substancial dunha melodía suave e contemplativa. Unha recapitulación do tema principal leva a peza á súa conclusión. Copland escribiu que esta foi a obra na que o compositor francés emerxeu por completo da sombra de Chopin, e dixo da mesma: «A forza e dignidade da melodía inicial, a inqueda sección en dó díese menor que lle segue (coas peculiares harmonías sincopadas que tan frecuentemente e tan acertadamente empregaba), a graciosa fluidez do terceiro tema: todos estes elementos alcanzan un tormentoso clímax na breve sección do desenvolvemento; logo, tras unha pausa, regresa o consolador tema inicial».Copland, Aaron. «Gabriel Fauré, a Neglected Master». The Musical Quarterly, outubro de 1924, pp. 573-586, Oxford University Press, data de acceso 17 de abril de 2016 (require subscrición)
Nocturno nº 7 en dó díese menor, Op. 74 (1898) O sétimo nocturno apártase da forma ABA dos primeiros; dende o punto de vista de Pinkas está construído máis como unha balada que como un nocturno. Comeza cun tema molto lento ambiguo harmonicamente, seguido dun segundo tema, tamén de tonalidade ambigua, aínda que sobre o papel marque re maior. A sección central está en fa díese maior e coa reaparición do primeiro tema a peza conclúe. Morrison encontra neste nocturno unha sensación de baleiro ou desolación e ve nel a loita do compositor fronte á desesperación. Pinkas, con todo, ve na obra un «contraste entre a ambigüidade e a ledicia, que termina de xeito reconfortante». É coñecido ás veces como o nocturno «inglés», dado que a súa creación tivo lugar cando Fauré estaba no Reino Unido. Está adicado á pianista inglesa Adela Maddison.
Nocturno nº 8 en re bemol maior, Op. 84/8 (1902) Fauré non tiña pensado que o oitavo nocturno aparecera con esta nomenclatura. O seu editor reuniu oito pezas curtas para piano e publicounas xuntas como 8 pièces brèves, dándolle a cada unha delas un título sen a aprobación do compositor. O nocturno, a última das pezas breves, é máis curto e complexo que o seu predecesor, e consiste nun tema principal en forma como de canción cun delicado acompañamento de semicorcheas coa man esquerda.
miniatura|dereita|Portada do noveno nocturno, 1908. Nocturno nº 9 en si menor, Op. 97 (1908)