Audioslave foi un supergrupo estadounidense de hard rock, rock alternativo e post-grunge formado en Glendale (California) no ano 2001 e separado no ano 2007. Os membros do grupo foron o daquela ex-vocalista de Soundgarden Chris Cornell, e os ex-membros de Rage Against the Machine Tom Morello (guitarra), Tim Commerford (baixo) e Brad Wilk (batería). A crítica describiu inicialmente o grupo como unha combinación de Soundgarden e Rage Against the Machine, pero trala publicación do seu segundo álbum Out of Exile os medios afirmaron de forma unánime que o grupo establecera unha identidade diferente.
O grupo creou o seu propio son característico ao mesturar o hard rock típico dos anos 1970 co rock alternativo dos anos 1990, con Morello incorporando os seus característicos solos de guitarra nesta mestura. Ao igual que Rage Against the Machine, o grupo reafirmouse no feito de que tódolos sons dos seus álbums fosen producidos empregando só guitarras, baixo, batería e voces.
Nos seus seis anos de existencia Audioslave publicou tres álbums, recibiu tres nomeamentos aos Premios Grammy e converteuse no primeiro grupo estadounidense de rock en tocar nun concerto ao aire libre en Cuba. O grupo separouse en febreiro do 2007 cando Cornell publicou unha nota de prensa anunciando que marchaba de forma permanente do grupo debido a conflitos de personalidade e diferentes opinións musicais. A xira de reunión de 2007 de Rage Against the Machine que fixeron os restantes membros do grupo así como os álbums en solitario publicados nese mesmo ano por Morello e Cornell cimentaron a disolución permanente do grupo.
Historia Formación (2000–2001) A historia de Audioslave remóntase ao 18 de outubro de 2000 cando Zack de la Rocha, vocalista de Rage Against the Machine, anunciou que deixaba o grupo por diferenzas co resto dos membros. Rage Against the Machine disolveuse como resultado desta saída, pero os tres membros restantes Tim Commerford, Tom Morello e Brad Wilk decidiron seguir xuntos e anunciaron os seus plans de continuar tocando cun novo vocalista. O grupo fixo probas con varios aspirantes, incluíndo a B-Real de Cypress Hill, pero finalmente decidiron que non querían unirse con outro rapeiro ou con alguén que soase como de la Rocha. O produtor musical e amigo deles Rick Rubin suxeriulles que tocasen con Chris Cornell, o antigo líder de Soundgarden, e convenceunos tamén para que asistisen a terapia de grupo con Phil Towle trala disolución do grupo. En opinión de Rubin, Rage Against the Machine tiña potencial para converterse nun mellor grupo cunha nova voz, afirmando que podería ser unha nova situación como a de "Yardbirds - Led Zeppelin". Posteriormente, Commerford acreditaría a Rubin por ser o catalizador do novo grupo.
A química entre Cornell e os outros tres membros foi aparente dende o comezo, segundo propias declaracións de Morello: "Non soaba só ben. Non soaba xenial. Soaba transcendente". O cuarteto escribiu 21 temas durante 19 días de ensaio e comezou a traballar no estudio a finais de maio do 2001 con Rubin como produtor, ao mesmo tempo que solucionaban as cuestións de discográfica e xestión.
Audioslave (2002–2003) 200px|miniatura|dereita|Chris Cornell no 2005 O 19 de marzo de 2002 Audioslave confirmouse para o sétimo festival anual Ozzfest, malia que nese momento o grupo aínda non tiña nome oficial ou data de publicación para o seu álbum de estrea. Poucos días despois xurdiron novas que informaban sobre a ruptura do grupo sen que chegasen a actuar en público, e o representante de Chris Cornell confirmou que este deixara o grupo sen dar ningunha explicación. Baixo o nome de "Civilian" (ou "The Civilian Project"), 13 mesturas non finalizadas dos temas nos que o grupo estivera traballando no estudio foron filtradas nas redes peer-to-peer en maio de 2002. Segundo Morello o grupo sentiuse frustrado por este feito xa que os temas non estaban finalizados e nalgúns casos os temas filtrados nin sequera contiñan as mesmas letras nin a mesma música que eles produciran.
Os primeiros rumores suxeriron que Cornell non estaba de acordo en ter dous representantes involucrados de forma activa no proxecto, xa que Jim Guerinot representaba a Cornell mentres que Peter Mensch era o representante de Rage Against the Machine. Segundo declaracións do grupo posteriores, a separación non foi por problemas persoais entre os membros, senón por disputas entre os representantes. Ao finalizar a remestura do álbum unhas seis semanas despois, o grupo reformouse, despediu de forma simultánea aos dous representantes e contrataron a compañía The Firm como novo representante. Os seus anteriores selos discográficos Epic e Interscope chegaron a un acordo para alternarse na publicación dos futuros álbums do grupo.
Audioslave anunciou o seu novo nome oficial e lanzou unha páxina web oficial a comezos de setembro dese ano. O seu primeiro sinxelo titulado "Cochise" foi publicado en liña a finais dese mes, e comezou a soar nas radios a comezos de outubro. A crítica loou o estilo vocal de Cornell, moi diferente do estilo rapeado de de la Rocha, considerando o cambio como un retorno do grupo ao tipo de sons que foran a súa inspiración. O director Mark Romanek gravou un vídeo musical para "Cochise," no que se ve ao grupo tocando no teito dunha torre en construción nos Ánxeles, mentres que un conxunto de fogos artificiais serve de sistema de iluminación. O ruído dos estoupidos destes foguetes durante a gravación resultou en chamadas de aviso ás autoridades por medo a un ataque terrorista por parte dos residentes da zona preto a esta localización.
O seu álbum homónimo de estrea Audioslave foi publicado o 19 de novembro de 2002, acadando o número 7 da lista Billboard 200 tras vender 162 000 copias na súa primeira semana no mercado. Certificouse como disco de ouro pola RIAA ao mes da súa publicación, acadando a certificación de triplo platino no 2006. Foi o álbum con máis éxito comercial de Audioslave, vendendo máis de tres millóns de copias tan só nos Estados Unidos. Malia este éxito comercial, a crítica non foi unánime con este álbum. Algúns críticos cualificaron o traballo do grupo como falto de inspiración, e predicible. Pitchfork Media loou a voz de Chris Cornell, pero criticou o resto de aspectos do álbum, cualificando as letras como "un completo galimatías" e a produción de Rubin como "un produto de rock sintetizado que non emite ningunha calor". Porén, outros críticos destacaron positivamente o estilo do supergrupo, con reminiscencias do rock dos anos 1970 e comparándoo ao estilo de Led Zeppelin e Black Sabbath, afirmando que engadía un son e estilo moi necesarios na corrente principal dese momento.
A primeira actuación en directo do grupo foi o 25 de novembro de 2002, tocando brevemente no teito do Ed Sullivan Theater de Broadway, Nova York, para o programa de televisión Late Show with David Letterman. O 7 de decembro dese mesmo ano tivo lugar a primeira actuación de pago do grupo, como parte do evento KROQ Almost Acoustic Christmas. Case o final do conxunto de seis temas tocados polo grupo, Cornell declarou cara a audiencia "Estes tipos salváronme a vida este ano", e a actuación finalizou cunha aperta de tódolos membros do grupo. Os medios preguntáronlle posteriormente a Cornell sobre estes eventos, ao que só respondeu que durante meses levaba arrastrando ao trío "por un camiño de merda".
Nesta época xurdiu o rumor de que Cornell ingresara voluntariamente nun centro de rehabilitación, o que el mesmo confirmaría posteriormente nunha entrevista telefónica con Metal Hammer. Nun artigo do San Diego CityBEAT Cornell explicou que atravesara unha "crise persoal horrible" durante a produción do primeiro álbum do grupo, pasando dous meses en rehabilitación separado da súa esposa. Tamén afirmou que Morello, Commerford e Wilk lle axudaran a recuperarse deste difícil período, e negou que o motivo da rehabilitación fose unha adicción a oxicodona ou a heroína, afirmando no seu lugar que fora por "varios motivos, principalmente pola bebida".
"Like a Stone", o segundo sinxelo do disco Audioslave, publicouse a comezos do ano 2003. Foi o sinxelo mellor situado nas listas deste disco, chegando ao primeiro posto nas listas Mainstream Rock Tracks e Modern Rock Tracks de Billboard. Recibiu a certificación de ouro pola RIAA, converténdose no sinxelo de máis éxito de Audioslave. O vídeo musical deste sinxelo foi escrito e dirixido por Meiert Avis, rodado na casa dos Ánxeles na que Jimi Hendrix escribiu Purple Haze. A MTV vetou o vídeo musical do terceiro sinxelo, "Show Me How to Live", presuntamente por amosar o grupo nunha persecución a altas velocidades na que botaban a automóbiles e motos de policía fóra da estrada. O seu primeiro DVD musical titulado Audioslave publicouse o 29 de xullo de 2003, e nese mesmo ano o grupo realizou unha xira mundial que recibiu críticas positivas polas súas actuacións en directo, incluíndo unha actuación no renovado festival Lollapalooza.
Out of Exile (2004–2005) 200px|miniatura|dereita|Tim Commerford en 2005 En 2004 Audioslave foi un dos nomeados na 46ª edición dos Premios Grammy. "Like a Stone" foi nomeado ao premio "Best Hard Rock Performance" e Audioslave ao premio "Best Rock Album." O grupo pasou o resto dese ano sen facer ningunha xira e enfocaron o traballo no seu segundo álbum. Tom Morello concentrouse no seu proxecto en solitario The Nightwatchman e nas súas actividades políticas, mentres que Chris Cornell finalizou o seu divorcio coa súa primeira muller e casou de novo con Vicky Karayiannis, unha publicista parisiense que coñeceu durante a primeira xira europea de Audioslave.
O grupo xa comezara a traballar no novo álbum no 2003 mentres estaban de xira no Lollapalooza, continuando o traballo de estudio ao final dese ano. A maiores de material novo, o grupo tamén tiña varios temas non incluídos en Audioslave, e segundo Morello xa tiñan "cousas xa feitas para case encher outro álbum". "Be Yourself" foi o primeiro sinxelo do que sería ese segundo álbum, daquela aínda sen título oficial, e recibiu algunhas críticas negativas que o tacharon de "débil" e de ter "letras eslamiadas e sen unha dirección". Malia esas críticas negativas, o sinxelo acadou o primeiro posto nas listas "Mainstream" e "Modern Rock" de Billboard.
En abril de 2005 o grupo comezou unha xira por varios clubs que durou ata finais de maio. Aínda que en xiras previas xa tiñan tocado de forma ocasional versións dos temas dos seus grupos anteriores, nesta ocasión evitaron facelo de forma deliberada para evitar usar eses temas como apoio de cara ás vendas de discos e para establecer a Audioslave como unha entidade independente. Cando consideraron ese obxectivo cumprido volveron a tocar unha selección deses temas na xira, como por exemplo "Black Hole Sun" e "Bulls on Parade".
O segundo sinxelo deste novo álbum, titulado "Your Time Has Come", publicouse a través dunha promoción especial que durou unha semana, na que varias emisoras de radio publicaron unha ligazón nas súas respectivas páxinas web cara a unha descarga programada do tema. Cando se chegou ao millón de persoas, o ficheiro desbloqueouse e puido ser descargado por todos eles.
200px|miniatura|esquerda|Tom Morello en 2005