Fabiola Gianotti, nada en Roma o 29 de outubro de 1960, é unha física de partículas italiana e a primeira muller en ser a directora xeral do CERN de Xenebra. O seu mandato comezou o 1 de xaneiro de 2016 e ten unha duración de cinco anos. Na 195ª sesión, o Consello do CERN escolleu a Fabiola Gianotti como a próxima Directora Xeral da Organización para unha segunda sesión de mandato. O nomeamento formalizarase na sesión do Consello en decembro, e o novo mandato de cinco anos de Gianotti comezará o 1 de xaneiro de 2021 e continuará até o 2025. Esta é a primeira vez na historia do CERN que un Director Xeral é escollido para un segundo mandato.

Traxectoria Filla dun xeólogo natural de Asti e dunha experta en literatura siciliana, aos sete anos trasladouse coa súa familia de Roma a Milán, onde estudou na escola secundaria Tommaseo e na escola secundaria das Ursulinas. A lectura da biografía de Marie Curie e a explicación de Albert Einstein sobre o efecto fotoeléctrico achegárona aos temas científicos e, en particular, á física, na que se licenciou cunha especialidade en física subnuclear en 1984 na Universidade Estatal de Milán. No mesmo ano, comezou a realizar estudos de doutoramento en investigación sobre partículas elementais trala atribución do Premio Nobel a Carlo Rubbia. O devandito traballo tratou a análise dos datos do experimento UA2.

Comezou a formar parte do CERN en 1987 traballando en varios experimentos, incluíndo UA2 no Super Proton Synchrotron (SPS) e ALEPH en LEP, precursor do Gran colisor de hadróns. En 1990, comezou a estudar o argon líquido. En febreiro de 1992, participou no experimento ATLAS, que contou coa colaboración de máis de 3000 expertos, na súa maioría físicos de 38 países de todo o mundo, e é considerado o maior experimento científico realizado nunca. Despois de ser coordinadora de 1999 a 2003, elixida polos seus compañeiros e compañeiras, retomou este posto dende 2009 ata 2013. Como voceira de ATLAS, o 4 de xullo de 2012 anunciou no auditorio do CERN, xunto con Joseph Incandela, voceiro do experimento CMS, a primeira observación dunha partícula compatible co bosón de Higgs.

Forma parte do comité asesor de física en Fermilab nos Estados Unidos e da Accademia dei Lincei para a clase de ciencias físicas. Dende 2013, é profesora honorífica na Universidade de Edimburgo.

No 2013 participou na película documental Particle Fever.

O 4 de novembro de 2014 foi seleccionada polo consello do CERN, na súa 173ª sesión, para o cargo de directora xeral, converténdose na primeira muller en recibir esta designación. Dende o 1 de xaneiro de 2016 é oficialmente a nova directora xeral do CERN.

No 2017 foi invitada a unirse formar parte do Grupo Bidelberg. O 6 de novembro de 2019 foi seleccionada polo consello do CERN, na súa 195ª sesión, para un segundo mandato como directora xeral. Foi a primeira vez na historia do CERN na que se volve elixir a mesma persoa para un segundo mandato. Gianotti liderará o centro de investigación ata 2025.

Vida privada Fixo a carreira de piano no Conservatorio de Milán, e ademais practicou ballet.

Declarouse crente. Tamén afirmou que o estudo da natureza leva ao ser humano a pensar nun intelecto ordenador: "O que vexo na natureza, a súa sinxeleza, a súa elegancia, achéganme á idea dunha mente intelixente que ordena". Noutra entrevista respondeu: "Si, creo. A ciencia é compatible coa fe e non hai contradicións. O importante é separar os dous ámbitos: ser crentes ou non crentes, a física non nos dará unha resposta".

Recoñecementos profesionais O 7 de decembro de 2012, o Concello de Milán outorgoulle o premio Ambrogino d'oro.

O 11 de decembro de 2012 compartiu o Premio de Física Fundamental con outros galardoados.

A revista Time clasificouna no quinto lugar na clasificación de Persoas do ano 2012. O primeiro posto foi concedido ao presidente Obama.

En 2013 fóronlle asignados: o Premio Nonino, coa seguinte motivación: "O Premio Nonino premia nela a excelencia dunha investigación que ten un potencial inmenso, pero que por desgraza a miúdo é humillada no noso país". o premio Enrico Fermi da Sociedade Italiana de Física.

No mesmo ano situárona no septuaxésimo oitavo lugar da lista das 100 mulleres máis poderosas do mundo segundo a revista Forbes. Dedicáronlle un asteroide, 214819 Gianotti.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1960 Categoría:Nados en Roma Categoría:Suízos de ascendencia italiana Categoría:Alumnos da Universidade de Milán Categoría:Físicos de Italia Categoría:Membros da Accademia Nazionale dei Lincei