A década de 2010 abrangue o período entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2019.
Foi unha década que na súa primeira metade seguiu fortemente marcada pola crise económica mundial que comezou en 2008. A día de hoxe, fálase dela como a «Segunda Gran Recesión». A crise de débeda soberana puxo en xaque á Unión Europea, xa que catro estados membros da Zona Euro (Grecia, Irlanda, Portugal e Chipre) tiveron que ser rescatados. O Reino Unido no 2016 tras un referendo converteuse no primeiro estado membro da UE que decidiu abandonar a Unión.
A Primavera árabe marcou os primeiros meses do ano 2011. Unhas revolucións sen precedentes en varios países árabes serviron para acabar con réximes ditatoriais que os gobernaron por varias décadas en países como Tunisia, Exipto ou Libia. Porén, a gran inestabilidade dos países árabes provocou que grupos fundamentalistas islámicos como o Estado Islámico apareceran e tomaran extensas zonas en Siria, Iraq, Exipto e Libia. Aínda que se formou unha coalición contra o EI non se evitou que este cometera numerosos atentados en Europa, en lugares como Francia (atentado na sede de Charlie Hebdo en xaneiro de 2015, os atentados de París de novembro dese mesmo ano, e o atentado de Niza de 2016), ou Bélxica (atentados de Bruxelas de 2016). Ademais, os terroristas islámicos cometeron numerosos atentados en países musulmáns como Turquía, Tunisia, Exipto ou Iraq.