Os grúidos (Gruidae) son unha familia de grandes aves de longas patas e pescozos da orde Gruiformes, que se chaman comunmente grous, e grúas as femias. Hai quince especies de grous clasificados en catro xéneros. A diferenza de aves de aspecto similar pero non relacionadas como as garzas, os grous voan cos pescozos estirados en vez de dobrados cara a atrás. Os grous viven en todos os continentes agás na Antártida e Suramérica. Visitan Galicia ocasionalmente as especies Grus grus (grou eurasiático ou, simplemente, grou) e Anthropoides virgo (grou pequeno), polo que figuran na Lista de aves de Galicia.

Aliméntanse de forma oportunista e cambian a súa dieta segundo a estación e as súas propias necesidades de nutrientes. Comen diversos alimentos de tamaño axeitado desde roedores, peixes, anfibios e insectos ata cereais, bagas e plantas.

Os grous constrúen niños de tipo plataforma en augas pouco profundas e normalmente poñen dous ovos por posta. O macho e a femia axudan na crianza dos fillos, os cales permanecen con eles ata a seguinte estación de apareamento.

Algunhas especies e poboacións de grous migran a longas distancias; outras non migran en absoluto. Os grous son solitarios durante a estación reprodutora, cando se xuntan en parellas, pero durante o resto do ano son gregarios, formando grandes bandadas alí onde son abundantes.

A maioría das especies de grous foron afectadas polas actividades humanas e están clasificadas polo menos como ameazadas, se non en crítico perigo.

Descrición miniatura|esquerda|A área espida da pel na cara do grou Grus canadensis. Esta pode cambiar de cor ou mesmo ampliarse cando a ave está excitada.

Os grous son aves grandes ou moi grandes, e entre elas están as aves voadoras máis altas do mundo. O seu tamaño vai desde o da Anthropoides virgo (ou Grus virgo), que mide 90 cm de lonxitude, ao do Antigone antigone (antes Grus antigone), que chega só a 176 cm, aínda que a máis pesada delas é o Grus japonensis, que pode pesar 12 kg antes de migrar. Son aves de patas e pescozos longos con corpos aerodinámicos e grandes ás arredondadas. Os machos e femias non varían en aparencia externa, pero a media de tamaños dos machos adoita ser lixeiramente maior que a das femias.

A plumaxe dos grous varía co hábitat. As especies que habitan en vastas zonas húmidas abertas adoitan ter máis área branca na súa plmaxe que as especies que habitan zonas húmidas menores ou hábitats forestais, que tenden a ser máis grises. Estas especies brancas xeralmente son tamén máis grandes. O menor tamaño e cor das especies forestais crese que lles axuda a manter un perfil menos visible cando están aniñando; dúas destas especies (Grus grus e Grus canadensis) tamén enzoufan as súas plumas con lama para esconderse mellor mentres están aniñando.

miniatura|Esquema da traquea longa e enroscada que produce as potentes chamadas do grou Grus canadensis. A maioría das especies de grous teñen algunhas áreas de pel espida na face; as únicas dúas excepcións son Grus paradisea e Anthropoides virgo. Esta pel sen plumas úsana na comunicación con outros grous, e pode ampliarse contraendo ou relaxando músculos e cambia a intensidade da súa cor. As plumas da cabeza poden moverse e erguerse para comunicarse nos casos das especies Grus paradisea Grus carunculata e Anthropoides virgo.

Tamén é importante na comunicación a posición e lonxitude da súa traquea, que se asocia co óso esterno o mesmo as súas placas óseas se fusionan con el. Nos grous Balearica pavonina e Balearica regulorum a traquea é máis curta e só está lixeiramente impresionada sobre o óso esterno, mentres que a traquea das outras especies é máis longa e penetra no esterno. Nalgunhas especies todo o esterno está fusionado coas placas óseas da traquea, e isto axuda a amplificar as chamadas dos grous, permitíndolles que se oian a varios quilómetros.

Distribución e hábitat miniatura|Anthropoides virgo en Mongolia. As poboacións de Asia Central desta especie migran ao norte da India no inverno.

Os grous teñen unha distribución cosmopolita, e poden verse na maioría dos continentes. Porén, están ausentes da Antártida e, misteriosamente, de Suramérica. O leste de Asia é o centro da diversidade dos grous, onde viven oito especies, seguida de África, onde residen cinco especies e invernan poboacións dunha sesta especie. Australia, Europa e Norteamérica teñen dúas especies. Dos catro xéneros de grúidos, dous, Balearica (con dúas especies) e Bugeranus (unha especie) están restrinxidas a África, e o terceiro, Anthropoides, ten unha única especie completamente africana e outra máis que se encontra en África, Asia e Europa. O restante xénero, Grus, contén a maioría das especies e é o máis estendido, aínda que só unha das súas especies aparece en África como migrante invernal.

A maioría das especies de grous dependen das zonas húmidas e precisan grandes áreas de espazo aberto. A maioría das especies de grous aniñan en zonas húmidas de pouca profundidade. Algunhas especies aniñan en zonas húmidas pero trasladan os seus poliños ás praderías para alimentarse (e tornan ás zonas húmidas pola noite), mentres que outras permanecen nas zonas húmidas durante toda a estación reprodutora. Incluso as dúas especies do xénero Anthropoides, que poden aniñar e alimentarse en praderías (mesmo en praderías secas e desertos), necesitan as zonas húmidas para repousar durante a noite. As únicas dúas especies que non sempre repousan nas zonas húmidas son os grous africanos do xénero Balearica, que son as únicas que se pousan nas árbores.

Algunhas especies de grous son sedentarias, e permanecen na mesma área todo o ano, outras son moi migratorias, e viaxan miles de quilómetros todos os anos desde os seus lugares de reprodución. Unhas poucas especies teñen tanto poboacións migratorias coma sedentarias.

Comportamento e ecoloxía miniatura|Grus grus en Israel. Moitas especies de grous reúnense en grandes grupos durante a migración e nos territorios de invernada.

Os grous son aves diúrnas que varían a súa socialidade segundo a estación. Durante a estación do apareamento son territoriais e normalmente permanecen no seu territorio todo o tempo. Pero na estación non reprodutora tenden a ser gregarias, formando grandes bandadas para repousar e socializarse e nalgunhas especies alimentarse. As especies que se alimentan predominantemente de materia vexetal na estación non reprodutora xúntanse en bandadas para facelo, mentres que as que se alimentan de animais normalmente aliméntanse en grupos familiares, xuntándose en bandadas só durante os períodos de descanso, ou para preparar as viaxes migratorias. Estas grandes agregacións de grous son importantes para a súa seguridade cando descansan e tamén como sitios onde os xoves non emparellados encontran a outros individuos.

Chamadas e comunicación

Os grous son moi vocalizadoras e teñen un gran vocabulario de chamadas especializadas. As vocalizacións empezan pouco despois de eclosionaren con chamadas de contacto baixas rosmantes para manter contacto cos seus pais, e tamén chamadas para pedir alimento. Outras chamadas usadas polos pitiños inclúen chamadas de alarma e chamadas de "intención de voar", que as seguen facendo ambas durante a idade adulta. As chamadas de dúo dos grous son as máis impresionantes. Poden utilizalas para o recoñecemento individual (ver abaixo a ligazón externa).

Alimentación miniatura|Anthropoides paradisea alimentándose no zoo de Roterdam.

Os grúidos poden comer unha gran variedade de alimentos, de orixe animal ou vexetal. Cando se alimentan en terra non asolagada comen sementes, follas, noces, landras, bagas, outras froitas, insectos, vermes, caracois, pequenos réptiles, mamíferos e aves. En zonas húmidas comen raíces, rizomas, tubérculos e ou partes aéreas das plantas, moluscos, peixes pequenos e anfibios. A composición exacta da dieta varía segundo a localidade, estación e dispoñibilidade. Dentro da ampla gama de alimentos consumidos hai algúns patróns; as especies con bicos máis curtos xeralmente comen en terras máis secas, mentres que as de bico mís longo se alimentan máis en zonas húmidas.

Os grous empregan diferentes técnicas para procurar os distintos tipos de alimentos. Os tubérculos e rizomas obtéñenos escavando e os grous fan unha escavación inicial e despois amplían o burato para atopalos. En contraste con esta técnica ou a de agardaren quietas e vixiaren cando cazan (igual que fan as garzas), poden tamén buscar insectos e presas animais ao moverse lentamente cara a adiante coa cabeza baixa e sondando a auga cos peteiros.

Onde vive máis dunha especie de grou, cada especie adopta un nicho distinto para minimizar a competición por solapamento de nichos. Nun importante lago da provincia de Jiangxi na China, o grou siberiano Grus leucogeranus aliméntase en lameiras e en augas pouco fondas, o Grus vipio nos límites das zonas húmidas, o Grus monacha en prados de xuncos, e estas dúas últimas especies tamén se alimentan en campos agrícolas xunto cos Grus grus.

Reprodución esquerda|miniatura|Cabeza e pescozo de Anthropoides virgo

O grous reprodúcense mantendo unha monogamia permanente, xa que establecen lazos de parella a longo prazo que poden durar toda a vida dos animais. Os lazos de parella empezan a formarse no segundo ou terceiro anos de vida, pero isto pode acontecer varios anos antes da primeira tempada reprodutora con éxito, xa que os intentos iniciais de reprodución a miúdo fracasan, e en moitos casos poden desfacerse as parellas ("divorcio") despois de intentos de reprodución fracasados. As parellas que teñen éxito reprodutivo repetidamente permanecen xuntas mentres o sigan tendo. Nun estudo feito sobre Grus canadensis en Florida, 7 de cada 22 parellas estudadas permaneceron xuntas durante un período de 11 anos. Das parellas que se separaron o 53% foi debido a que morreu un dos membros, o 18% debido a un "divorcio" e do 29% restante non se sabe a razón. Obtivéronse resultados similares por monitorización acústica (sonografía / análise de frecuencias sonoras do dúo e chamadas de protección) en tres áreas de reprodución de Grus grus en Alemaña durante 10 anos.

Os grous son territoriais e xeralmente reprodutores estacionais. A estacionalidade varía tanto entre especies coma dentro dunha especie, dependendo das condicións locais. As especies migratorias empezan a reproducirse unha vez que chegan aos seus terreos de reprodución de verán, entre abril e xuño. Porén, a estación reprodutora das especies tropicais xeralmente está sincronizada para coincidir coa estación húmida ou monzónica. O tamaño dos territorios tamén varía dependendo da localidade. As especies tropicais poden manter territorios moi pequenos, por exemplo os Grus antigone na India poden reproducirse en territorios de só unha hectárea nas que a área é de calidade suficiente e as molestias causadas polos humanos están minimizadas. Ao contrario, os territorios de Grus japonensis poden ser de 500 hectáreas, e as parellas poden defender mesmo territorios aínda máis grandes, de ata mil hectáreas. A defensa do territorio realízaa xeralmente o macho. A causa disto, é moito menos probable que conserven o territorio as femias que os machos en caso de morte do outro membro da parella.

Taxonomía e sistemática miniatura|upright|Balearica regulorum en catividade en Martin Mere, no Reino Unido. miniatura|upright|Grus japonensis (xénero Grus).

Hai 15 especies vivas de grous distribuídas en catro xéneros:

SUBFAMILIA BALEARICINAE Xénero Balearica Balearica pavonina Balearica regulorum SUBFAMILIA GRUINAE Xénero Grus Grus grus Grus canadensis (sinónimo Antigone canadensis) Grus americana Grus antigone (sinónimo Antigone antigone) Grus rubicunda (sinónimo Antigone rubicunda) Grus leucogeranus (sinónimo Leucogeranus leucogeranus) Grus vipio (sinónimo Antigone vipio) Grus monacha Grus nigricollis Grus japonensis Xénero Anthropoides Anthropoides paradisea (sinónimo Grus paradisea)